O que xa é novo bispo da diocese Mindoniensis e, desde 1959, tamén chamada Ferrolensis, Padre Luis Ángel de las Heras Berzal, escolleu como lema episcopal “Pasce me Domine, pascemecum”, un texto da autoría de San Xoán Damasceno. Un santo pensador, filósofo aristotélico, compilador de textos teolóxicos e tamén poeta. Un teólogo de grande predicamento na igrexa católica, nacido en Damasco, na Siria dos séculos VII e VIII que naquel entón foi ocupada polos musulmáns.
Aínda que xa pasaron case 1.500 anos, século arriba ou abaixo, está ben lembrar que na mesma época na que viviu o santo de Damasco ten a orixe a actual diocese Mondoñedo-Ferrol, territorio eclesiástico no que comeza o seu goberno Monseñor Luis Ángel de las Heras.
Os tempos que agora vivimos nesta parte do mundo non son nin se parecen afortunadamente aos que padeceu en Siria San Xoán Damasceno, nin tampouco aos inhumanos sufrimentos dos millóns de sirios que na actualidade pregan axuda ás portas do noso rico mundo. Semella que nada cambia, que os tempos se parecen uns aos outros como gotas de auga.
Benvido sexa o noso novo bispo, e que o lema que guía os seus desexos lle dea azos para apacentar este rabaño antigo, asentado nunha terra xeralmente tranquila, pacífica de seu, con xentes sempre respectuosas e solidarias, aínda que un algo propensas, os galegos e as galegas desta banda somos así, á melancolía.
© Antonio Reigosa
Artigo publicado en La Voz de Galicia (A Mariña) o 8 de maio de 2016.