Os títulos da catedral de Mondoñedo  

As diferentes figuras xurídicas  de carácter civil creadas pola lexislación nacional e internacional para salvagardar o Patrimonio Histórico teñen a finalidade de protexer, identificar, tutelar e conservar aqueles bens considerados singulares. A catedral de Mondoñedo é un deses bens a protexer e, en efecto, está baixo amparo legal desde 1902.

En febreiro deste ano, o deputado electo en 1901 polo distrito de Mondoñedo, Avelino Montero Villegas, presenta no Congreso unha proposición solicitando se declare Monumento Nacional a catedral de Mondoñedo. No mes de marzo unha comisión nomeada ao efecto, presidida polo deputado Enrique Fernández Alsina e tendo como secretario ao deputado propoñente, toma cartas no asunto. O 12 de abril, o Congreso aproba un proxecto de lei coa declaración. A proposta de lei chega ao Senado para a sesión do 3 de maio. Conta coa defensa do senador Dositeo Neira Gayoso en representación da comisión, e do Ministro de Instrucción Pública y Bellas Artes, Romanones. Neira Gayoso era naquel entón senador pola provincia de Ourense, xa o fora pola de Lugo no período 1893-94, e volveuno a ser por esta circunscrición entre 1905 e 1907. Aínda que a proposta foi aprobada, o senador vitalicio, conde de Peña Ramiro (Joaquín Caro y Álvarez) fai algunhas observacións no sentido de que declarar un edificio Monumento Nacional é condenalo á ruína pola escaseza dos orzamentos para conservalo, e pon varios exemplos. O senador Neira di que se declara porque ten mérito artístico, e non para incautar o monumento, mais o ministro Romanones dálle a razón e recoñece que hai poucos cartos para soster monumentos pero que ten o propósito de presentar un proxecto especial de reparación destes edificios.

A primeira lei que sancionou o rei Alfonso XIII

leiDá a casualidade que esta é a primeira lei que vai sancionar (facer firme ou válida unha disposición legal) como tal o novo rei, Alfonso XIII, na data do 23 de maio de 1902. “Yo, el Rey”, asinou por primeira vez o monarca que comeza así a reinar de facto pois o 17 de maio acababa de cumprir os dezaseis anos e de ser declarado maior de idade. A lei, de texto moi breve, publícase o 24 de maio, no nº 144 da Gaceta de Madrid.

A partir da Lei do Patrimonio Histórico Español de 1985, os antigos “Monumento Nacional” pasan a ser BIC (Ben de Interese Histórico), e unha vez traspasadas as competencias é a Xunta de Galicia, segundo o establecido na Lei do Patrimonio Cultural da Comunidade Autónoma de 1995, a que ten a responsabilidade de atender o patrimonio que se inscribe no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia.

Desde xullo de 2015 o Camiños de Santiago do Norte foron incluídos pola UNESCO na Listaxe do Patrimonio Mundial, recoñecemento que se fai extensible á catedral mindoniense, xunto coa de Lugo, como bens asociados ao camiño de peregrinación e de interese singular.

O casco antigo de Mondoñedo conta con protección legal como “Conxunto Histórico” desde maio de 1985, como tamén contan coa distinción de BIC desde 1994 a Torre do Gorrete, en Masma, e o enigmático Castelo da Toxiza, que ninguén sabe (e se o sabe que o diga) onde está.

©Antonio Reigosa