Punto e á parte: Pepe Ruiz Leivas & Mondoñedo

cabeceira mondo005

Este venres, 29 de xaneiro deste 2016, na Casa da  Xuventude de Mondoñedo, asistimos a un acto moi emotivo que constituíu un punto e á parte no percorrer histórico do xornal “Mondoñedo”.

Alí presentamos o nº 127 dun periódico que a Asociación “Amigos da Cidade de Mondoñedo” ven editando con regularidade nada menos que desde 1987. Esa sucesión de números do xornal suma 28 anos de prensa escrita, pensada e dirixida desde Mondoñedo para o mundo.

Xosé Díaz Jácome, Ricardo Pedreira, Pedro Díaz e Xosé Ruiz Leivas foron os encargados de conducir esta longa e frutífera travesía do xornal local, un dos máis lonxevos das arredor de 77 cabeceiras (contando os dixitais) que se publicaron en Mondoñedo desde 1856.

Despois dos saúdos iniciais, Xosé Ruiz expresou o seu agradecemento á longa nómina de colaboradores do xornal desde os seus inicios e a satisfacción que supón poder atender as demandas dos subscritores, algúns deles ben afastados. Razóns de idade (85 anos) e familiares son as que lle impiden continuar con esta responsabilidade.

O resto dos que tivemos ocasión de participar no acto coincidimos na necesidade de procurar un punto e seguido para que a prensa escrita xerada en Mondoñedo cumpra, cando menos, outras tantas primaveras. No debate de propostas quedou sobre a mesa esa evidencia e o desexo de que entre todos e todas fagamos o posible porque se converta nunha feliz realidade.

Houbo coincidencia xeral en que o acto non supoñía un final, senón un receso, unha oportunidade para reformular un dos patrimonios esenciais da cidade e do concello mindoniense; unha historia vinculada á literatura e aos medios que fixeron posible a súa difusión. M. Leiras Pulpeiro, A. Noriega Varela, E. Lence-Santar, X. Díaz Jácome, A. Cunqueiro, X. Trapero Pardo, Antonio Maseda, E. Tapia Rivas, C. González-Seco … son só a punta do iceberg da extensa nómina de artífices deste milagre. Para ilustrar esa interacción entre a escrita e a prensa mindonienses proxectouse “A liña das letras”, unha documentada revisión a través dunha liña do tempo, elaborada por Manuel Gago, Armando Requeixo e Javier Álvarez para culturagalega.gal.

Presidiu o acto, en representación do concello mindoniense, a concelleira María Ángeles Rodríguez Rico, e interviñeron, ademais do propio Xosé Ruiz Leivas, Fran Bouso, experto en medios de comunicación, Antonio Reigosa, cronista oficial de Mondoñedo, e Luis Fernández Ansedes, en representación das entidades organizadoras do evento. Varias persoas, de entre o numeroso público asistente, felicitaron e deixaron testemuño do seu agradecemento a unha persoa moi querida e á que lle recoñece un labor irrepetible.

Un punto e á parte ben merecido para Xosé Ruiz Leivas, e tamén para a Asociación “Amigos da Cidade de Mondoñedo” que deberá decidir en asemblea convocada para próximas datas sobre a continuidade do xornal e sobre a persoa ou persoas que deben guiar o camiño dun futuro desexado.

Organizou o acto a Plataforma  “Comarca de Mondoñedo Unida”, e colaboraron a Asociación “Abrindo Camiño”, ACIAM. Amigos da Cidade de Mondoñedo, Circulo Recreativo Casino, Xuvenil “Xoldra”, Deportiva Mondoñedo Ciudad, Pais, nais e alumnado da Escola Municipal de Música, Grupo Literario “Leiras Pulpeiro”, Orfeón da Sociedade de Obreiros, Colectivo Mondoñedo É …, Pais e Nais do IES San Rosendo AMOLOU,  Asoc. “As San Lucas” e o concello de Mondoñedo.

Mondoñedo, 30 de xaneiro de 2016