Mondoñedo 1916, un ano de hai cen anos (e II)

O bispo Juan José Solis, enfermo

Despois realizar unha visita pastoral a Ribadeo a comezos de ano, en marzo sábese que o bispo da diocese, Juan José Solís, enferma de gravidade cando se atopa de visita en Ferrol. A causa, unha bronco-neumonía ou pulmonía que fai temer pola súa vida e que o vai reter encamado un mes na residencia dos PP. Mercedarios de Ferrol.

retrato-do-bispo-de-mondonedo-publicado-en-la-hormiguita-de-oro-no-38-16-09-1916

Juan J. Solis

A final de mes mellora, e en abril reponse de maneira que pode regresar a Mondoñedo, onde continuará a recuperación. Para atender os oficios da Semana Santa viaxa desde Santiago o bispo auxiliar daquela sede, Ramiro Fernández Balbuena, que ao chegar foi agasallado pola coral “Brisas do Masma” cunha serenata.

Para celebrar a plena recuperación, o bispo doa 430 pesetas a varias agrupacións católico-benéficas, e en xuño realiza unha visita pastoral a Lourenzá. Neste mesmo mes vese obrigado a suspender os exercicios espirituais previstos pois hai tifo en Mondoñedo, como xa comentamos na primeira entrega.

En xullo participa en Santiago na inauguración dunha estatua en homenaxe a Eugenio Montero Ríos, o político desaparecido en 1914. En agosto veranea entre Compostela e Noia, na finca Pedro Pais Lapido. Era este home un rico que por investir en negocios ruinosos como a Exposición Rexional de Santiago de 1909, fíxose acredor da frase “que o pague Pais Lapido”

En outubro asiste en Lugo á Asamblea Terciario-Antoniana, amén doutras viaxes e ocupacións que o manteñen moi ocupado.

Juan José Solís, asturiano nacido en Oviedo en 1849, foi bispo da diocese de Mondoñedo desde 1907 a 1931, e en tres ocasións, 1914, 1915 e 1923 foi elixido senador en representación da provincia eclesiástica de Santiago de Compostela.

As San Lucas

Mentres as festas en honor á Virxe dos Remedios estiveron a punto de non celebrarse (a última hora fíxose cargo o campaneiro José Antonio Blanco López) as Feiras e Festas das San Lucas cumprían este ano 760 anos.

Para celebrar a efeméride convocouse un concurso de gando, sometido a un regulamento estrito, que se celebrou no Campo dos Remedios o martes 17 de outubro. Preside o xurado o novo alcalde (substitúe ao falecido Alejo Ferreiro Soilán), Ramón Martínez Ínsua, e forma parte del como técnico o prestixioso veterinario Juan Rof Codina.

panaderia-de-r-artiaga-anuncioHai premios para touros e becerros de raza galega, para “bacas” e becerras de raza galega, e para o gando porcino, coa advertencia de que non se considerarán de raza galega, e non será, por tanto, admitido no concurso o gando vacún de orixe portuguesa chamado “galludo” ou “arzuano”. Tamén se anuncian premios especiais para donos de paradas de touros e castais.

Aínda que en agosto xa se comunicara ao concello a concesión dunha subvención de 300 pesetas para estes premios por parte da dirección xeral de Agricultura, nesta data, segundo se especifica no regulamento, aínda non se fixera efectiva. A Deputación concedía 500 pesetas coa condición de usalas para mercar aveños de labranza, que se transformaron en arados, grades e sulfatadoras.

A feira non estivo tan concorrida de animais como outros anos. Sobre todo escaseou o gando cabalar e mular, e a causa parece que estivo en que nos dous meses anteriores os tratantes foron directamente polas casas e compraron unhas 100 cabezas a moi bos prezos.

No Campo dos Remedios instaláronse varias barracas con rifas e xogos, e un cinematógrafo propiedade dun industrial de Foz. O luns 16 viaxou un coche especial desde Lugo con moita de xente.

E entre tanta xente, quen parece que tamén estivo e traballou a gusto foi o entón célebre carteirista “Garabito chico”, un personaxe detido uns días despois en Lugo; de verdadeiro nome Luis García González.

Breves do ano

marmore-sasdonigas-anuncioO xornalista Antonio Carballo Tenorio evoca Mondoñedo, cidade onde pasou algún anos da súa infancia, no Almanaque Gallego 1916.

O “Orfeón Veiga” recibe unha subvención do Estado por importe de 2.000 pesetas. Do éxito da xestión presume o recén nomeado fiscal xeral do Estado e anterior deputado polo distrito, Avelino Montero Villagas.

Juan O’Donell y Vargas, duque de Tetúan, solicita do ministerio de Fomento autorización para desviar o caudal do Río Tronceda con destino a explotación pública e usos industriais.

Neste ano publícanse  os xornais “Mondoñedo”, dirixido por César González-Seco, “La Voz de Mondoñedo”, dirixido por “Dodolino Trigo, e o tradicionalista “El Cruzado”, a cargo de Enrique Costas Márquez.

Publicado en “Madrid Científico”, infórmase de que no orzamento extraordinario do Ministerio de Fomento o ministro “También indicó la necesidad de que se incluya en el plan de ferrocarriles secundarios el de Lugo á Ribadeo, por Villalba y Mondoñedo, que figura en el plan general, con el fin de que venga á ser en su día una prolongación del de Lugo-Lalin-Pontevedra”.

Na fonda de dona Cándida Canoura atende varios días ao ano (xeralmente dous por mes) un auxiliar do afamado ortopédico herniólogo Gerónimo Farré Granell, director do Gabinete Ortopédico de Madrid.

A empresa “Automóviles de La FerroCarrilana”, que está en liquidación, traslada os talleres desde Vilanova a Mondoñedo.

En novembro anúncianse xestións do concello para instalar un servizo telefónico urbano e interurbano.

No Cine Galicia proxéctanse ao longo do ano películas como “O día de san Rosendo”,  o drama “La Usurpadora – Revista pathe” e a escena cómica “La astucia de don Nicasio”. Ameniza as proxeccións a comparsa “Los pescadores venecianos”. No Salón-Teatro estivo en setembro a Gran Compañía Cómico-Dramática de José Montijano. En decembro caeu unha nevarada de campionato.

Neste ano 2016 pasaron moitas máis cousas en Mondoñedo que contaremos noutra ocasión. Unhas alegres, outras tristes; como sempre foi e será.

© Antonio Reigosa

Publicado en “Mondoñedo”, Publicación editada pola Asociación “Amigos da cidade de Mondoñedo”, nº 129, outubro 2016, p. 9.

Ver “Mondoñedo 1916, un ano de hai cen anos (I)