Visita reais á cidade de Mondoñedo
Raíña Letizia

Raíña Letizia

O día 4 de outubro achégase a raíña Letizia a Mondoñedo para saudar o comezo de curso dos ciclos formativos deste 2016-2017. Parabéns ao IES San Rosendo, que foi o meu instituto e é o público de referencia para unha ampla comarca, e agradecemento á S. A. R. e ás autoridades intermedias, por lembrarse de que Mondoñedo existe.

Desexamos que a súa visita sexa pracenteira e que as persoas que ven os telexornais descubran que Mondoñedo pode deixar de ser unha “perfeita e descoñecida illa” para transparentarse en “unha sombra  noviña recén nascida e núa, terra adentro”.

Agora que nos visita a raíña é momento de lembrar que antes dela visitaron Mondoñedo representantes da realeza como a duquesa de Lugo, a infanta Elena, e o seu entón esposo, Jaime de Marichalar. Foi en maio do ano 2000. Nos discursos mencionáronse os solemnes e fermosos monumentos, o patrimonio material e humano, e o desexo compartido de construír un espazo vivo de convivencia e progreso en Mondoñedo. Cóntame Fran Bouso que se habilitou unha das aulas da Granxa por se a duquesa se puña de parto, pero non fixo falta; Victoria Federica non naceu ata o 9 de setembro.

Carlos Pío de Habsburgo-Lorena y Borbón (Mondoñedo, 1949). Fotog. xentileza de Mª Celina Cruz

Carlos Pío de Habsburgo-Lorena y Borbón (Mondoñedo, 1949) Fotog. xentileza de Mª Celina Cruz

Cando en España non había monarquía, recibimos en 1949 a Carlos Pío de Habsburgo-Lorena y Borbón, o requeté cruzadista carlista que pretendía reinar en España como Carlos VIII, e a Carlos Hugo de Borbón Parma y Borbón Busset, carlista tamén pretendente ao trono de España que se faría chamar Carlos Hugo I, recibido con toda solemnidade polas autoridades civís e relixiosas locais o 13 de xuño de 1964. E en xullo de 1976 pasaron por Mondoñedo Balduíno e Fabiola, reis de Bélxica.

Pero antes, moito antes, o 2 de xullo de 1914, a infanta e princesa de Asturias Isabel Francisca de Asís de Borbón y Borbón, filla primoxénita de Isabel II e de Francisco de Asís, parou en Mondoñedo.

O día non viña de cara. O coche da infanta pinchara a roda esquerda baixando Sasdónigas. A entrada en Mondoñedo fíxoa baixo unha choiva torrencial. O alcalde, Francisco Díaz Portas, tivo que ausentarse dos actos por encontrarse mal. Morrería ás doce e media daquela noite.

Isabel Francisca de Asís de Borbón y Borbón

Isabel Francisca de Asís de Borbón y Borbón

Despois da recepción, o bispo Solís convidou a S. A. S. a xantar pero ela rexeitou o ofrecemento xa que estaba de loito polos Arquiduques de Austria, Francisco Fernando e Sofía von Chotek, que foran asasinados había tan só catro días. O que si aceptou, xa que se consideraba que era a primeira persoa real que chegaba a Mondoñedo, foi que o Orfeón Veiga interpretara na súa honra a “Alborada” do mestre. Aínda que este dato de ser a primeira persoa da realeza que visitaba Mondoñedo está discutido pola memoria e pola tradición, pois o rei Pedro V de Portugal cando andaba en amores coa nosa malograda actriz Manuela Rey, puido estar (sábese en que casa) polos mediados do s. XIX.

En conmemoración desta visita, a corporación mindoniense púxolle o nome de Infanta Isabel á Avenida dos Remedios, denominación que se mantivo ata a década de 1930 do século XX. A infanta Isabel morrería en París, no mes de abril, poucos días despois de proclamarse a segunda República en España. Abandonou Mondoñedo con destino a Viveiro, despois de deixar nas mans do tenente alcalde, Alejo Ferreiro, unha doazón por valor de cen pesetas con destino aos pobres.

"Casilla" de Arroxo, en Lourenzá (construída en 1840)

“Casilla” de Arroxo, en Lourenzá (construída en 1840)

Mais como a fame sempre acorda, a comitiva fixo a parada para comer na “casilla” dos peóns camiñeiros que había e hai no Alto de Arroxo, xa en dominios do concello de Lourenzá.

A infanta bebeu en cazolas de barro do país e comeu pan de Mondoñedo, e antes de partir deixou 50 pesetas para cada un dos dous peóns camiñeiros que alí residían, en atención ás incomodidades causadas.

Uns días despois, o avogado Abelardo Goás e o historiador e futuro cronista, Eduardo Lence, que é quen o conta, foron buscar as cazolas polas que tan alta dama bebera. Mais, a onde foron parar aqueles cazolos? Quen os ten agora?

Non sei se dona Letizia ten previsto xantar en Mondoñedo. Se non é así, debera repensalo. Non me importa o lugar onde o faga; tanto ten,  hai moitas e boas casas de comidas. O que si lle pido a quen ande ao seu arredor é que se ten ocasión de pillar un prato, un garfo ou unha culler que ela usase que mas reserve, que é de cronistas, desde o primeiro, E. Lence, procurar eses utensilios como proba dunha, doutra máis, visita real a Mondoñedo.

 ©Antonio Reigosa

Artigo publicado en La Voz de Galicia (A Mariña) o 17 de setembro de 2016.