28 mortos na ‘Francesada’ en Mondoñedo

FournierO xeneral francés François Fournier ocupaba Mondoñedo desde o 25 de xaneiro de 1809 con 1.300 soldados de infantería e 700 dragóns, o principal corpo da cabaleiría do exército francés. O xeneral hospédase no pazo bispal. O 26 de xaneiro, o xeneral francés, queixoso pola falta de comodidade do apousento, está a piques  de pasar pola espada ao bispo Andrés Aguiar y Caamaño. O bispo non sofre dano pero vese obrigado a publicar unha pastoral para solicitar obediencia ao emperador francés. Nos días seguintes, os veciños do Valadouro, Oirán, Masma, Viloalle  e outros lugares fanlle fronte ás tropas francesas sen máis armas  ca fouces e forquitos. Os principais enfrontamentos tiveron lugar no Monte de Camba, o 17 de febreiro, coa consecuencia de 28 mortos entre os paisanos, no Monte de Carracedo, o 3 de marzo, con algún mortos, e no Monte Trinidade, en  Vilamor, o 11 de marzo, con varios mortos máis. Por fin, entre o 14  e o 19 de abril deste ano 1809, as tropas francesas abandonan Mondoñedo.

Naqueles días tan convulsos, o 2 de febreiro deste 1809, foi linchado en Dompiñor  (Ribadeo), acusado de afrancesado, Antonio Raimundo Ibañez, o asturiano dos Oscos fundador da primeira gran industria galega, a de fundición e armamento, e, sobre todo, a de cerámica en Sargadelos (Cervo). Unha biografía sombría a deste emprendedor ilustrado e ben relacionado, obxecto de envexas e conflitos que puideran ser a verdadeira causa do seu linchamento.

A reflexión provisional é que hai moitas cidades e vilas que para conmemorar fazañas tan heroicas, organizan actos e festexos para reivindicar con orgullo aos seus devanceiros.

(+ Almanaque de Mondoñedo)