Balsaminas

Balsaminas. Portada do exemplar agasallo do autor a J. Trapero Pardo (reducida)

Este é o título dun libriño de tan só 66 páxinas da autoría do sacerdote, capelán da SICB e escritor Manuel Rico Prieto. Foi impreso en Tip. de “C. de Acción Social Católica” de Mondoñedo en 1952/53. Contén 21 capítulos organizados baixo o subtítulo “Cuentos / Teatro / Versos / Santoral de Galicia / Guión histórico de Mondoñedo”.
Os títulos dos relatos son Mercedes d’o Pazo, La Francesita (onde se alude, sen mencionalo, aos contratempos amorosos de Pascual Veiga), Mariana Pineda, Antonio y Aurelia, Sacrificio de amores, Leyenda piadosa (descrición dun milagre da Virxe dos Remedios), El sargento Filgueira; pequenas pezas para teatro como Yo quiero ser estrella (juguete cómico en un acto), El relevo de la guardia (juguete cómico en un acto), Gonzalo, el poeta (juguete cómico) ou O Paragüero (monólogo cómico-lírico), este en galego. Tamén están escritos en galego os poemas A Campaíña d’as Monxas, Abandonada d’os seus, Subida e baixada, Sembranza, dedicado a A. Noriega Varela, e Sembranza (doce recordo) dedicado ao bispo e poeta en bable Manuel Fernández de Castro. No titulado El lobo de mar recrea unha ofrenda á Virxe dos Remedios. Seguen textos como Santoral de Galicia, un recompilatorio de mártires, beatos, venerables, misioneiros e santos, canonizados ou non, vencellados a Galicia, entre os que se citan a san Gonzalo, san Rosendo, as monxas mindonienses sor Marcelina del Riego e sor Umbelina (tía carnal do autor), así como o padre pasionista Inocencio Canoura, quen pasou de sirvente no Convento dos Picos a frade da orde para morrer asasinado en Turón (Asturias) en 1934. Unha guía ou Guión Histórico de Mondoñedo, Mindonienses ilustres, con breves reseñas de persoeiros relevantes, e Episcopologio de Mondoñedo 1853-1953, completan este mostrario de opúsculos e textos literarios que deberon ser elaborados polo autor en diferentes épocas da súa vida.
O título, seguramente, ten que ver coas propiedades cicatrizantes que se atribúen á planta chamada balsamina, ou, se cadra, ao nome comercial dunha pasta que se usaba contra catarros e afonías.
O autor naceu o 12 de xaneiro de 1889 e morreu o18 de novembro de 1964 en Mondoñedo(1). A súa familia materna, e onde naceu a súa nai, foi caseira na propiedade anexa ao Convento dos Picos logo de ser desamortizado en 1835. Segundo José Mª Díaz, Manuel Rico foi dos primeiros que tivo aparato de radio en Mondoñedo(2). Asinou artigos de tema histórico, cultural, relixioso e político en xornais e revistas como Vida Gallega, San Pedro de Mezonzo, Pregón e, sobre todo, en Vallibria, de Mondoñedo. En Las Riberas del Eo (2 de outubro de 1954) publicou un curioso texto poético titulado “Mindonienses ilustres” no que fai unha relación de paisanos egrexios. Tamén é autor doutra miscelánea publicada en 1934 e que leva por título Vibraciones. Nos seus textos, a inmensa maioría en castelán, predomina o ton doutrinal, sempre na defensa de valores políticos e relixiosos de natureza conservadora.

Notas
(1)Miscelánea Mindoniense, blog ao coidado de Andrés García Doural
(2)Díaz Fernández, José María, “El sacerdote D. Manuel Rico Prieto, en mi recuerdo”, Mondoñedo, nº 40, marzo 1995, p. 4.