De par de Leiras

Manuel Leiras Pulpeiro (Mondoñedo 1854–1912) foi deses bos e xenerosos que deixan nas atmosferas que habitan unha pegada imperecedoira. Canto máis sabemos deste médico, poeta, etnógrafo, republicano federalista, filántropo (e mil cousas máis), coherente ata máis aló da morte co seu pensar, máis o admiramos. Unha persoa íntegra nun tempo radicalmente hostil. Epítetos como “santo laico” ou “médico dos pobres” certifican sen máis a estima dos seus coetáneos.Manuel_Leiras_Pulpeiro
Tras moitos anos de esquecemento, agás que se lle dedicou o Día das Letras Galegas en 1983 e que en Mondoñedo de cando en cando nos lembramos del, o seu nome volveu á actualidade co centenario da súa morte en 2012. Celebráronse unhas xornadas arredor da súa figura e obra (recomendamos a lectura das actas que sintetizan o que se dixo e debateu), constituíuse en Mondoñedo un grupo literario que leva o seu nome e agora, o vindeiro 6 de marzo, vaise presentar en sociedade nunha denominada “Xornada da Lembranza” co Roteiro Turístico e Literario Leiras Pulpeiro. Un percorrido convenientemente sinalizado, complementado cun folleto con textos de Xe Freyre, a proxección do audiovisual “Polos camiños de Leiras”, dirixido por Matías Nicieza e narrado por Marina Mayoral, amais da lectura de textos da súa autoría e a plantación dalgunhas árbores pois Mondoñedo foi cidade pioneira nisto de festexar os pulmóns da natureza.
Todo isto é resultado da colaboración institucional, concello e deputación, con colectivos sociais, culturais e empresariais, xunto a persoas que a título individual lograron que poidamos andar e ver “de par de Leiras” o Mondoñedo de onte e de hoxe.
O itinerario é un compendio de lugares e historias transversais coa biografía de quen lle dá nome. Comeza no Centro Cultural de Alcántara, onde se fai memoria de ilustres mindonienses, para seguir polas casas onde naceu e viviu, ou nas que traballou ou tivo algunha actividade en beneficio da comunidade. Pasa por lugares de repouso como a Fonte Vella, de rezo, a catedral, ou formación, o Seminario, aos que nos van conducindo rúas que serpean entre vetustos edificios. No Cemiterio Vello, na parte civil, contemplando algúns símbolos da masonaría que decoran a súa campa comprendemos definitivamente as angueiras daquel que dixo “que non me chamen para o ceio / que non vou, non sendo á forza”
Desde aquí, nun chimpo no tempo e na historia, chegaremos ao castro da Recadieira, un santuario arqueolóxico e lendario, onde admiraremos a Pena do Unto. Seguiremos para visitar, e catar, a fonte das augas sulfurosas no lugar do Mazo, e remataremos, tras cruzar pola Ponte dos Garabullos, na Fervenza, un cadoiro no río Tronceda, onde existe unha área de recreo e os restos da que foi a primeira central hidroeléctrica mindoniense inaugurada en 1893.
Non é casualidade que se convide a esta apertura simbólica, ademais de a representantes institucionais e dos colectivos promotores, ao alumnado e profesorado dos centros escolares da Mariña pois a pesar dos anos transcorridos, Leiras segue sendo un modelo a imitar, sen merma da necesaria acomodación aos tempos.
Coherencia, dignidade, fraternidade e respecto son valores que se poden aprender andando os seus pasos ou coñecendo os seus desvelos.

©Antonio Reigosa
Artigo publicado en El Progreso (A Mariña) o 4 de marzo de 2015.