En Cee, terra natal, e Mondoñedo, cidade onde residiu e traballou a maior parte da súa vida, lembran o seu legado.
***
Francisco Mayán, un home adaptado aos tempos
© Fran Bouso – Mondoñedo
Hoxe cumpriríanse cen anos do nacemento de Francisco Mayán Fernández, catedrático de Xeografía e Historia, investigador e profesor, nacido en Cee o 30 de setembro de 1916.
Francisco Mayán foi un home metódico e traballador, incansable pescudador da historia dos lugares que habitou ao longo da súa vida, desde o seu Cee natal ata o Mondoñedo onde residiu durante medio século, pasando por Villablino (León).
Despois de recibir a súa formación inicial na vila na que naceu, obtivo o título de bacharel na Coruña no 1934, ano no que se matricula na Facultade de Filosofía e Letras (sección de Historia). O seu prestixio era tal que antes de rematar a carreira foi nomeado profesor no colexio “Fernando Blanco” de Cee. Mentres exerce como docente, Mayán continúa a súa formación universitaria ata acadar en 1939 a máxima cualificación no exame final de reválida que comprende toda a carreira de Xeografía e Historia e o Premio Extraordinario de Historia outorgado en Santiago. Un ano máis tarde faise posuidor do título de Doutor en Filosofía e Letras (sección Historia) en Madrid, lugar no que se lle outorgou unha bolsa do Instituto Balmes de Socioloxía do Consello Superior de Investigacións Científicas e exerceu como profesor axudante de clases prácticas de Historia Antiga de España na Universidade Central de Madrid. Por aquela época tamén foi nomeado académico correspondente da Real Academia Galega.
En 1946 é destinado ao Colegio Carrasconte, de Villablino, onde exerceu durante sete anos como profesor e director. Alí, ademais de desenvolver un destacado labor docente, levou a cabo unha notable actividade social e cultural entre a que se debe destacar a creación da biblioteca municipal da localidade.
Chegou a Mondoñedo en 1953 como docente titular de Xeografía e Historia do instituto do que foi director desde aquel momento ata a súa xubilación. O seu labor académico foi moi valorado, así en 1957 recibiu o Premio Nacional de leccións modelos de Xeografía e Historia, outorgado polo Instituto de Formación do Profesorado, a Cruz da Orde Civil de Afonso X O Sabio (1960) e o Premio de Colexiado distinguido do Distrito Universitario de Santiago. Sobre Mondoñedo e a súa contorna ten publicados numerosos traballos entre os que cabe citar Gonzalo, el Obispo Santo (1955); El Mariscal Pardo de Cela, a la luz de una nueva documentación histórica (1962); Breve Guía Histórico-Artística de Mondoñedo (1975); Manoel Ledo Bermúdez, O Pallarego: Un dos meirandes amigos de Álvaro Cunqueiro (1991) ou Historia de Mondoñedo, desde sus orígenes hasta 1833 en que dejó de ser su capital de Provincia (1994).
Das súas publicacións referidas a Cee temos que lembrar: Los franceses en Cee (1941; reeditado en 2009); El arquitecto gallego Domingo Antonio de Andrade. Su vida y obra (1942); Anselmo Mayán González, escultor y pintor (1969); Breve historia de la villa de Cee (1972) e Domingo Antonio de Andrade, hijo ilustre de Cee (1990).
Outras obras da súa autoría son Trajano o el cumplimiento del deber (1999) e El Santuario de Nuestra Señora de Carrasconte, publicación póstuma de 2012, pero que lle valeu o recoñecemento como “Lacianiego” do ano 2007.
En 1993 foi nomeado académico correspondente da Real Academia de la Historia, no ano 2002 recibiu a Medalla Fernando Blanco de Lema do Concello de Cee, e en 2001 é nomeado Cronista oficial de Mondoñedo, cargo no que sucedeu a Xosé Díaz Jácome e precedeu a Antonio Reigosa Carreiras. O 5 de setembro de 2010 faleceu en Lugo á falta de poucos días para cumprir os 95 anos.
***
Don Francisco Mayán e Cee
© Víctor Manuel Castiñeira Castro – Licenciado en Xeografía e Historia pola USC
Este 30 de setembro cúmprense cen anos do nacemento na vila de Cee de D. Francisco, “Pancho” Mayán. Finado hai pouco máis de seis anos, dedicou a súa vida á docencia (en Cee, Villablino e Mondoñedo) e á investigación histórica. Digno herdeiro do espírito de Fernando Blanco, formouse nas aulas do Colexio nas que pronto impartiría clase como mestre de Xeografía e Historia. A él lle debemos parte do que hoxe coñecemos da nosa historia, xa que foi o pioneiro dos estudos de investigación histórica na súa vila natal, sendo o primeiro en investigar os libros parroquiais de Santa María de A Xunqueira nos que descubriría as tráxicas consecuencias da invasión napoleónica de 1809 ou a partida de defunción do pai do gran artista do barroco galego Domingo Antonio de Andrade, confirmando así a súa orixe ceense. Ademáis da obra sobre a invasión francesa en Cee, publicada en 1941 e reeditada no ano 2009 con motivo do bicentenario da mesma, Mayán adicou dúas obras a Andrade, ceense universal, un pequeno estudio no ano 1942 e un libro no ano 1990. Tamén gardan relación con Cee, a obra sobre o artista Anselmo Mayán publicada en 1969 e a primeira aproximación á historia da nosa vila publicada en Santiago no ano 1972.
Traballador infatigable, home de grandes inquietudes culturais, viviu con gran intensidade a súa paixón pola historia xa desde os seus anos mozos. Só así pode entenderse o enorme mérito que ten a publicación do seu primeiro libro, dado que o contexto socioeconómico e político da época, pouco despois de acabada a Guerra Civil, non era desde logo o máis axeitado. Pero non só por eso senon polas horas de traballo empregadas nos arquivos parroquiais, aínda que contara coa axuda dun grupo de estudantes. Mayán, no prólogo da obra, ademáis de agradecer ós alumnos e párrocos a colaboración prestada deixa constancia da realidade á que se ten que enfrentar o historiador: moitas horas de traballo para a veces non atopar os datos desexados.
Se Cee foi a súa vila de nacemento e primeiros anos de xuventude, Mondoñedo foi a de adopción. Nela pasou gran parte da súa vida beneficiándose tamén do seu clima seco, moito máis beneficioso para a súa saúde que a humidade de Cee; do seu Ceiño, como el cariñosamente lle chamaba. Aínda así, e mentras as forzas llo permitiron, non podía faltar á súa cita de tódolos meses de agosto para reencontrase cos seus familiares, veciños e a súa venerada Virxe da Xunqueira.
A súa xenerosidade ten o seu reflexo máis visible nas numerosas doazóns de libros coas que estivo agasallando ó seu lugar de nacemento durante décadas, razón pola que a biblioteca pública municipal leva o seu nome desde o ano 1987. Este legado inmenso pode ser desfrutado por fin na súa totalidade nas modernas instalacións da Casa de Cultura.
Non foi este o único recoñecemento que tivo na súa vila. No ano 2002 recibiu a Medalla Fernando Blanco de Lema, máximo galardón co que o Concello de Cee premia a aquelas persoas ou entidades que ó longo da súa traxectoria vital e profesional destacaron polo seu labor en prol da vila ceense.
Para todos os que tivemos a sorte de compartir con el amigables charlas sobre a nosa historia, quédanos a lembranza dun home erudito e afable que sempre tiña a resposta axeitada a todo aquelo que se lle preguntaba. “Pancho” Mayán cumpriría hoxe cen anos e, aínda que xa non está con nós, quédanos a súa magna obra, na que nos amosa unha das cousas máis importantes da vida: as nosas raíces.
Permitídeme rematar cunhas palabras do propio Mayán referidas a súa obra “Los franceses en Cee“: “En mi amor infinito a Cee, a meu Ceiño, lo que pretendía al hacer este libro era el situar a mi pueblo en la historia, ocupar un poco más de espacio que el que dedicaba D. Eugenio Carré Aldao en su Geografía General del Reino de Galicia… Hasta D. Manuel Fraga Iribarne se valió de “Los Franceses en Cee” para soltar una de sus características citas en una conferencia en Barcelona: Napoleón entró en España para conquistar Cee”.
***
Don Francisco en Mondoñedo
© Antonio Reigosa – Cronista oficial de Mondoñedo
O don Francisco que eu coñecín era director e profesor de Historia no Instituto “San Rosendo” nos sete anos que alí pasamos os da miña quinta escolar, aínda que a min só me deu clase no convulso curso 1975-76.
Daquela era un home recto, obsesionado coa disciplina e impacable á hora de sentenciar unha expulsión ou outro tipo de castigo. Presumía fachendoso de que o noso centro fose o máis limpo e pulcro do universo escolar. E érao; abofé!
As xeracións máis novas deben ter en conta que naqueles anos practicábase a separación por sexos, que a entrada e saída nas aulas imitaba ringleiras de inspiración marcial, e que todos os anos, cada 20 de novembro, eramos conducidos ata a Igrexa Nova por mestres uniformados de falanxistas para asistir á misa por José Antonio.
Mais, tras a morte do ditador, todo comezou a mudar paseniñamente. Cóntanme, e cónstame, que o seu grande mérito vital foi o de irse acomodando á nova situación, con plena consciencia e convencemento. Unha proba da súa evolución ideolóxica (era especialista na figura de Pardo de Cela) é que chegou a identificarse coas correntes de opinión que consideran a este personaxe mito fundacional da nación galega.
Don Francisco chega a Mondoñedo en 1953, logo dunha xa fructífera laboura profesional no Cee natal e en Villablino. Trae a encomenda de poñer en marcha o novo Instituto. Desde entón intégrase plenamente na sociedade mindoniense, e en pouco tempo converteuse nun dos grandes dinamizadores da vida cultural local. Promoveu revistas escolares, conferencias, exposicións, expedicións arqueolóxicas … Foi alcalde desde febreiro de 1964 ata xaneiro de 1966, cargo ao que renunciou alegando necesidade de tempo para opositar a cátedra de universidade.
Da súa etapa de alcalde cóntanse numerosas e simpáticas anécdotas que, por outra parte son reveladores do seu carácter. Ao parecer multou, para escarmento do resto da veciñanza, á muller que traballaba de serventa na súa casa por sacudir unhas sabas pola ventá.
Dirixiu o instituto uns 30 anos, desde os inicios ata a súa xubilación en 1985, e residiu en Mondoñedo uns 50 anos. Foi un historiador de mérito e un gran profesor. Déixanos publicacións imprescindibles para coñecer o noso pasado. Gañou o respecto e admiración de todos e todas, pois foi xeneroso coa cidade e coas xentes. Do don Francisco daqueles anos tardofranquistas ao Mayán das décadas finais da súa vida vai un mundo de evolución congruente e intelixente.
Francisco Mayán amou Mondoñedo e Mondoñedo correspondeulle nomeándoo Fillo Adoptivo e Cronista Oficial. Merecíao!
Nota: Estes artigos foron publicados (algún incompleto) pola xornal La Voz de Galicia, edicións de Carballo e A Mariña o sábado, 1 de outubro de 2016.