Hai 90 anos que morreu Víctor de Silva Posada
FOTO El Eco de Galicia, Bos Aires, nº 1240, 1926

El Eco de Galicia, Bos Aires, nº 1240, 1926

Tal día como o de hoxe, o 27 de decembro de 1925, morría en Mondoñedo, tras un proceso prolongado de padecementos, Víctor de Silva Posada. Contaba 67 anos. Nacera na mesma cidade, no seo dunha familia con grandes propiedades, o 25 de abril de 1858.
Comezou novo a participar na vida social mindoniense, formando parte de diversos colectivos. Foi escritor, xornalista e un gran historiador, un dos que máis aportou ao coñecemento da historia local. Mágoa que non teñamos aínda os seus traballos reunidos para darnos conta da magnitude e importancia da súa obra xornalística, literaria e histórica. Militou no Partido Liberal, de ideoloxía conservadora, e foi concelleiro e tenente de alcalde. Renunciou a ser cronista oficial (sería o primeiro) de Mondoñedo, cargo para o que foi proposto pola revista “Galica Diplomática”

Colaborou nos xornais locais “El Eco Mindoniense”, “El Hermandino”, “La Juventud” e “El Reparador”, e tamén en “Diario de Lugo”, “La Mañana”, “La Voz de La Coruña”, “El Regional”, “El Diario de Pontevedra”, “El Lucense”, “El Eco de Vivero”, “El Eco de Ourense”, “El Alcance”, “Galicia”, “Galicia Recreativa”, “Galicia Diplomática”, “La Revista Popular”, “El Liberal” e nalgúns outros, e tamén en cabeceiras de Madrid, A Habana, Bos Aires e Montevideo. O seu “Episcopologio Mindoniense”, que comezara publicarse por capítulos en “El Lucense” en 1891, quedou ás portas de ver a luz como libro. Foi correspondente da Real Academia da Historia e da Sociedade Económica de Amigos del País. Mantivo relación de amizade con, entre outros personaxes relevantes da súa época, Emilia Pardo Bazán, quen o loou dicíndolle “Amigo Silva, usted empieza por donde otros terminan”
Progresivamente foi abandonando o seu interese pola investigación, ata o punto de escribir en 1908 este texto desesperanzado como este: “en medio de estas montañas siempre verdes, pero siempre hundidas y sin horizonte”.
Cremos que urxe dar a coñecer tanto a súa biografía como procurar a reunión de toda a súa produción nun gran volume.

Nota:
Esta fotografía (El Eco de Galicia: órgano dos galegos residentes nas Repúblicas Sudamericanas, nº 1240_10/01/1926), facilitóunola a Real Academia Galega, por xestión do amigo, escritor e académico, Darío Xohán Cabana.