Mondoñedo en Manuel María

portada amencer 231Mondoñedo foi lugar moi querido para Manuel María e deixou probas escritas dese amor, sempre agarimoso coas xentes e coa historia mindoniense. Para el Mondoñedo era un misterio, e afirmou máis dunha vez que debería ser por dereito natural a capital do Reino das Mariñas, terra insólita. A Paula, de bronce sonoro, sería o pregoeiro maior da cabeza deste reino.

Das San Lucas, que Manuel María só visitou cando mozote, dixo que eran feiras nas que se podía mercar de todo canto hai no mundo. Máis non se pode dicir, nin lle podemos pedir.

A Manuel María Fernández Teixeiro, chairego de cerna, gustábanlle moito as rúas labirínticas mindonienses, como de xardín de pazo dicía, e o val como unha man a medio abrir.

Mais abondaría cun poema e o relato que nos dedica en “Viaxes e vagancias de M. P.” para gardarlle eterna estima. O poema co que inicia o capítulo titulado “Misterio e revelación da Fonte vella ou de Álvaro Cunqueiro, na episcopal, nobre e leal cidade de Mondoñedo”, di que a urbe é “leve como o voo da bolboreta / feita de luz, nostalxia, seda e soño”.

Polo relato que segue ao poema, maxistral, sabemos que o seu alter ego, Manuel de Paderna, tiña por costume visitar Mondoñedo dúas veces ao ano; por Semana Santa e polas San Lucas.

Por este relato deambulan mindonienses que foron de carne e óso como Manuel Ledo Bermúdez “O Pallarego”, Eduardo Lence-Santar, Álvaro Cunqueiro, Xosé Díaz Jácome, Francisco Mayán e tamén un curmán do seu pai chamado Xosé Fernández Blanco que foi profesor do Real Seminario e cóengo maxistral da catedral; “un home pequeno, groso, outimista, moi falador e comunicativo e que diariamente almorzaba e merendaba chiculate”. E lugares de memoria imborrable como a taberna de Póngalas, a Ponte do Pasatempo e a barbería do Pallarego.

Manuel de Paderna era barbeiro, como “O Pallarego”, e tiña de amigo a Pedriño de Palacio, chofer dun bispo de Lugo chamado Rafael Balanzá. Este bispo era moi groso, tanto que lle custaba un mundo camiñar desde o pazo bispal ata a catedral de Lugo polo que cada Semana Santa facíalle ao seu chofer a encomenda de viaxar a Mondoñedo para recoller os santos óleos consagrados polo bispo mindoniense.

O Sábado Santo, despois de xantar, Pedriño collía o auto do bispo, grande e antigo, e pasaba por Outeiro de Rei onde subía Manuel de Paderna. Logo paraban en Vilalba, no Roca, a tomar café. En chegando a Mondoñedo, a primeira visita sempre era á barbería do Pallarego, onde era moi normal atopar, ademais de ao dono,  a Lence-Santar, aínda que nunca se barbease, e ás veces tamén a Cunqueiro e a Mayán.

Despois, antes cea, ían á taberna do Póngalas, que estaba no Barrio dos Muíños. Este Póngalas chamábase en realidade Xosé García Pernas. Era un home pequenote que gastaba sombreiro e falaba castelán. Nacera en Cadavedo, fora soldado na guerra de Cuba, e unha vez repatriado, puxo tenda de ultramarinos nos Muíños. Casou varias veces e da terceira conta Cunqueiro a curiosidade de que mentres se celebraba a cuchipanda, morreu a sogra, co que, na mesma casa, aínda que en diferentes andares, celebrábase a un tempo casorio e velorio. Morreu na primavera de 1966.

Tras a cea, Manuel de Paderna e Pedriño de Palacio asistían aos oficios na catedral, onde ao final recollían os santos óleos. Pasaban a noite na casa do cóengo maxistral e pola mañá, xa almorzados, poñían rumbo a Lugo, facendo sempre unha paradiña no santuario da Virxe dos Remedios.

A amizade de Manuel de Paderna e de Manuel Ledo “O Pallarego” era de oficio e de talento. Os dous, ademais de barbeiros, eran artistas; un era poeta e o outro músico.

Un ano polas San Lucas, O Pallarego quedou sen axudantes por moi diferentes e desgraciados motivos. Non se vía capaz ade atender a clientela, así que lle mandou recado ao seu amigo Manuel. E este non tivo cousa de máis apuro ca subir ao coche de liña en dirección a Mondoñedo.

Eran tempos nos que aínda non había en Mondoñedo fonte nin traída de augas. O río Ares quedaba un pouco afastado da barbería, e a muller que contratara o barbeiro para que lle carrexase a auga seica ía dacabalo dun cosco e regresaba a paso de caracol, así que non facía máis ca unha viaxe pola mañá e outra pola tarde. Era de Romariz.

Co negocio a rebentar, o problema presentaba moi difícil solución. Os dous barbeiros, sendo, como eran, homes de pensar e discorrer, non daban atopado o remedio.

Logo da verbena do día grande, o 18, foron os dous tomar un algo polos bares e na rolda atoparon cuns amigos entre os que estaban uns tratantes de gando e dous canteiros que andaban aqueles días precisamente reparando o chan do pazo bispal.

Non é de contar aquí quen tivo a astucia, nin quen deu as ordes, nin sequera quen fixo o traballo de picar a pedra para que ao amencer estivese ergueita  e lista para usar, ou case, a Fonte Vella.

O da auga foi obra musical. Por indicación de Manuel de Paderna, O Pallarego púxose a tocar o violín e, en seguidiña, as augas foron chegando ao cano da fonte.

Só cando a Paula tocou a alba cesou momentaneamente o gurgullo das augas. Só sucedeu nese instante, en sinal de respecto, pero ao acabar de dar a Paula a hora, seguiu a auga o seu cantaruxar. E ata hoxe.

O que opinaron uns e outros sobre aquel suceso extraordinario tedes que lelo no relato de Manuel María, aquel mago das palabras que sempre foi amigo de Mondoñedo. Só vos podemos adiantar que o sospeitoso principal, quen se non, éralles Álvaro Cunqueiro.

©Antonio Reigosa

Artigo publicado na revista Amencer, nº 231, xaneiro-marzo 2016, editada polo Real Seminario Conciliar de Santa Catalina e a Asociación Cultural Amigos de “Amencer”, Mondoñedo.