O 21 de decembro de 1899 morre en Madrid o avogado e político liberal Valentín Patricio Cándido José Martínez Montenegro, máis coñecido como Cándido Martínez Montenegro. Foi xuíz de paz e deputado provincial, oficial de Fomento, director xeral de Correos e Telégrafos, conselleiro de Estado e ministro do tribunal Contencioso-Administrativo. Foi elixido deputado a Cortes polo distrito de Mondoñedo en 1871 e en 1872, no chamado Sexenio Democrático. Volveu a ser elixido deputado polo mesmo distrito nas sucesivas eleccións que houbo entre 1876 e 1899 (10 convocatorias). En Mondoñedo, segundo se di na novela “A besta” de Xan de Masma (Patricio Delgado Luaces), era coñecido por “Chambriles”, por como arqueaba as pernas, á maneira dos chambarís que se usan para colgar os porcos cando a matanza. O concello de Mondoñedo nomeouno Fillo Predilecto en 1890 e dedicoulle unha rúa (agora chamada rúa Eduardo Lence-Santar). Nacera en Mondoñedo, na Praza da Catedral, o 9 de marzo de 1831.
21 Decembro, 2015
O 21 de decembro de 1899 morre Cándido Martínez Montenegro