De Madrid a Mondoñedo: A procelosa travesía dos restos de Pascual Veiga

Pascual Veiga morre en Madrid o 12 de xullo de 1906. En setembro deste mesmo ano constitúese en Bos Aires unha comisión presidida por José Mª Miranda Luaces, presidente da Sociedade Mindoniense na Arxentina, co propósito de organizar unha homenaxe ao ilustre músico. veigaO obxectivo é reunir os fondos necesarios para trasladar os seus restos desde Madrid a Mondoñedo e construír un mausoleo. Ese mesmo ano, organízanse na capital arxentina numerosos actos encamiñados a conseguir fondos e a lembrar a obra e figura do excelso músico. Actividades que se intensifican nos anos seguintes, ás que se suman colectividades galegas como a de Cuba en 1907 pero que van ir decaendo progresivamente en entusiasmo ata o ano 1911.

O 20 de decembro de 1907 celébrase en Cuba, no Teatro Tacón (Teatro Nacional) da Habana, unha velada para recadar fondos na que intervén Curros Enríquez, xa débil de saúde (morrería o 7 de marzo do ano 1908,) lendo un poema inédito  titulado “A Alborada de Veiga”. Preside o acto un busto de Veiga, obra do vigués Mariano Miguel, e interprétase por primeira vez o Himno Galego con música Veiga e letra do poema ‘Os pinos’ de Eduardo Pondal. Executa o Himno a Banda Municipal da Habana dirixida por Guillermo Tomás. No mesmo acto, o orfeón “Ecos de Galicia”, dirixido por Chané, cantou a “Alborada” de Veiga.

En xullo de 1911 sucede algo que reaviva o asunto ao cumprírense 5 anos da morte de Veiga; a ameaza certa de que se trasladen as súas cinsas desde a sepultura á fosa común.

Os galegos de Madrid reaccionan e suplícanlle unha prórroga ao concello da capital. Esta noticia activa Mondoñedo; o alcalde, Francisco Díaz Portas, e o deputado en Cortes por Mondoñedo, Montero Villegas, formalizan a petición de prórroga ao concello de Madrid. Prende algunha que outra voz crítica na prensa galega sobre os desafectos aos fillos ilustres, sobre todo, ata que o concello de Madrid aproba unha proposición e concede sepultura gratuíta aos restos de Veiga para que non desaparezan.
Gañábase así o tempo necesario para que os galegos de Bos Aires e da Habana dean a coñecer os cartos recadados (máis de 15.000 pesetas naquel momento), os de Madrid ocúpanse das xestións para trasladar os restos; en Mondoñedo andan a voltas coas obras de ampliación de camposanto.
A finais deste ano 1911 xa se sabe que os restos serán traslados a Mondoñedo, que lugar ocupará o mausoleo dentro do cemiterio, e que o concello poñerá unha placa conmemorativa na casa natal do músico. Tamén se anuncia xa a comitiva política que acompañará os restos desde Madrid a Mondoñedo. Para a coordinación xeral de todos estes actos, o concello de Mondoñedo nomea unha comisión, presidida polo tenente de alcalde, Alejo Ferreiro, na que figura o máis selecto da intelixencia mindoniense do momento.
Nos primeiros meses do ano 1912 renacen na prensa as queixas sobre a lentitude dos traballos e especúlase cos posibles contidos do acto, entre eles, organizar unha caravana de animosos ciclistas que irían desde Lugo a Mondoñedo acompañando os restos. En fin, moitos máis contratempos houbo aínda.

En agosto, algún xornais anuncian que se pospón a chegados dos restos de Veiga ata a primavera de 1913, alegando facilitar a viaxe dos representantes galegos na emigración que tanto contribúen para atender os gastos. Falsa alarma!
O día 16 de setembro de 1912 exhúmanse os restos de Veiga no cemiterio da Almudena de Madrid, comezando a viaxe de regreso á terra no tren correo ata Baamonde ás cinco e vinte da tarde. O día 17 viaxan desde Baamonde a Mondoñedo, con parada en Vilalba ás 4 da tarde, onde se lle rendeu homenaxe, e chegan a Mondoñedo ás 7 da tarde deste mesmo día.

Esa noite repousan na capela da Magdalena da catedral e o 18, ás 10 da mañá, como se conta en Vida Gallega, número 39, en crónica de Jesús Lombardía, infórmase con detalle da gran xornada que viviu Mondoñedo. A cidade enteira, engalanada con colgaduras con crespóns negros, é testemuña de cómo os restos de Veiga xa descansan na terra natal.

No cemiterio “Terminados los discursos, el público quiso ver el rostro de Veiga. A través de una mirilla de cristal veíase confusamente el cuerpo del músico cantor de Galicia; la cabeza, un poco torcida, acusa todavía los principales rasgos fisonómicos del maestro”. Reprodúcense nesta revista fotografías dos principais impulsores do acto, e un debuxo do mausoleo, obra de Ramón Martínez González de Ínsua.Restos mortais Veiga_2
A fotografía que acompaña este texto, xenerosidade do mindoniense José Ramón Díaz Cruz, propietario actual das casas apegadas á natal de Veiga, amósanos o outro gran acto que tivo lugar ese día, 18 de setembro de 1912, e a gran concorrencia de xente que asistiu á descuberta da lápida que se colocou na casa natal de Veiga, a cargo do concello, na entón chamada rúa dos Templarios, número 3, e hoxe rúa Pascual Veiga, número 11.
Uns días despois deste magno acontecemento, a prensa local mindoniense asegura que os traballos do mausoleo, dos que se encarga o contratista Constela con seis operarios, se realizan con celeridade, e que nas canteiras de mármore de Sasdónigas apura o remata das pezas un mestre marmorista.

© Antonio Reigosa