No Teatro D. María II de Lisboa brillou como ningunha a estrela rutilante desta actriz que naceu en Mondoñedo en 1842 e morreu, cando o éxito máis lle sorría, con tan só 23 anos.
De Mondoñedo a Lisboa
Nun libro titulado ”Manuela Lopes Rey”, o nº 3 da colección Os Contemporaneos, editado en Lisboa probablemente en 1867, dise que naceu en Mondoñedo o 24 de outubro de 1843. En realidade, e así consta no rexistro da parroquia de Santiago de Mondoñedo, chamábase María Manuela Ramona Rey González e naceu o 1 de outubro de 1842, tal e como xa nos descubrira D. Gamallo Fierros en 1960.
Segundo o texto de Os Contemporaneos, cando a pícara ten entre 4 e 5 anos pasa por Mondoñedo unha compañía dramática itinerante que se hospeda na fonda onde a nai de Manuela, unha viúva cercada de dez fillos, traballaba. A meniña conquistaría a estima dos comediantes, e estes propoñeríanlle á nai que llela cedese en adopción.
O apelido “Lopes”, ao entender da Grande Enciclopédia Portuguesa e Brasileira, era o da súa nai adoptiva.
A faranduleira
Puido comezar así a vida nómade de Manuela, a carón dunha familia postiza, cun pai cariñoso pero cunha nai desafecta. Só unha muller vella lle amosaba o cariño dunha auténtica avoa.
Dise que aos 6 anos xa recitaba versos no escenario e facía pequenos papeis. Aos 8 representa na cidade de León a obra “O Gaiato de París”, e aos 9, estando en Palencia, morre o pai adoptivo, e un fillo da vella que lle facía de avoa (ao que Manuela chamaba tío) casa coa viúva e convértese no seu titor.
A compañía entra en Portugal por Valença, Chaves, Bragança … mais seguen as desgrazas. Estando na Régoa morre a avoíña, D. Dolores. Logo viría o deambular por Viana, Ponte de Lima, indo e vindo, collendo oficio. A saúde éralle esquiva, agora por febres intermitentes.
No Porto non tiveron éxito e a compañía disólvese. O seu titor viaxa a Lisboa e leva a Manuela canda si.
Outra versión dos primeiros anos
Gamallo Fierros desmente en parte, en artigos publicados en El Progreso o 9 de outubro e o 19 de novembro de 1960, esta versión. Transcribe a partida de nacemento, que confirma que tivo lugar o 1 de outubro de 1842. Era filla de Andrés Rey Expósito e de Francisca González, entón solteiros, veciños de Pradela, na Rilleira de Trigás, un lugar que pertence hoxe á parroquia de San Vicente. O seus pais casan o 11 de febreiro de 1843, e de aí en adiante van nacendo ata 7 irmáns máis: Dominica (1844), Rosa (1846), Bernardo (1848), Filomena (1851), Manuel (1854), morto axiña, outro Manuel (1856) e María (1860).
Imaxina Gamallo que Manuela aínda andaría por Mondoñedo aos 10 anos, e que logo emigraría a Portugal. Supón que en 1856 xa estaría en Lisboa, fose cal fose a maneira ou o motivo polo que marcha de Mondoñedo. Apunta Gamallo que Cunqueiro (por tanto, Cunqueiro soubo da existencia de Manuela) lle expresara verbalmente a opinión de que puidera terse ido para Lisboa como asistenta con alguén da familia Barro de Viloalle. De momento, outra imaxinación, neste caso de Cunqueiro.
Manuela en Lisboa
Segundo o historiador J. César Machado, quen tivo a fortuna de asistir como espectador á súa estrea como actriz, Manuela Rey chega en 1856, con 14 anos, a Lisboa da man do seu pai, formando parte dunha compañía de teatro ambulante. En Lisboa comeza recitando en español no Teatro do Salitre no drama O Filho do Cego. Fai de menino e conquista xa entón o favor do público.
Actúa en Setúbal, fai probas para o Teatro de San Carlos, declama en español e portugués ata que membros do consello dramático consideran que “ a hespanhola” ten algo; un don.
Duarte Cardoso de Sá dálle leccións de educación gramática e de lingua portuguesa, e axiña é contratada polo Theatro D. Maria II, onde estrea con éxito o 23 de novembro de 1857 a comedia A alegria traz o susto. O primeiro papel, sen embargo, ía ser o de “María” na obra Frei Luiz de Sousa, pero ao morrer o actor principal, houbo que suspender.
O pouco que gaña Manuela entrégallo á familia. Viste pobremente e peitéase peor. Cando representa a obra Os homens sérios tivo que empeñar o colar de ouro que lle deixara en herdo a avoa para poder mercar a roupa e os aderezos necesarios para as representacións.
Pouco a pouco vai gañando prestixio. En 1859 xa figura nunha listaxe de biografías de actores e actrices destacados de Portugal e Brasil que se ía publicar baixo o título “Galería artística” da autoría do propio Machado, Andrade e Ferreira.
Neste mesmo ano, polo outono, Manuela Rey lidera unha reclamación polémica ao solicitar do Teatro Nacional un pago mensual de 72 mil réis, unha nómina moi considerable para a época e para ela mesma, tendo en conta que tan só era unha promesa.
Tamén en 1859 recita por primeira vez, nunha sociedade dramática, unha poesía en portugués: Eu pobre donzella, na aurora da vida / já tenho tragado mil gotas de fel …
Aos poucos vai conquistando ao público en papeis menores, de “ingênua”, ata que a partir de 1864 van chegando outros máis importantes en obras como Os Fidalgos do Bois Doré, Fogo no convento, Vida de um rapaz pobre, Nobres e plebeus … xunto a actores e actrices de moito renome na época: Rossa, Theodorico, Tasso, Emilia das Neves ou Soller.
Amores e desamores
Ao parecer era alta e elegante, de pé pequeno, ollos entre verde e azul, cabelo entre louro e castaño, fermosa –loura musa de escena-; un tipo de beleza e elegancia nunca visto. De ollar vivísimo, o leve encrespar da fronte, “a prega eloquente dos cantos da boca, o ar ora triste, ora inocentemente alegre, o aroma de juventude e de poesia, a força e a graça daquele talento peregrino”.
En 1865 o escritor dramático J. A. Correia de Barros e o xornalista Francisco Serra, bátense en duelo por ela.
Pero antes, moitos antes, en Lisboa prendeu insistente o rumor de que o rei Pedro V, antes de casar coa princesa Estefanía de Hohenzollern-Sigmaringen, sentíu grande debilidade pola actriz e mesmo a quixo condecorar coa medalla da Orde de Santiago.
Escritora, pensadora
Manuela, ademais de actriz, escribiu algunhas obras como a comedia titulada A actriz e a o proverbio Por este deixarás pae e mãe, disque nun estilo elegantísimo. Atopáronse capítulos truncados de romances da súa autoría; tamén cartas, escritos filosóficos e apuntamentos autobiográficos. Neles percíbese a sensibilidade dunha muller aflixida cando se lamenta de non ter gozado da infancia nin das alegrías do corazón. Ou cando bota en falta o afecto maternal, ou un namoramento fallido, e ata reflexións arredor do feito de ser muller e de que os homes non comprendan: “Cegos que a não consideram como metade da sua alma senão como precisa á sua vaidade e aos seus caprichos …Para ao outro dia se afastarem d’ella como se desviariam dun lamaçal, não se lembrando que días antes eran elles propios que jubilosos se engolphavam n’essa lama”
A morte
En decembro de 1865 aínda brillaba no escenario. A principios do 1866 intervén en Um cura de almas, e recita, coa palidez no rostro, o poema Primeiros Amores de E. Vidal. Xa ten febre. O 5 de febreiro dá un paseo polo Jardim da Estrela e ao regreso séntese peor. O día 8 encamou. O 26 de febreiro sobre as 6 e media da tarde morre na Praça da Figueira, 46, 3º andar. Acompañábana naquela hora amigos poetas e actores.
O funeral tivo lugar na igrexa de San Domingos, e o seu corpo foi soterrado no Cemiterio dos Prazeres no espazo reservado pola Associação dos Socorros Mútuos dos Actores Portugueses.
Só os funerais do rei don Pedro V e os do gran orador José Estevão, desaparecidos cinco e catro anos antes, poderían comparárselle en número de acompañantes.
Elegancia, talento e graza singular; rara, encantadora actriz. Unha das mellores crónicas da súa morte, de alto contido literario, fíxoa o escritor Ramalho Ortigão para a Revista do Porto. No “Diccionario do theatro portuguez” dise que foi das máis ilustres artistas. Ernesto Marecos escribiulle unha sentida elexía fúnebre titulada Coroa de Perpétuas.
A muller lirio
Foise na tardiña do 26 de febreiro de 1866. Matouna o tifo e unha curta e intensa vida chea de penalidades e mala saúde. Manuela Rey, “notabilidade dramática”, a mellor actriz que tiña o teatro nacional portugués daquel entón contaba tan só 23 anos. Elegancia, talento e graza, xunto coa fermosura que se reitera en cada crónica, convertérona nun mito.
César Machado, o gran historiador do teatro portugués, dixo dela que era “mulher lírio” e o seu mal fado quixo que o seu derradeiro recitado diante o público (4 de xaneiro de 1866), un poema de E. Vidal, comezase sí: O lyrio desponta e cresce / á luz da manhã que assoma /tudo é viço e tudo aroma /n’aquella graciosa flor.
A sú carreira foi “rápida e brilhante”. O público adorábaa. Morreu? Non morreu; disipouse coma un relampo!
©Antonio Reigosa