Os moldeiros dos nosos soños (Homenaxe aos Gutemberg de Mondoñedo)

Amig@s, veciños e veciñas, lectores e lectoras, autoridades, bos días e benvidos a esta expoLIBRO que hoxe e mañá se vai celebrar en Mondoñedo, que polo visto non é a primeira (houbo outra en 1993) pero é, estou convencido e desexo, a cabeceira dunha xeira que perdurará no tempo porque Mondoñedo e a literatura van collidas da mesma sensibilidade desde hai moitos séculos.

Primeiro foi o libro e despois a imprenta, pero o libro non sería máis ca un obxecto reservado ás elites se a imprenta non chegase a existir. Sen a invención deste mecanismo a difusión do coñecemento estaría reservada a uns poucos, como sucedía na Idade Media e como sempre sucede nos tempos escuros.

01 Imp.Suc. de ManceboA invención da imprenta supuxo unha revolución, algo así como unha gran convulsión social que contribuíu a democratizar a difusión do coñecemento e que, como consecuencia, posibilitou a liberación do escravismo da ignorancia para as clases máis humildes.

Non sabemos con exactitude quen, nin cando, nin sequera onde se inventou a imprenta. Imprimir ou estampar por diferentes métodos xa o sabían facer na Antigüidade moitos pobos. Os chineses xa o facían sobre papel con métodos parecidos desde polo menos o ano 1000 antes de Cristo.

A imprenta, chamémoslle europea moderna, a de tipos móbiles, tal e como hoxe a coñecemos, nace a principios do s. XV. A gloria da ocorrencia, como insisten en dicirnos os manuais e breviarios da historia da imprenta, correspóndelle a Gutemberg no noso mundo occidental, un gravador de moedas, quen na Maguncia do ano 1450, cun modesto molde de madeira, un cilindro e tinta, puxo fin á profesión de copista e inaugurou a difusión masiva en múltiples exemplares de textos, reproducidos cada vez máis rápido e mellor, a prezos progresivamente cada vez máis accesibles e ao alcance de case todas as clases sociais.

Desde aquela máquina de prensar uvas na que se di que experimentou Johan Gutemberg de forma artesanal, ata a actualidade sucedéronse, ademais de moitos anos, moitas melloras técnicas e métodos de imprimir, pero, no esencial, sempre se fixo de maneira moi parecida.

Dicía o monxe Werner Rolevinck nunha crónica de 1470 chamada “Fasciculus temporum” que a imprenta:

«É a arte das artes, a ciencia das ciencias, mediante a súa destra práctica, os tesouros valiosos da sabedoría e o coñecemento, que todos os homes desexan por instinto, é coma se saísen da profunda sombra dos seus escondedoiros para enriquecer e iluminar este mundo que está en mans do mal. A ilimitada virtude dos libros que outrora en Atenas ou París, ou noutras escolas ou bibliotecas sagradas, se daba a coñecer a moi poucos estudantes, agora difúndese por medio deste descubrimento a cada tribo, pobo, nación e lingua, por todas partes».

O monxe Werner Rolevinck, que era cartuxo, xa se daba conta entón, naqueles anos do alborecer da imprenta moderna, que o invento ía revolucionar todo, e conclúe “Et impressores librorum multiplicantur in terra” (Os impresores de libros multiplicáronse pola terra).

E atinou. Os impresores multiplicáronse tanto pola terra e multiplicaron por moito as condicións de aceso ao saber.

Multiplicáronse tanto que a propia igrexa católica viu como a profusión e distribución de libros e folletos, sobre todo as traducións da Biblia que a fixeron accesible a moita xente, contribuíu decisivamente ao triunfo da chamada reforma protestante, e, como consecuencia, a igrexa decidiu prohibir en 1546 a impresión de libros relixiosos que non fosen autorizados previamente e elaborou un lista enorme de libros prohibidos que só por lelos xa convertían a calquera individuo en herexe e reo de graves consecuencias.

Mais non  falemos hoxe de censores nin de censura, que houbo en abundancia en toda época e lugar onde a luz de liberdade se apagase.

04 Felicitación de A. Cunqueiro a M. Frga Iribarne Imp.Suc. de ManceboA máquina chamada “prensa” ou “prelo” sempre precisou da pericia dun especialista que dominase a arte de imprimir ou estampar. Un vello oficio que permaneceu case 600 anos inalterable, unha profesión que provocaba, segundo afirman os propios impresores,  alta adicción, seguramente provocada polo olor da tinta, ou polo do papel acabado de imprimir e o das colas e demais ingredientes que se precisan para completar os traballos de impresión e encadernación.

Isto do olor debe ser certo. Os xaponeses, que sempre están atentos, ou diso presumen, seica están avanzando moito no empeño de conseguir que as modernas impresoras dixitais reproduzan olores a gusto do consumidor, sincronizando a palabra ou a imaxe que se imprime cun olor ou aroma.

Seguro que o conseguen, pero habería que dicirlles que pouco terán avanzado, pois as imprentas de toda a vida xa desprendían ese olor adictivo que eles procuran, e que tanto excita aos impresores e aos amantes do libro tradicional.

Non debeu ser casualidade que o oficio de imprimir libros comezase facendo probas cunha prensa de uvas. Producir viño e libros cun mecanismo parecido explica seguramente esa ansia que teñen moitos e moitas lectores por consumilos ata o final.

Hai 860 anos que temos Feiras e Festas das San Lucas, 475 anos que temos Feiras e Festas das Quendas, 516 ou algún máis, que temos imprenta, 146 que os Mancebo comezaron a exercer o oficio de impresores en Mondoñedo; deles 60 anos a mesma familia apelidada Mancebo, e que grazas a Jesús López, e logo ao seu fillo, Fernando, permanecen desde 1931 ata a actualidade como “Suc. de Mancebo”.

A orixe da imprenta en Mondoñedo está na impresión dun incunable, a Breve forma de confesión escrita en castelán por Alonso de Madrigal (el Tostado),  en «Villa mayor de Mondoñedo» antes do ano 1500. Só existe un exemplar localizado en Évora (Portugal).

Non sabemos se o impresor Nicolás Tierry (de orixe francesa, nacido en Metz) chegou na exercer o oficio en Mondoñedo. De confirmarse esta hipótese de Ofelia Rey Castelao este impresor comezaría a exercer na nosa cidade aló polo 1534. Tierry procedía de Valladolid, cidade na que imprimiu o “Relox de príncipes” de Guevara en 1529 e logo pasaría por Mondoñedo, onde puido estar temporalmente ou de paso nunha rúa identificada desde entón como da Imprenta (antes rúa do Pumar, e antes aínda rúa do Pumar da Canónica), e xusto antes de asentarse por uns poucos anos en Santiago.

O que é seguro é que Tierry traballou para o cabido mindoniense e que a finais de1534 o bispo Pedro Pacheco lle encargou e pagou bastante diñeiro para que imprimise unhas constitucións sinodais e un breviario, traballo que realizou ao longo de 1535. A dúbida está en se a impresión se realizou en Mondoñedo ou en Santiago pois Tierry neste mesmo ano abandonou a casa para imprimir que lle emprestara o cabido compostelán e instalou o seu obradoiro noutra casa da rúa Nova santiaguesa.

O que si está confirmado é que Agustín de Paz estableceuse en Mondoñedo en 1548. Chegou, procedente de Zamora, na época do bispo Diego de Soto (o que mandou abrir ou ampliar o rosetón da catedral) e contrata a impresión de quiñentos misais e catrocentos breviarios dos que non se conservan exemplares. En Mondoñedo e da súa man verán a luz, entre outros títulos, “Descripción del Reyno de Galicia” do Licenciado Molina, ano 1550, e en 1553 “Coloquios satíricos” de Antonio de Torquemada. Neste libro, por certo, o propio Agustín de Paz inserta un texto ben curioso xustificando os erros de impresión, erros que o impresor, como se pode supoñer, atribúe a outros que non son el.

Sobre os erros de impresión cóntanse moitas anécdotas. Unha moi coñecida é a que difundiu Pablo Neruda sobre o impresor e poeta Manuel Altolaguirre, quen logo de rematar a tirada completa dun libro dun poeta cubano, (viviu en Cuba exilado entre 1936 e 1943) descubriu un erro nun dos endecasílabos que debía dicir “Yo siento un fuego atroz que me devora’, pero aquel lamento polas adversidades da vida acabou impreso como “Yo siento un fuego atrás que me devora’ o que, loxicamente, se interpretou como lamento, pero en vez de anímico, sexual.

Agustín de Paz foi impresor nómade, como todos naquel entón. De Mondoñedo foise despois para Santiago, e de alí a Oviedo, pero acabou preso por débedas e morreu en 1558 nunha cadea en Santiago.

O Licenciado Molina, coengo maxistral naquel entón, era o corrector de probas de misais e breviarios nomeado polo Cabido de Mondoñedo, e en xeral o encargado pola igrexa dos asuntos de impresión.

O seu “Descripción del Reyno de Galicia” rematouse de imprimir por Agustín de Paz de o 2 de agosto de 1550 (vai facer 466 anos) e osColoquios satíricos” de Antonio de Torquemada o 25 de outubro de 1553 (vai para 463 anos). Xa choveu.

Desde 1553 ata 1850 non se coñecen imprentas en Mondoñedo, mais a partir desta data mantense constante o olor a tinta nas rúas mindonienses. Os encargos da igrexa, especialmente do Seminario, as numerosas cabeceiras de xornais que se foron sucedendo na cidade, e nas vilas e cidades veciñas e que se tiraban nas imprentas de Mondoñedo ata a década dos 30 do século XX foron un gran motor deste negocio, ao que normalmente se engadían o de editor, libreiro e encadernador.

En 1850 chega a Mondoñedo José Pérez Mon, procedente de Lugo, sígueno en 1857 Manuel Perrote e Pedro María Romero, en 1879 é Joaquín Candia o que lle dá continuidade ata que, xa en mans doutros propietarios, pecha esta imprenta en 1907.

Pero desde 1870 xa exercía en Mondoñedo unha imprenta que ía ter moi longa vida. Hermenexildo Mancebo foi o fundador, ao que sucedeu o se fillo Edesio a partir de 1887. Ao producirse a morte deste en 1930 e sen que ningún dos fillos quixese facerse cargo, a imprenta pasou por venda a mans do empregado Jesús López Díaz, quen a rexentou desde 1931 ata 1982 baixo a denominación “Suc. de Mancebo”. A Jesús sucédeo o seu fillo Fernando López González, quen a día de hoxe a mantén en funcionamento co mesmo nome. Dá a casualidade que en 2001 esta imprenta trasladouse á rúa chamada da Imprenta, que é onde segue, no berce dos impresores mindonienses.

03 Texto de A. Cunqueiro para Luis Villares 'Cazuña' Imp.Suc. de ManceboEntremedias houbo outras moitas imprentas en Mondoñedo. A de “La Voz de Mondoñedo”, a de César González-Seco, a e “El Cruzado”, a de “Acción Social”, a “Imprenta popular” e probablemente algunha máis.

Este pregón, que pretende ser de homenaxe aos Gutemberg mindonienses,  non pode rematar sen celebrar os 85 anos que os “Sucesores de Mancebo” cumpren neste 2016, e que sumados aos 60 anos que estiveron á fronte da imprenta Mancebo os Mancebo propiamente suman 145 anos que fan que a marca ou apelido “Mancebo”  sexa para a nosa historia local sinónimo de imprenta, a máis lonxeva no oficio.

Non foi casual que os Mancebo recibisen  diploma e medalla na Exposición Regional  de Lugo de 1896 pola impresión do libro “Previsión de Prebendas y Beneficios de la Iglesia de España”, nin que en 1909 a imprenta de César González Seco fose recoñecida na Exposición Rexional de Santiago. En determinados momentos as imprentas mindonienses acadaron niveis de calidade de primeira orde.

Desde á rúa da Imprenta, onde comezou esta historia no século XV ou XVI ata a rúa da Imprenta actual, onde continúa neste ano 2016 do século XXI, moitas rúas mindonienses coñeceron o olor da tinta e o renxer das máquinas de imprimir.

Moitas persoas traballaron nelas, case sempre vinculadas ao mundo das artes e das letras. Nalgún momento no primeiro cuarto do s. XX coincidiron traballando en Mondoñedo ata 4 imprentas.

E grazas a elas, os libros  sempre tiveron efectos moi notables entre nós.

Disto, dos efectos beneficiosos do que se escribe, sabía moito o arquiveiro que se despide de nós nestes días. Don Enrique Cal Pardo foise pero deixa o seu saber de enciclopedia noutros libros. Descanse en paz.

Hoxe e mañá os libros serán os protagonistas nesta expoLIBRO, como o serán nas diferentes presentacións programadas quen lles dá vida, autoras e autores que pensan e crean para os demais. E se os e as autoras son imprescindibles, tamén o son os editores, distribuidores e libreiros para que o libro chegue ao seu destinatario natural. Pero xunto a todos eles, autores, editores, distribuidores, libreiros, a figura do impresor, a de quen pon en molde o que se imaxina, resulta fundamental.

Artistas, escritores, músicos, xornalistas, científicos, e grandes pensadores da humanidade non lle deben á imprenta ser quen son. Seguramente serían igualmente sen a imprenta, pero sen a imprenta só serían sabios anónimos.

02 Homenaxe Imp.Suc. de Mancebo (30.04.16)Mentres agardamos que Mondoñedo recupere a memoria da imprenta cun museo ou con outra forma de fixar recordos na nosa autoestima, debemos celebrar que a imprenta siga en Mondoñedo grazas a Fernando López e a Jesús Robles, a Fernando, a Suso e a Reme, e que seguirá mentres eles teñan azos e os e as mindonienses teñamos sede de saber, de coñecer, de crer que fomos e somos porque soñamos, e porque sempre tivemos a xente como eles que poñen en molde os nosos soños.

Agora son eles, como antes foron outros, os “moldeiros” do noso soñar.

Este pregón vai para vós, para Fernando, por toda unha longa vida de impresor, e para Suso e Reme, que lle seguen dando alento, e olor e color a este fermoso oficio; e que así sexa por moitos anos.

Mondoñedo, 30 de abril de 2016

© Antonio Reigosa

Fotografías cedidas por Imp. Suc. de Mancebo. Por orde de colocación:

01 Imp. Suc. de Mancebo (s/d)

02 Felicitación de A. Cunqueiro para M. Fraga. Imp. Suc. de Mancebo (s/d)

03 Texto de A. Cunqueiro para Luis Villares ‘Cazuña’, para pedir o aguinaldo. Imp. Suc. de Mancebo (s/d)

04 Homenaxe a Imp. Suc. de Mancebo (30 de abril de 2016)