Mondoñedo no Camiño

A Unesco acaba de incorporar á Listaxe do Patrimonio Mundial o camiño de peregrinación que desde a beiramar do norte e pasando por Mondoñedo conduce a Compostela. Ademais, sinala a catedral mindoniense, xunto coa de Lugo, como bens asociados de interese singular, o que significa que o nome de Mondoñedo e o seu monumento relixioso máis emblemático van estar de agora en adiante a carón do máis selecto do patrimonio material e inmaterial da humanidade.
Este Camiño do Norte, coas súas variantes, xunto co chamado Camiño Primitivo, súmanse así ao Camiño Francés, xa recoñecido hai anos, como bens Patrimonio da Humanidade que tendo orixe en diferentes xeografías europeas, conflúen no epicentro da cristiandade do occidente europeo, Santiago de Compostela.
Este recoñecemento chega, por unha parte, grazas aos múltiples esforzos de institucións e entidades civís e relixiosas que o veñen reivindicando desde hai anos pero tamén porque é de xustiza que así sexa tras un demorado e frutífero camiñar por case mil anos de historia.
Mondoñedo naceu xa á beira do camiño, da “brea”, “bría” ou verea de Vilamaior, onde logo, no s. XII, se asentou a cidade e se comezou a edificar a catedral. Xa entón pasaban peregrinos por aquí camiño de Compostela como amosa a documentación referida a San Martiño e ao propio Mondoñedo. Non vai ser casual que a primitiva igrexa mindoniense atendese a devoción a Santiago Apóstolo, como non o foi que as rutas do norte fosen as preferidas nos primeiros séculos de peregrinación por razón de seguridade.
Un quere crer, na súa extravagancia imaxinativa, que aquela Brea que sucumbiu maldicida dentro da Cova do rei Cintolo, é un trasunto fundacional de Mondoñedo. Tras un diluvio purificador, Brea, a cidade encabalgada desapareceu e no val chamado Val de Brea ou Vallibria foi nacendo, tecida coas historias contadas polos primeiros peregrinos, a actual Mondoñedo.
Nunca saberemos se san Francisco de Asís, Il Poverello, subiu e baixou as costas de Mondoñedo na súa hipotética peregrinación a Compostela aló nos comezos do s. XIII, nin se, como se afirma noutros lugares, puido deixar posta a primeira pedra dun convento franciscano nos arredores. Tampouco poderemos documentar se Ashaverus, o Xudeu Errante, cando foi visto no Alto da Xesta un inverno de ano impreciso pasara antes ou non por Mondoñedo; mais é probable. Un condenado a andar os camiños do mundo desde os tempos do Calvario ata os do Xuízo Final debera ter a obriga moral de visitar Mondoñedo cada certo tempo.
Seica cando coroou dixo: Permita Deus que neve ata que non colla unha agulla entre a tona da terra e a bóveda do ceo, e ía alasando, canso tras dunha ascensión tan esixente.
Nunca, afortunadamente, nevou con tal intensidade por aquí pero saber o que pensou e desexou un personaxe tan miserable despois da camiñada desde o val ata aquela altura fainos cavilar nos estragos físicos e psicolóxicos dun esforzo sobrehumano.
“Peregrino que pase, memoria levará”, escribiu A. Cunqueiro nun artigo publicado en El Progreso de Lugo en xullo de 1961. Peregrino que pase, memoria debe levar, e, engado eu modestamente, memoria debera deixar.
Por iso, ademais de congratulármonos por sermos recoñecidos como lugar de mérito no camiño, de ofrecer auga, comida, coidados e repouso a quen teña sede, fame, dor ou sono, os e as mindonienses debemos pensar en atender outras necesidades dos viaxeiros.
Cada paso que andamos é una experiencia que debe ser compartida polos que contigo van, polos que moran na beira do camiño e polos que desandan xa ese mesmo camiño que ti andas pero que aínda descoñeces. Ou, dito máis bonito e máis poético, en palabras de Kaváfis: Cando emprendas a túa viaxe a Ítaca, pide que o camiño sexa longo, cheo de aventuras, cheo de experiencias … Chegar alí é o teu destino. Mais non apresures nunca a viaxe. Mellor que dure moitos anos e atracar, vello xa, na illa, enriquecido de canto gañaches no camiño sen agardar a que Ítaca te enriqueza.
Eu pediría que en Mondoñedo, ademais de cumprir escrupulosamente coas normas de cortesía e hospitalidade para cos que por aquí transiten, atenderamos tamén esa necesidade de aventuras e experiencias do viaxeiro que nos recomenda Kaváfis. Que propiciásemos a conversa repousada, a comunicación proveitosa, a historia didáctica, a memoria ilustrada nunha pousada de Mansur onde un ou unha Simbad crearan tan só coa palabra un amencer de esperanza cada empardecida.
Que o viaxeiro saiba que a estación Mondoñedo non é só un lugar de paso, senón unha necesidade para o espírito como o eran as Illas Cotovías ou o País de Bolanda para Simbad.
O camiñante cando chegue a Compostela ao final dos días da viaxe debe sentirse sabio e talvez entón decida desandar esa experiencia.

@ Antonio Reigosa
Publicado na revista ‘Amencer’, Real Seminario Conciliar de Santa Catalina, Mondoñedo (Lugo), nº 229, xullo-setembro 20015, páx. 19-21.