Etnografía mindoniense

Tócame a min, previa suxestión de Xoán Carlos Bouso*, artellador desta mesa redonda baixo o título “A pegada dos autores da comarca mindoniense na literatura galega”, introducir brevemente o tema da etnografía e dos etnógrafos mindonienses. Logo, se hai ocasión para o debate, tentaremos profundizar nalgúns aspectos de interese literario sobre as particularidades do patrimonio etnográfico mindoniense.
A Asociación “Pena do Golpe”, con moi atinado criterio, quere conmemorar a un tempo o Día das Letras Galegras deste ano 2006 e, de paso, chamar a atención sobre a importantísima influencia que os creadores, investigadores e estudosos mindonienses tiveron ao longo do pasado século no vizoso florecemento das letras galegas. E debo comezar dicindo algo que é obvio e ben coñecido por todos os presentes: o principal estudoso, investigador e divulgador da etnografía mindoniense foi Eduardo Lence Santar (Mondoñedo 1876-1960). Ademais de etnógrafo, Lence foi editor, historiador, xornalista, poeta, cronista e ensaista. Poucos coma el dedicaron tanto esforzo a estudar e dar a coñecer o pasado da bisbarra mindoniense.
EDUARDO LENCE é un dos grandes descoñecidos da cultura galega. Só nos últimos anos, e grazas ao esforzo dalgúns investigadores mindonienses como Xe Freyre, Armando Requeixo ou J. Isidro Fernández Villalba, imos coñecendo algúns aspectos (artigos, poesía, ensaio) da ampla e interesante obra de E. Lence Santar. No que toca ao campo etnográfico, a obra de Lence aínda é pouco e mal coñecida. Claudo Rodríguez Fer fíxolle algo de xustiza en A literatura galega durante a guerra civil (1994); Armando Requeixo en Escritores mindonienses (1998), e este mesmo estudoso xunto con Xe Freyre en Poesía galega (1999) ou o mesmo Xe Freire en Vida dunhas barbas (1998).
O primeiro traballo publicado por Lence relacionado coa etnografía, do que haxa constancia por agora, foi unha colección de adiviñas aparecidas no Boletín da Real Academia Galega, 4 (1906). Este mesmo ano publicou en Minerva “Cántegas populares d’as ribeiras do Masma”. Logo foron aparecendo traballos etnográficos asinados por el en Galicia (1935), Vallibria (1938-1940), Cultura Gallega (Cuba, 1938), e en publicacións autoeditadas como Mondoñedo, Nadal, Folklore mindoniense, Feiras e festas das San Lucas, nas que foron vendo a luz sucesivas contribucións de Lence desde 1943 ata 1956.
A principal achega de Lence ao coñecemento etnográfico constitúea a serie publicada no xornal El Compostelano entre os anos 1927 e 1941, un compendio que abrangue desde literatura, refráns, contos, lendas, lexicografía ata costumes, ritos, medicina, xogos, oficios, …etc. referidos a unha ampla xeografía que inclúe, ademais de Mondoñedo, datos moi interesantes dos concellos, entre outros, de Riotorto, Abadín, Alfoz, Foz, Barreiros, Burela, Castro de Rei, Cervo, Meira, Lourenzá, A Pastoriza, Muras, pero tamén dalgúns tan distantes como Chantada, Guitiriz ou dalgúns lugares do occidente de Asturias.
A serie publicada por Lence en El Compostelano foi publicada por Follas Novas, Santiago, 2000, nunha edición a cargo de Armando Requeixo. Para non facer desta presentación un monográfico sobre Lence remito ás publicacións mencionadas, pois a que o benquerido amigo Armando Requeixo denomina Escola Etnográfica Mindoniense ten outros referentes moi sobranceiros.
MANUEL LEIRAS PULPEIRO, o grande poeta e mellor médico, recompilou e publicou unha colecta de refráns na revista Galicia en 1893, e cantares e adaxios ao longo de 1913 no Boletín da Real Academia Galega. X. L. Franco Grande (1970) e Ramón Reimunde (1984) nas respectivas edicións da obra completa de Leiras inclúen frases, adiviñas, adaxios ou cantares froito da preocupación deste autor pola literatura oral.
Outro grandísimo poeta mindoniense, ANTONIO NORIEGA VARELA, contribuíu de xeito relevante ao labor etnográfico publicando cantares e adiviñas en 1912 no Boletín da Real Academia Galega, nas revistas Nos, Vida Gallega, e en O gaiteiro de Lugo, e, sobre todo, deu ao prelo monografías como A Virxen y-a paisanaxe.100 cantigas populares (1914) e Como falan os brañegos (1928), obra esta que tivo continuidade con dúas entregadas publicadas en Vallibria o ano 1930.
A estas tres figuras sobranceiras, LENCE, LEIRAS e NORIEGA, poderíanse engadir outros nomes, menos coñecidos, que aportaron tamén imprescindibles datos para o coñecemento da nosa cultura popular. Tal é o caso de R. AGUIAR que recompilou versións do romanceiro que apareceron na revista Galiza en 1932, ou o do poeta abadinense A. IGLESIA ALVARIÑO que en 1947 publicou en Cuadernos de Estudios Gallegos un artigo sobre usos e costumes na parroquia de San Xoán de Vilarente entre os séculos XVIII e XIX. Se cadra, tamén poderíamos sumar a estes nomes o de X. TRAPERO PARDO, chairego de nacemento, pero formado en Mondoñedo, onde ademais de dirixir Vallibria recolleu material etnográfico que difundiu durante moitos anos a través das ondas, en Radio Lugo, e no xornal El Progreso.
Por outra parte, e aínda que compete a outros compañeiros traer a esta mesa o seu nome, non quero deixar de mencionar neste apartado, sequera de pasada, a, ao meu entender, estreita relación dunha boa parte da obra creativa de ÁLVARO CUNQUEIRO coa literatura popular tradicional. Aínda que o imaxinario cunqueiriano non se circunscribe aos derregos máis ou menos amplos desta comarca, quen, pregunto, non ve pegadas do lendario de noso en boa parte da súa obra? E para mostra bastaría, hai outras moitas, Tesouros novos e vellos, obra onde se mesturan, como a auga coa fariña para fabricar a mellor masa, o imaxinario colectivo e o particular do xenial escritor.
Somos conscientes de que nesta apresurada síntese non incluímos outros moitos traballos que deberamos engadir como, por exemplo, os datos sacados das informacións sobre sínodos ou visitas pastorais que tiveron lugar ao longo do tempo, nos que a miúdo, querendo corrixir vicios nos que adoitan caer cregos e fregueses se nos ofrecen valiosas informacións sobre hábitos culturais dos nosos devanceiros. Ou tamén, outro exemplo, deberamos achegarnos á música popular e citar o meritorio traballo de investigación de ANDRÉS GARCIA DOURAL e MONCHO GARCÍA GONZÁLEZ, publicado baixo o título A música en Mondoñedo en 2002.
O presente e o futuro da etnografía mindoniense, entendendo como tal unha ampla comarca que abrangue varios concellos limítrofes, conta xa con referentes a imitar. En 1998 Edicións A Nosa Terra publica a primeira edición de Contos do Valadouro, de X. PISÓN, M. LOURENZO e I. FERREIRA, magnífica recreación feita con escrupuloso respecto á oralidade, de textos narrativos tirados da tradición literaria oral. Este mesmo ano R. REIMUNDE publica Costumes antigos en Galiza, unha compilación de fichas etnográficas elaboradas por M. Leiras Pulpeiro sobre a vida e os costumes dos mindonienses antes de 1912. E tamén en 1998 ve a luz Polavila na Pontenova. Lendas, contos e romances, onde se amosan unha parte dos traballos de campo arredor dos distintos xéneros da literatura oral realizados polo EQUIPO CHAIRA (O. CARNERO, M. SALVADOR, X. R. CUBA e A. REIGOSA) no concello da Pontenova o ano 1996.
A edición do libro A carón do lume (Lugo, 1999) onde se publican as recollas de contos, lendas, cantigas, oracións, refráns, enredos, xogos …etc, feitas polos alumnos do Seminario Santa Catalina ao longo de varios anos, publicadas primeiramente na revista escolar Amencer, constitúe un magnífico exemplo para posibles traballos etnográficos orientados desde os centros escolares.
E o ano 2004 sae do prelo Da fala dos brañegos. Literatura oral do concello de Abadín, da autoría do EQUIPO CHAIRA, obra onde se recollen os traballos de campo desenvolvidos polos membros deste equipo durante o ano 1992 no concello de Abadín.
Con estes precedentes, que creo converten a nosa comarca nun dos referentes destacados sobre traballos e estudos etnográficos no conxunto de Galiza ao longo do século XX, confiamos en que asociacións, mestres ou particulares, co desexable e necesario apoio dalgunha institución, prosigan descubrindo e dando a coñecer a nosa etnografía; ou sexa, a nosa alma.

[Mondoñedo, 20 de maio de 2006] ___
*Texto elaborado con motivo de participar o autor na mesa redonda promovida pola Asociación Cultural “Pena do Golpe” para conmemorar o Día das Letras Galegas, 2006. O acto tivo lugar na Casa de Xuventude de Mondoñedo, o 20 de maio de 2006, e nel interviron, ademais do autor deste artigo, Ramón Reimunde, Manuel Lourenzo, Antón Meilán, Xe Freire , e Xoán Carlos Bouso, com moderador.
©Antonio Reigosa
Artigo publicado orixinalmente en “A Voz do Masma”, nº 6, xuño 2006.