Para a miña desventura non sei case nada de como se reparten polo mundo o topónimo e o apelido ‘Mondoñedo’. Habería que investigalo, e se hai quen o faga estarei atento pero xa adianto que me parece curioso que nin no concello de Mondoñedo nin no resto de Galicia exista, ou iso é o que di a web do Instituto da Lingua na súa Cartografía dos Apelidos de Galicia, ninguén que se apelide así.
Por iso é polo que me alegro de descubrir que existiu en Galicia unha muller, polo menos unha, apelidada ‘Mondoñedo’. Chamábase Manuela e o seu nome aparece nos xornais en setembro de 1924.
Agora vén a parte triste. A Manuela Mondoñedo detivérona na Coruña nos primeiros días de setembro de 1924. Tiña só dez anos. Un mozo de Castroverde de vinte anos, chamado Celedonio Sanjurjo Fernández, presentou denuncia contra ela nunha comisaría de policía, acusándoa de terlle vendido un reloxo de ouro falso. O delito, executado coa mestría dunha estafadora profesional a pesar de ser tan nova, era recente, de primeiros de setembro ou finais de agosto.
Ao parecer, Manuela era orixinaria de Vigo aínda que naqueles días residía na Coruña na compaña dunha célebre estafadora, probablemente familiar dela, chamada Ramona Manzanares Riesgo.
Ramona xunto cunha nena, probablemente a propia Manuela, xa foran detidas no xullo anterior na mesma cidade pois tentaran venderlle unha cadea e outras xoias de ouropel por 20 pesetas a una muller de Buño.
Ramona e Manuela eran mercheiras, tamén chamados moinantes, quincalleiros, xente dunha minoría étnica nómade de orixe incerta que, moi ao contrario do que se cre, non teñen parentesco cos xitanos.
Unha dúbida. Segundo certa prensa da época, Ramona tería 40 anos en 1924, e sería natural de Valladolid, pero segundo outras publicacións sería aínda unha moza, nacida en Salas (Asturias), e tería tan só 18 anos. Nós decantámonos por esta segunda posibilidade.
Sexa como for, o historial delitivo que acumulou tal Ramona era importante. En 1922 fora sancionada na Coruña por faltas contra a moral, tamén en Vigo en 1925, e antes de acabar o mes de setembro de 1924 xa a volveron a deter en Oviedo cando se dispuña a actuar nun comercio de tecidos. Ao parecer era unha experta revendedora de “alhajas ful”. Polo ano 1929 volveu a ser detida na Coruña pola mesma causa. E aínda en 1954 buscábaa a xustiza de Santoña, e críase que tiña residencia en Bilbo, pois alí, na Praza de Abastos, rexentara un posto de venda de alfaias.
Pero nós, que nos perdemos e non queremos, queríamos contar de Manuela Mondoñedo e da desenvoltura coa que actuou na estafa pola que foi detida na Coruña.
O Celedonio de Castroverde, que estaba na Coruña tomando os baños, foi abordado por Manuela na rúa do Sol cando volvía da praia do Orzán. Manuela propúxolle a merca dun reloxo de ouro a prezo de risa: sesenta pesetas. Para realizar a operación debían ir ata un lugar máis discreto, así que foron polo camiño da Torre de Hércules e sobrepasaron o cemiterio de San Amaro.
Alí, para rematar de convencelo, presentáronse dous colegas de Manuela e simularon mercarlle cadanseu reloxo de suposto ouro. Celedonio, ao ver aquilo convenceuse de que mercaba unha ganga e pagou as sesenta pesetas pero axiña descubriu que rascando por riba do metal o ouro non era tal.
Do apelido ‘Mondoñedo’ volveremos a contar cando teñamos máis datos.
©Antonio Reigosa