A don Álvaro Cunqueiro, no 32ª cabodano do seu pasamento

Se de min algún día despois de morto, se quixera facer un eloxio, podería dicir a miña lápida:
Eiquí xaz alguén que coa súa obra fixo que Galicia durase mil primaveras máis
.

Probablemente nunca saberemos cal foi o motivo íntimo que impulsou a Cunqueiro a suxerir que a súa lápida expresase este desexo que, por outra parte, debemos agradecer pois, alén da existencia física do seu autor, a obra que nos deixou en herdanza é, realmente, un fértil fermento para un, desexamos que milenario e “primaveral”, futuro para o noso país e para a nosa lingua.
Quen lea a correspondencia (recentemente publicada) intercambiada entre 1955 e 1961 entre Cunqueiro e o seu amigo, case irmán, o notario Alberto Casal Rivas, entenderá de contado que o texto escollido por Cunqueiro para o seu epitafio expresa tamén un desexo, o do fin último da súa obra, unha forma de entender a literatura como se fose un resorte ou mecanismo para expresar afectos.
Cando Paula Casal, filla de Alberto e afillada de Álvaro Cunqueiro, conta como o seu padriño (un home entón xa feito e dereito de máis de 50 anos) se disfrazaba de mago Merlín para xogar con ela e coas súas irmás cando eran nenas, para celebrar uns disparatados e seica moi divertidos “congresos astronómicos”, un pensa que para Cunqueiro a literatura era unha forma de vivir. Un conto, máis ca un texto, é un acto de amor vestido (fermosamente vestido, tratándose de A. Cunqueiro) de palabras.
A. C. escribiu un conto para outra das fillas de Alberto Casal que permaneceu inédito ata despois da súa morte, publicouse o 5 de xaneiro de 1982 baixo o título en castelán “Historia de una isla llamada Brenda”.
Este texto, cuxa publicación constitúe unha das primeiras homenaxes póstumas ao escritor, un relato que editores e críticos encadrarían hoxe dentro do nebuloso e esvaradío espazo da chamada Literatura Infantil, é revelador sobre o que Cunqueiro podería pensar sobre a función liberadora, motivadora, reanimadora da literatura
En “Historia de una isla llamada Brenda” conta Cunqueiro que dunha illa grande nace unha illa pequena, que se deschiva da nai-illa tal como unha mazá se desprende da póla dunha mazaira.
A final do verán, a illa nova, autónoma, transfórmase en nena de carne e óso á que cristianizan póndolle de nome de Brenda.
Antes do outono e para evitar que os temporais a estragasen, o mago Merlín, por maxia levitativa, sácaa do mar e pona a salvo en terra firme.
Cando a nena sorría, non facía falta luz eléctrica, pois era como se se acendesen 100 lámpadas a un tempo; e cando saía ao xardín, florecían ao instante os roseiras.
“Pero lo más hermoso de la historia de la isla que se convirtió en la niña llamada Brenda—prosigue para rematar Cunqueiro— es que desde que ella sonríe en el reino del rey Magnus, se han terminado las guerras y discordias. Se ha visto pasear al lobo conversando amigablemente con el cordero, y si la gente está segando el trigo y comienza a llover, Brenda sonríe y se van las nubes. Dormida en su camita, no se sabe si lo que allí descansa es una camelia o un ruiseñor”.

A dozura deste relato aínda se amosa máis intensa cando noutra das pasaxes se nos di que un paporroibo berrou tan forte o nome de Brenda que alasou e que caeu no chan falto de aire ata que un xílgaro lle fixo o “boca a boca” e conseguiu reanimalo.
E foi sorpresa —di Cunqueiro— que cando o paporroibo se repuxo, cantou coma o xílgaro, a consecuencia do aire que aquel lle metera dentro para darlle alento e salvarlle a vida.

Eiquí xaz alguén que coa súa obra fixo que Galicia durase mil primaveras máis.

Oxalá que este alento xeneroso que nos subministra a obra de Álvaro Cunqueiro (tal e como fixo o xílgaro co paporrubio) nos sirva aos mindonienses para reanimarnos colectivamente, e para que, ao erguernos do chan, cantemos coa súa voz, a voz que vén sendo a nosa lingua propia.
Non se me ocorre maneira mellor de contribuír a que esas mil primaveras cheguen a ser algún día unha fermosa posibilidade.
Que mellor antídoto para o adormecemento mindoniense que o legado de Álvaro Cunqueiro?

Antonio Reigosa
Cemiterio vello de Mondoñedo, 28 de febreiro de 2013