Nestes días decembrinos, ao tempo que remata a posibilidade de visitar a Cova do Rei Cintolo por esta temporada, tamén se cumpren 60 anos da publicación da novela do ribadense Daniel Cortezón titulada, precisamente, “As Covas do Rei Cintolo”.
A suspensión das visitas por parte do concello de Mondoñedo ten que ver co respecto ao período de hibernación e cría dos morcegos de diversas especies que viven na cova, mais, quen así o desexe poderá reservar praza a partir da primavera para gozar de novo daquel soberbio espectáculo. Dos morcegos, despois dunha visita á cova que realizaron en decembro de 1903, Victoriano López, Francisco Díaz e Lence Santar, escribe este: “Huellas, tal vez, de la pezuña de un trasgo trepador sobre un pavimento de nieve, transformadas en quirópteros por arte diabólica”.
A novela de Cortezón editouna Galaxia a finais de 1956. Contén un extenso prólogo a modo de carta ao autor, con reflexións sobre o que debería e non debería ser a narrativa galega, asinado por Ramón Piñeiro, e varias ilustracións de autoría anónima, todas moi fermosas, especialmente a da portada.
Daniel Cortezón (Ribadeo, 1927 – Lugo, 2009) forma parte dese grupo de autores galegos que aínda agardan un merecido e xusto recoñecemento da república das letras. Por ser fillo dun carabineiro fiel á República, a familia tivo que fuxir a Francia en 1937, para despois retornar á zona republicana. Ao acabar a guerra, o pai foi condenado e preso 5 anos. Fora acusado de rebelión militar, sendo fiel ao goberno lexítimo; a muller e o fillo regresaron a Ribadeo, onde Daniel comezou a traballar de mancebo nunha botica.
De formación lectora e autodidacta, devorou todos cantos libros posuía a biblioteca municipal de Ribadeo e comezou a escribir moi novo en revistas como Rumbo. En 1964 marchou traballar a León, e en 1966 a Madrid, cidade onde frecuentou os parladoiros do Café Gijón. É autor dunha extensa obra narrativa, ensaística e sobre todo, dramática. Foi dos que asentaron os alicerces da rexeneración do teatro en galego nos estertores do franquismo. A súa novela “A vila asulagada” mereceu a primeira edición do Premio Blanco Amor en 1981.
A novela “As Covas do Rei Cintolo” sucede na cova mindoniense e nun ficticio pazo de a carón. O protagonista, o Cabaleiro da Centilante Espada, procede de Ribadeo e ten a misión de retar ao Demo Maior para quitarlle un cacho de rabo que precisa a súa dona, Margarida, para desenmeigar a un seu curmán que tomou figura de papagaio.
Nesta obra, preñada de humor e ironía, Cortezón revive un quixote embebido das mesmas fantasías que os cabaleiros andantes. Os personaxes, doncelas, cabaleiros, amos e criados, forman parte dunha obra paródica, estruturada á maneira do Decamerón de Boccaccio.
Díxose que o ”Merlín e familia” de Cunqueiro, obra publicada o ano anterior, influíra na de Cortezón, mais este sempre o negou. Sexa como for, esta novela merece moito a pena pola calidade literaria e polo tema, e por facer da Cova de Supena de Argomoso un espazo literario aínda meirande.
Direi que o Demo Maior, sorprendentemente educado e pacífico, acaba entrando en tratos co Cabaleiro da Centilante Espada; outro asunto ben diferente será se cede ou non a que lle rabenen o rabo.
©Antonio Reigosa