Os cristos do Fiouco
(artigo publicado o 5 de agosto de 2014, en El Progreso, páx. 12)
Antonio Reigosa
Desque se abriu ao tráfico o tramo da A8 entre A Xesta e Arroxo xa medio mundo sabe que agora no Alto do Fiouco hai dous cristos onde antes só había un: o auténtico e orixinal Cristo do Fiouco. É este un conxunto escultórico de feitío popular, fabricado en pedra a finais do século XIX, mandado construír por dous amigos na divisoria entre as súas parroquias, a de Cadavedo da Pastoriza e a de Argomoso, de Mondoñedo. O sentido común dos artífices deste monumento relixioso induciunos a poñer o conxunto ao abrigo dun caseto que protexe o monumento dos ventos e das néboas que por alí, un día si e outro tamén, transitan. Cabo deste Cristo, segundo conta no seu blog o sempre ben documentado Andrés García Doural, reuníase en tempos a banda de músicos do grande Coruxeiras, un gaiteiro da Rigueira que deixou sementada a vella Terra de Miranda de puntos de muiñeira.
Desde o pasado mes de febreiro o ministerio de Fomento montou outro “cristo” no Fiouco. O trazado que deseñou para que a A8 esquivase Mondoñedo non foi o máis axeitado por moitas e moi diferentes razóns. E entre elas a máis grave, no tocante á visibilidade, as persistentes néboas que baten contra o cordal montañoso que vai ata os 700 metros de altitude desde A Xesta ao Padornelo.
O choque en cadea do pasado 26 de xullo a media mañá puido ser (e dabondo mal causou) outro Angrois un ano despois. Din os que alí estaban que as balizas antinéboa non se vían e que só a axilidade e decisión daquelas persoas que abandonaron os seus coches e recomendaron a todos os demais que fixesen o mesmo evitou unha enorme traxedia. Un trazado mal escollido xunto a unha deficiente sinalización son as verdadeiras causas deste accidente que, por certo, non é o primeiro neste tramo que tan só leva aberto ao tránsito seis meses. Seis meses de sobresaltos e medos, confesados por moitos condutores que por alí se ven obrigados a pasar regularmente, non poden ser o estandarte modernizador dun goberno que presume de ternos situados entre os países cabeceiros do mundo civilizado.
Aínda que as autoridades e moitas persoas e colectivos de Mondoñedo e dos concellos de arredor manifestaron de mil maneiras antes e mais despois que o trazado era un erro e que as consecuencias podían ser estas, todo iso foi despachado e arquivado no caixón dos alarmismos.
E agora, que, señoras e señores do fomento! Cerramos o tramo cando haxa problemas mentres non inventamos un sistema de varredora universal para néboas! Con que pano ou cataplasma lle facemos as curas a este despropósito! Ata unha vaca daquelas que pacen polos montes da Farrapa sabería que dicirlle a calquera pastor que lle preguntase.
Cando se abriu ao tráfico este tramo, o Grupo Literario Leiras Pulpeiro queixouse con un manifesto no que se dicía que Mondoñedo non é illa. Claro que non. Mondoñedo nin é nin ten vocación de illa; Mondoñedo, tamén para esta situación, é unha solución. Pensen ou pregunten, e atendan ao que se lles di.
Un bispo mindoniense mesmo deixou concedidas indulxencias a quen fíxese algún prego diante do Cristo do Fiouco e hai que concluír que boa falta farán pois polo de agora, mentres o ministerio de Fomento non o remedie, o Alto do Fiouco quedou, a efectos de seguridade, feito un cristo.