1º Manifesto do Grupo Literario “Leiras Pulpeiro”: Sobre os accesos desde a Autovía do Cantábrico
Todas as persoas que formamos parte do Grupo Literario “Leiras Pulpeiro” temos como referente humano ao médico, poeta, político e humanista Manuel Leiras Pulpeiro. Del aprendemos sobre todo que o interese xeral está sempre por riba de calquera comenencia particular ou partidista. E ademais, todas e todos nós temos querenza como lugar afectivo e da memoria polos valores culturais herdados dos homes e mulleres que ao longo da historia deron brillo e resplandor a Mondoñedo. Somos conscientes de que a simple alusión a un pasado glorioso non abonda, senón que nos obriga a velar porque o prestixio herdado non se esvaeza e a traballar para que o presente e o futuro de Mondoñedo e das súas xentes acrecente e consolide un ben patrimonial que, sendo local, tamén é universal e debemos compartilo co resto do mundo.
Os que participamos deste proxecto, fose por nacemento ou por simpatía, sabemos que, como amosan os indicadores de todo tipo, o Mondoñedo do presente vive unha situación difícil, por múltiples e moi variadas causas, pero que afecta gravemente tanto ao benestar das persoas como ao propio creto da cidade, o que supón limitar de xeito importante as súas posibilidades de futuro.
Por iso, como colectivo e individualmente, manifestamos a nosa vontade de non manternos alleos a acontecementos, circunstancias, situacións ou decisións que ao noso entender poidan repercutir negativamente no devir mindoniense, como está sucedendo na actualidade como consecuencia da apertura da Autovía do Cantábrico. Unha vía moderna e de alta capacidade que permitiría, potencialmente, que moitas persoas atraídas pola historia mindoniense fosen e viñesen en poucas horas desde Lisboa, París, Barcelona, Donosti, Porto, Vigo, Santiago, Lugo ou A Coruña ata a nosa cidade. Porén, esta autovía circunvala Mondoñedo como se Mondoñedo fose unha illa.
Desde a Xesta, Lindín ou Arroxo, os tres puntos da enlace da autovía coa cidade, Mondoñedo parece unha illa afastada da costa do futuro. As estradas actuais están en malas ou, como é o caso da que parte de Lindín (lugar de orixe do pai de Leiras), en moi malas, pésimas condicións.
Como polo de agora non hai, que se saiba, ningún proxecto concreto e con garantías para atender este grave problema, máis alá de suposicións mediáticas alentadas por intereses partidistas, nós reclamamos unha solución inmediata e de calidade a este problema.
Mondoñedo non é nin quere ser unha illa, como reflicte a súa historia, senón parte dun valioso continente a visitar. Os que teñan a obriga de darlle solución e esperanza aos mindonienses non deben permanecer indiferentes ante esta xusta petición. Se o fan e un día a “auga” que nace da fonte dese seu abandono chega a asolagar a memoria nosa ou afoga o noso futuro, eles serán os únicos culpables.
Grupo Literario “Leiras Pulpeiro”
Mondoñedo, 28 de xaneiro de 2014