Despois de comprobar a escasa media ducia de opcións que tiña para ver se me tocara algo neste sorteo extraordinario do Nadal, teño que dicir que o que importa é a saúde. Nin o gordo, nin o fraco; nin a pedrería, nin sequera o reintegro.
Pero consólome lembrando que ao xornalista e agrimensor Dodolino Trigo Paz e ao médico e poeta Manuel Leiras Pulpeiro tocoulles a lotería no sorteo de Noite Boa de 1892.
Ata o sorteo, Dodolino Trigo levaba un ano entre acedo e amargo. En febreiro substituíra a Aureliano J. Pereira na presidencia da “Estudiantina” de Lugo, en xuño morre a súa nai, Francisca Paz, e en marzo xa de 1893, logo de tocarlle a lotería en decembro de 1892, casa de segundas con Justa Barro González. Unha densa biografía a deste home que dirixiu os xornais “El Reparador” e “La Voz de Mondoñedo”, foi administrador de “Electricista Mindoniense” e participou activamente na vida política e social local. Mais hoxe non toca falar do seu deambular pola vida senón da épica da lotería.
Aquel ano o sorteo celebrouse o 23 de decembro e foi a primeira vez que se denominou oficialmente “Sorteo de Navidad”. O décimo custaba 50 pesetas. En Mondoñedo vendéronse dous décimos en fraccións. Da escasa información que se nos dá na nota do xornal “El Lucense” do día 26 de xaneiro de 1893 deducimos que as participacións que se venderon en Mondoñedo foron as do 15.802, número que resultou premiado cun sexto premio ao que lle correspondían 250.000 pesetas ao billete e 25.000 ao décimo. Por tanto, en Mondoñedo quedarían 50.000 pesetas.
Conta o xornal que estando Dodolino Trigo de paseo pola estrada que vai de Mondoñedo ao Valadouro, á altura de Viloalle achegóuselle unha pobre muller que lle pdiu para comer.
—Canto lle faría falta para non ter que pedir máis? —preguntoulle o xornalista.
—Pois con mil reás, nunca máis pobre era!
Di a nota que o señor Trigo, vendo que o que lle podía dar non reparaba a necesidade toda da muller, obsequiouna con unha participación de unha peseta (era o que custaba a subscripción a un xornal durante un mes) para a lotería que logo resultou premiada. E que a muller non recibiu mil, senón dous mil reás de premio (500 pesetas). Remata a información cun comentario de loanza para o doante: “Debido a la filantropía y honradez del señor Trigo, posee esta mujer doble suma de la que consideraba necesaria para ser feliz”.
Non sabemos como se chamaba aquela muller, nin canto lle tocou na lotería a Dodolino Trigo pero si a sorte de Manuel Leiras Pulpeiro. O médico e poeta fora dos mindoniense máis favorecidos, igual que Antonia Pardo, e tocáronlles a cada un 5.000 pesetas, o que non estaba nada mal para a época. Supoñemos que Manuel Leiras Pulpeiro investira tentando aquela sorte 10 pesetas.
Por certo, o gordo levouno o 40.297; tres millóns de pesetas ao billete que foron parar a Palencia. De tocar neste número serían 24.000 reás para a peseta da señora anónima e 60.000 pesetas para as 10 pesetas de Leiras Pulpeiro.
A pesar daquela raspa na sorte da lotería, a vida seguiu o seu ritmo en Mondoñedo aínda que non o mesmo para todos; na mañanciña do 21 de febreiro daquel 1893 foron executados a garrote no Campo dos Remedios, Manuel Rivas e Manuela Vidal, sentenciados por matar a Juan Paz en Sasdónigas a noite do 21 de outubro de 1891.
©Antonio Reigosa