Patacas

Como cada ano, agás os primeirísimos de vida, ando estes días botando unha man na apaña das patacas. Un traballo que tira do peito e do lombo pero que, ben mirado, é pouco se o comparamos co número de días do ano que, amañadas dunha ou doutra maneira, dan alegría ao noso estómago.
Todos sabemos que as patacas chegaron de América, a orixe está polos Andes, e que o primeiro lugar onde se coñeceron en Europa foi precisamente na Mariña da antiga provincia de Mondoñedo.
Algúns prexuízos (considerábase causante da lepra) fixeron que a pataca tivese ata o s. XVIII só categoría de planta ornamental. Arredor de 1730 unha praga que afectou aos castiñeiros e minguou a produción de castañas (entón alimento principal) provocou que a fame conseguinte se resolvese aumentando o cultivo das patacas como alimento humano e animal.
Dise que foi un tal Parmentier quen convenceu ao rei francés Luis XVI para que se estendese o seu cultivo por Francia a partir do s. XIX. E que foi un cociñeiro americano o que inventou as “chips” en 1853. O gastrónomo galego Jorge Fernández Nogueira considera, sen embargo, que a descuberta das patacas fritas foi cousa dunha asturiana chamada Matilde, quen, sendo barregá do crego de Vilapedre, (unha freguesía da provincia mindoniense), fritiu unhas poucas e o crego non dixo que non. O crego era cordobés e traía o aceite de por aló.
Sexa quen for o inventor auténtico da papa fritida, milleiros de variedades deste tubérculo cultívanse e consúmense (cocidas, asadas, fritas) como acompañamento ou soas. En Galicia aclimatou tan ben que ata os nomes dalgunhas variedades se galeguizaron: a Kennebet chámase “Canabé” e a Red Pontiac “Repontiá”
A pataca salvou moitas vidas mais tamén tivo os seus contratempos. En Irlanda, entre 1846 e 1851, por causa do fungo “Phytophora infestans” que estragou as colleitas de patacas morreron máis dun millón de persoas. “Morrón no patacal a todo o pobo fai mal”. O morrón, chasca ou queima (mildio) é unha enfermidade que afecta ás partes verdes das pataqueiras provocada por estes fungos microscópicos.
Cóntase por toda Galicia que cando chegou aquí outra praga, a do escaravello da pataca a mediados do século XX, houbo quen dixo que os tiraban desde os avións americanos. Moitos afirman que atoparon tarros de vidro, ou caixas de cartón, cheos de escaravellos. E algo hai, ou pode haber.
Parece que o escaravello da pataca chegou a Europa en 1875 e que se erradicou, mais que volveu a aparecer, concretamente en Alemaña, en 1914. En España foi en 1935 cando se detectou. O becho viña dos USA, das Montañas Rochosas, onde se observou xa en 1824. Pero foi a partir da Segunda Guerra Mundial cando se estendeu masivamente, comezando polas plantacións das contornas das bases americanas.
A propaganda da Alemaña nazi, e logo a da URSS comunista insistiu na orixe americana do escaravello, asegurando o mesmo que se di por aquí, que os tiraban os soldados americanos desde os avións. Na zona oriental da Alemaña dividida tras a guerra houbo en 1950 unha praga enorme de escaravellos que derramaron máis da metade das pataqueiras. A lenda parece pois, en grande parte, verdade. Haxa patacas!

©Antonio Reigosa