Desque morreu Álvaro Cunqueiro “Mondoñedo no existe”, deixou escrito Juan Cueto. Non é verdade; Mondoñedo existir, existe, pero ás veces non se ve.
A sorprendente somnámbulista italiana Emma Zanardelli tiña anunciada a súa chegada a Mondoñedo para o 7 de xaneiro de 1884. Segundo El Hermandino (5 de xaneiro de 1884) a célebre “funámbula” solicitara por telégrafo a reserva do teatro (que entendemos era o que estaba na Alcántara, onda o solar dos frades Agostiños) para facer unha primeira función o 10 de xaneiro.
A “Compañía Real Italiana” percorreu a península, de arriba a abaixo, desde 1882 a 1885, ofrecendo ao público números sorprendentes de maxia, espiritismo, humor e hipnotismo. Estaban de moda estas pseudociencias, especialmente o magnetismo animal.
Xa estiveran de xira por aquí uns meses entre os anos 1879 e 1880; en Barcelona, Madrid, Valencia, Alacante .. actuando como reclamo unha moza chamada Elisa Zanardelli, susceptible de ser hipnotizada e de solucionar nese estado irresolubles misterios. Elisa era filla dun moi famoso “magnetizador” chamado Antonio Zanardelli.
En 1882 reaparecen nas illas Baleares. A moza chámase agora Emma Zanardelli, non sabemos se era a mesma Elisa co nome mudado, ou se era unha irmá ou outra persoa. Ela é a estrela protagonista dun espectáculo no que participaban o prestidixitador Orney, os irmáns Davenport e o doutor May, o hipnotizador que conseguía adormentar á “estática” Emma e sorprender ao público, e ata aos médicos, sesión tras sesión.
Desde Baleares a Valencia, Andalucía e Estremadura, pasando por Lisboa, Porto, Ourense, Santiago, Betanzos … Gran representación de hipnotismo e magnetismo humano —rezaban os cartaces— transposición do sentido, transmisión do pensamento, parálise, éxtase, evocacións e manifestacións dos espíritos, elucubracións nocturnas, para acabar a función con “A cataléptica de Santa Sabina” a cargo de Nena Italia.
Din as crónicas que unha boa parte do éxito das representacións debíase aos encantos físicos da médium. En El Diario de Lugo (20 de novembro de 1883), confírmano co seguinte comentario: Doado lle sería á somnámbula adiviñar o pensamento dos que viron os programas da función de hoxe. Pensan nela!
El Hermandino, no número correspondente ao 12 de xaneiro de 1884, di que a sonambulista Emma non se deixou ver por Mondoñedo, e iso a pesar de estar distribuídos anuncios por todas as esquinas das rúas mindonienses.
Antes da abortada visita, a agora denominada “Real Compañía Zanardelli” actuara durante o mes de decembro de 1883, e por esta orde, en Ferrol, Betanzos e Lugo. A Ferrol (sería premonitorio?) chegar chegou, pero máis tarde do anunciado.
“Un pensamento que se nos ocorre —preguntábase o redactor do xornal mindoniense—. Vería nos seus magnéticos soños o noso teatro? Todo o pode o espiritismo! Xa…! —conclúe– Por iso abundan tanto os espiritistas”
Emma Zanardelli ofrecía función en León, segundo informa o semanario leonés La Lira, o xoves 31 de xaneiro de 1884, con notable éxito.
Ferrol, Betanzos, Lugo e … León! Coma o tren! — pensamos nós.
@Antonio Reigosa
Artigo publicado en La Voz de Galicia (A Mariña) o 25 de xaneiro de 2016.