Mercados e milagres
Mercado Medieval 2015 (Clara Reigosa)

Mercado Medieval 2015 (Clara Reigosa)

Os mercados naceron na prehistoria da avaricia humana, uns días despois (por iso ninguén cobra pola patente) de se inventar o lume. Entón só nos limitábamos a intercambiar o sobro polo necesario, e así foi como descubrimos o de fixar día para tomar unha ración de polbo ou unha “chiquita” de viño. O mercadeo, como case todo, foise refinando; do intercambio pasouse á mercadotecnia, e do que viña sendo un acto social presencial chegamos ata o actual mundo do negocio virtual.

Algo así de revolucionario debeu supoñer a decisión dos monarcas dos reinos cristiáns da península alá polos séculos X, XI e XII cando lles deu por outorgar días de feira e mercado, convertendo pequenos núcleos, ou espidas encrucilladas, na orixe de milleiros de vilas e cidades.

Así é como nace a vocación comercial do actual Mondoñedo (daquela Vilamaior) cando aló polo 1.156 o rei Afonso VII nos regala un mercado anual a primeiros de ano e 8 días de feiras por Santa María de agosto. Seguiulle a concesión do Foro de León e o título de cidade, a consolidación da sede bispal e a construción da catedral, xa entrados no século XIII. No XVI chegaron os tres días de feira franca, actuais Quendas. A grande feira de agosto pasou a outubro, de onde volveu a agosto entre 1.759 e 1.763, para volver e asentar definitivamente no outono co nome de Feiras e Festas das San Lucas.

En fin, a historia das feiras, festas e mercados de Mondoñedo suma desde os seus inicios 860 anos. Segundo Lence Santar, o noso primeiro cronista oficial, seguíronse celebrando con moitos “guadianas” as festas de agosto ata o século XX. O peche definitivo púxollelo Coruxeiras, o extraordinario gaiteiro da Pastoriza, tocando diante da porta da catedral, reclamando para si unha praza de gaiteiro que houbera en tempos na catedral coa obriga de tocarlle á Virxe o 15 de agosto.

Pero pasemos aos milagres. O primeiro , e grande abofé, é que o Mercado Medieval de Mondoñedo, que representa ese esplendor dos nosos mercados do pasado, vai cumprir este 2.016 nada menos ca XXV anos. Un cuarto de século continuado de rexouba festiva en honor á longa historia dos mercados mindonienses. E que dure para ben do augusto agosto mindoniense.

E outro milagre; este máis prosaico. Foi contado e recontado, e, sen embargo, segue sendo un misterio. A comezos do século XVIII, o párroco de Budián e de Alaxe, de nome Ángel Castañón, empeñouse en organizar un mercado semanal en Ferreira do Valadouro. As forzas vivas mindonienses, entón capital da provincia, axitáronse de modo que procuraron que se prohibise e conseguiran dúas ordes reais en tal sentido, o que alporizou definitivamente ao crego de Budián. Unha semana si e outra tamén, este suplicaba desde o púlpito a intervención divina para causar os peores males a Mondoñedo.

Un dos rexedores da época, Antonio Rubiños Baamonde, cando se atopaba en Madrid xestionando unha orde definitiva contra o mercado de Ferreira, morreu instantáneo. Castañón alegrouse, e ademais presumiu de que as súas pregarias fosen a causa do seu falecemento, como o foran, segundo el, as mortes, traballos e calamidades padecidos por outros gobernantes mindonienses.

Lembran o milagre atribuído a san Gonzalo cando afundiu as naos normandas, ou muslimes, a base de nosopais! Pois o mesmo, pero en clave comercial, e desta vez terra adentro!

©Antonio Reigosa

Artigo publicado en La Voz de Galicia (A Mariña) o 12 de agosto de 2016.