Por que creamos o Premio Mondoñedo10? (Bases, finalistas e fallo do xurado – 2016)

Mondoñedo é literatura (poesía, narrativa, teatro) e chámase Escola de Cantores do Nadal, Escola Poética do Seminario ou Leiras, Cunqueiro, Noriega, Jácome … e moitos nomes máis, mortos ou vivos como Marina Mayoral.

Mondoñedo é ensaio e historia e chámase Lence, Mayán, Cal Pardo … e agora Xe Freyre, Requeixo, Meilán, Félix Villares, García Doural. Mondoñedo é música e chámase Veiga, Pacheco, Capela da Catedral, orfeóns, coros, bandas, orquestras … e Mestre Pacheco, Moncho García, Xan Carballal, Xulia Nogueira, Carmen Rodríguez Lage.

Mondoñedo é plástica e chámase G. Fraga, José Mª Rodríguez, Quique Guerra … e Juan Puchades, Vizoso, Caxigueiro, Artiaga, González Torterolo, M. Leivas, Alicia Puchades.

Mondoñedo é artes escénicas e chámase Manuela Rey. Mondoñedo é cine e chámase Victoriano López. Mondoñedo é xornalismo (unhas 80 cabeceiras de todo tipo desde 1856) e chámase J. M. Palacios. E tamén é historia da imprenta, artesáns, museos, incunables, bibliotecas …

Mondoñedo é medicina, ciencia … e suma 860 anos de historia como cidade, antiga capital de provincia dun reino que xa non hai, capital dunha diocese que naceu no século VII e que atenderon bispos de toda condición, incluído Antonio de Guevara.

Mondoñedo é Pardo de Cela, un seminario de 450 anos polo que pasaron milleiros de alumnos que encheron o país non só de cregos senón que tamén de talentos nas máis variadas disciplinas e saberes.

Mondoñedo é tan só un nome, un topónimo con prestixio de seu ao que agora toca engadir o máxico número “10”, o do sobresaliente, o da potencia elevada a “10” coa que pretendemos multiplicar desde a humildade ata o infinito o seu futuro.

Mais, que futuro? Todos os futuros! Sobre todo aquel que estea en comuñón coa súa historia, cun pasado cicelado pola creación cultural.

Coa posta en marcha deste premio, para o que se establecen dez modalidades creativas (narrativa, poesía, teatro, ensaio, historia, música, plástica …) ata completar un ciclo de dez anos, pretendemos que o nome Mondoñedo se una ao dos títulos das mellores creacións galegas, en galego, dos 10 anos anteriores ao da convocatoria; unha volta atrás, unha mirada panorámica ao rastro que deixamos. Dez modalidades, dez anos, dez premios de dez que van levar de apelido canda si e para sempre o nome de Mondoñedo.

O estipendio previsto non é monetario porque Mondoñedo, ademais de humilde, é tan pobre en cartos como rico en arte e en artistas. O premio é un modesto diploma e unha obra de arte única e irrepetible, que para esta edición creou o noso veciño, delicado artista, Caxigueiro.

Nesta edición buscamos a mellor obra narrativa editada en galego entre 2006 e 2015. Sexa cal sexa, a obra elixida será excelente. Sabemos que poderiamos engadir aos 6 títulos escollidos como finalistas outros moitos que o merecerían. Por iso é de agradecer a imprescindible e valente colaboración do xurado. Os seus nomes e as institucións que representan (Real Academia Galega, Consello da Cultura Galega, Pen Clube, Asociación de Escritores e Escritores en Lingua Galega (AELG), Asociación Galega de Editoras (AGE), Federación de Librarías e concello de Mondoñedo) son quen dá realmente brillo e esplendor a este premio acabado de nacer e que se chama, agardemos que por moitos, moitos anos, Mondoñedo10.

imaxe

Finalistas Premio Mondoñedo10. Modalida Narrativa (ano 2016)

Begoña Caamaño, Morgana en Esmelle, Editorial Galaxia,  col. Literaria, 2012, 220 pp. (ISBN: 978-84-9865-412-7).

Víctor F. Freixanes, Cabalo de ouros, Editorial Galaxia,  col. Literaria, 2010, 368 pp. (  ISBN: 978-84-9865-328-1).

Agustín Fernández Paz, Non hai noite tan longa, Edicións Xerais de Galicia, col. Narrativa, 2011, 272 pp. (I.S.B.N.: 978-84-9914-252-4).

María Reimóndez, O Club da calceta, Edicións Xerais de Galicia, col. Narrativa, 2006, 272 pp. (ISBN 10: 84-9782-437-7).

Manuel RivasOs libros arden mal, Vigo: Edicións Xerais de Galicia, col. Narrativa, 2006, 746 pp. (ISBN: 84-9782-461-X).

  Antón Riveiro CoelloLaura no deserto, Vigo: Editorial Galaxia, col. Literaria, 2011, 726 pp. (ISBN: 978-84-9865-395-3).

Composición do xurado (ano 20016)

Presidente:

Don Antonio Reigosa Carreiras, Cronista oficial de Mondoñedo.

Vocais:

Don Xosé Henrique Monteagudo Romero, en representación da Real Academia Galega.

Dona Dolores Vilavedra Fernández, en representación do Consello da Cultura Galega.

Don Cesáreo Sánchez Iglesias, en representación da Asociación de Escritores e Escritoras en Linuga Galega(AELG).

Don Luís González Tosar, en representación do Pen Clube Galicia.

Dona María Xesús Gómez, en representación da Asociación Galega de Editoras (AGE).

Dona Pilar Rodríguez Álvarez, en representación da Federación de Librarías de Galicia.

Don Armando Requeixo Cuba, en representación do concello de Mondoñedo.

Secretario:

Don Fran Bouso. Designado pola organización.

***

PREMIO “Mondoñedo 10”

A Asociación “As San Lucas”, en colaboración co Colectivo Mondoñedo É … e o concello de Mondoñedo crean os premios denominados “Mondoñedo 10” co obxectivo de establecer vínculos permanentes entre a cidade e o concello que lles dá nome coas mellores obras de creación cultural producidas en Galicia e en galego na actualidade.

O prestixio decantado ao longo dos séculos por institucións e persoeiros de ascendencia ou residencia mindoniense, así como  a recoñecida achega destes á cultura galega en xeral, xustifican a creación destes galardóns que se entregarán anualmente co fin de contribuír a salvagardar para a memoria do presente e do futuro da lingua e da cultura galegas aquelas obras que a xuízo do xurado correspondente merezan este recoñecemento.

Establécense dez modalidades que se sucederán ano a ano ata completar un ciclo, convocándose sucesivamente a partir de agora consonte ao seguinte calendario:

 Modalidades:

2016: Mellor obra de Narrativa en galego, publicada entre os anos 2006 e 2015.
2017: Mellor obra de Poesía en galego, publicada entre os anos 2007 e 2016.
2018: Mellor obra de Teatro en galego, estreada ou publicada entre os anos 2008 e 2017.
2019: Mellor obra de Ensaio ou Historia en galego, publicada entre os anos 2009 e 2018.
2020: Mellor obra de Música de autor/a galego/a estreada ou publicada entre os anos 2010 e 2019.
2021: Mellor obra de Plástica de autor/a galego/a, executada ou publicada entre os anos 2011 e 2020.
2022: Mellor obra de Artes Visuais de autor/a galego/a, executada ou publicada entre os anos 2012 e 2021.
2023: Mellor obra de Tradución doutra lingua ao galego, publicada entre os anos 2013 e 2022.
2024: Mellor obra de Xornalismo Cultural en galego, publicada ou desenvolvida en calquera medio entre os anos 2014 e 2023.
2025: Mellor Persoa, Proxecto, Colectivo ou Institución do eido cultural galego entre os anos 2015 e 2024.

A partir da convocatoria correspondente a 2025 comezará de novo a rolda establecida, agás que a organización convocante, previa consulta coas entidades colaboradoras, decidise algunha modificación.

A entrega do premio correspondente a cada convocatoria realizarase en acto solemne coincidindo coas Feiras e Festas das San Lucas dese ano.

 O premio, que se entregará ao/á autor/a da obra seleccionada, ou, en caso de falecemento ou outra causa, a un representante designado polos herdeiros ou titulares dos dereitos da obra premiada, consistirá na entrega dun diploma acreditativo e dunha obra artística orixinal e única de autor/a de prestixio recoñecido.

A composición do xurado de cada convocatoria será decidida polos organizadores, atendendo ao tema da categoría proposta.

Bases Premio “Mondoñedo 10” 2016. Modalidade: Narrativa.

1ª.-Na edición correspondente a este ano 2016, o Premio “Mondoñedo 10” convócase na modalidade de Narrativa á mellor obra escrita orixinalmente en galego e cuxa primeira edición fose publicada en calquera soporte nos 10 anos anteriores ao desta convocatoria; ou sexa, entre 2006 e 2015, ambos inclusive.

2º.-Só serán obxecto de deliberación os títulos propostos en prazo e forma polos membros do xurado que terán opción de propoñer en cada caso un máximo de dúas obras.

3º.-Terán a consideración de finalistas (relación que se fará pública nas xornadas previas ao fallo), aquelas obras que figuren nas propostas remitidas por escrito polos membros do xurado ao presidente do mesmo no prazo e forma que se estableza oportunamente.

4º.-Será proclamada gañadora a obra que despois de sucesivas roldas de votación, excluíndo a cada volta a que obteña menos votos, aquela que reciba a maioría de votos na votación definitiva.

5ª.- Nin o presidente do xurado, como membro permanente do mesmo, nin o secretario, poderán propoñer obras, nin votalas.

6º.-Calquera cuestión relacionada ou non prevista nestas bases será resolta polo presidente do xurado, previa consulta aos membros do xurado, e será inapelable.

7ª.-Este xurado reunirase en Mondoñedo o 16 de outubro de 2016 en hora e lugar a fixar pola organización. Unha vez producido o fallo, o seu presidente comunicáralle á persoas ou persoas premiadas a decisión, así como a hora e lugar onde se realizará a entrega en acto público deste premio.

8ª.- Composición do xurado para a edición correspondente ao ano 2016, modalidade Narrativa.

Presidente: Cronista oficial de Mondoñedo.

Vogal: Presidente/a, ou persoa en quen delegue, en representación do Consello da Cultura Galega.

Vogal: Presidente/a, ou persoa en quen delegue, en representación da Real Academia Galega

Vogal: Presidente/a, ou persoa en quen delegue, en representación da Asociación de Escritores/as en Lingua Galega (AELG).

Vogal: Presidente/a, ou persoa en quen delegue, en representación do PEN Clube Galicia

Vogal: Presidente/a, ou persoa en quen delegue, en representación da Asociación Galega de Editoras.

Vogal: Presidente/a, ou persoa en quen delegue, en representación da Federación de Librarías de Galicia.

Vogal: Alcalde/sa , ou persoa en quen delegue, do concello de Mondoñedo.

Secretario/a: Designado pola asociación convocadora deste premio.

 

FALLO DO XURADO

ACTA

En Mondoñedo, a domingo 16 de outubro de 2016, ás doce horas da mañá reúnese no Pazo de Santomé, na rúa Julia Pardo de Mondoñedo o xurado do Premio Mondoñedo10 2016 modalidade Narrativa, coa asistencia das seguintes persoas:

Presidente:

Don Antonio Reigosa Carreiras, Cronista oficial de Mondoñedo.

Vocais:

Don Xosé Henrique Monteagudo Romero, en representación da Real Academia Galega.

Dona Dolores Vilavedra Fernández, en representación do Consello da Cultura Galega.

Don Cesáreo Sánchez Iglesias, en representación da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG).

Don Luís González Tosar, en representación do Pen Clube Galicia.

Dona María Xesús Gómez, en representación da Asociación Galega de Editoras (AGE).

Dona Pilar Rodríguez Álvarez, en representación da Federación de Librarías de Galicia.

Don Armando Requeixo Cuba, en representación do concello de Mondoñedo. Intervén desde Barcelona por videoconferencia.

Secretario:

Don Fran Bouso, designado pola organización.

1º) Os membros do xurado que representan as institucións queren expresar o seu agradecemento á iniciativa da Asociación As San Lucas, o Colectivo Mondoñedo É… e o Concello de Mondoñedo. Damos os nosos parabéns por este Premio Mondoñedo10 polo que supón de compromiso coa cultura galega e a posta en valor das nosas letras e a creación artística. Trátase dun certame novidoso que bota un ollada retrospectiva dunha década en tódalas modalidades e contribuirá, sen dúbida, á difusión da nosa cultura.

2º) Atendendo aos puntos 2º e 3º das bases do Premio e despois das propostas realizadas polos membros do xurado decláranse Finalistas as seguintes obras:

Morgana en Esmelle, Begoña Caamaño, Editorial Galaxia,  col. Literaria, 2012, 220 pp. (ISBN: 978-84-9865-412-7).

Cabalo de ouros, Víctor F. Freixanes, Editorial Galaxia,  col. Literaria, 2010, 368 pp. (  ISBN: 978-84-9865-328-1).

Non hai noite tan longa, Agustín Fernández Paz, Edicións Xerais de Galicia, col. Narrativa, 2011, 272 pp. (I.S.B.N.: 978-84-9914-252-4).

O Club da calceta, María Reimóndez,  Edicións Xerais de Galicia, col. Narrativa, 2006, 272 pp. (ISBN 10: 84-9782-437-7).

Os libros arden mal, Manuel Rivas, Vigo: Edicións Xerais de Galicia, col. Narrativa, 2006, 746 pp. (ISBN: 84-9782-461-X).

Laura no deserto, Antón Riveiro Coello, Vigo: Editorial Galaxia, col. Literaria, 2011, 726 pp. (ISBN: 978-84-9865-395-3).

Trala preceptiva deliberación do xurado, polos motivos que abaixo se expoñen, determínase que a obra gañadora por maioría é:

Os libros arden mal, Manuel Rivas, Vigo: Edicións Xerais de Galicia, col. Narrativa, 2006, 746 pp. (ISBN: 84-9782-461-X).

O xurado recoñeceu a importancia dunha obra cunha ambición literaria extraordinaria, que supuxo sen dúbida un desafío para o  autor máis que tamén demanda unha lectura esixente ao público receptor. Os libros arden mal é ademais unha novela que aborda o tema da memoria do 36 dende unha perspectiva  plural, dinámica e moi novidosa, tanto no contexto galego coma hispánico, legándonos para o noso patrimonio literario personaxes e episodios inmorredoiros. A diversidade de rexistros manexados polo autor (lírico, épico, ensaístico…) fai desta novela un texto chamado a ser de referencia na historia da literatura galega.

Finalizada a reunión, levántase acta coa conformidade dos presentes, sendo as 13:45 horas do día arriba indicado.

 Vocais:

Don X. Henrique Monteagudo Romero          Dona Dolores Vilavedra Fernández

Real Academia Galega                                         Consello da Cultura Galega

 Don Cesáreo Sánchez Iglesias                        Don Luís González Tosar

Asociación de Escritores e Escritoras                Pen Clube Galicia

en Lingua Galega (AELG).

 Dona María Xesús Gómez                                  Dona Pilar Rodríguez Álvarez

Asociación Galega de Editoras (AGE)              Federación de Librarías de Galicia

Don Armando Requeixo Cuba

Concello de Mondoñedo

Secretario:                                                              Presidente:

 Don Francisco Javier Bouso Bouso              Don Antonio Reigosa Carreiras