O tren que nunca chegou: Centenario dunha decepción

 A ilusión pola construción da desexada vía férrea entre Lugo e Ribadeo por Vilalba e Mondoñedo reviviu nos últimos meses de 1916 e nos primeiros días de 1917, xa que, despois de diversas xestións na Corte, todo facía pensar que podería chegar a ser unha realidade.

Unha vella aspiración

A pretendida construción do camiño de ferro entre Lugo e Ribadeo xa figura na Lei de Bases dos Ferrocarrís de 2 de xullo de 1870, e tamén no plan xeral de 2 de novembro de 1877 formando parte do proxecto “Red del Noroeste y su enlace con la del Norte”.

Emilio Tapia Rivas

Case cincuenta anos despois, o 5 de maio de 1916, a Deputación de Lugo acorda comisionar ao seu presidente, o mindoniense Emilio Tapia Rivas, para que se dirixa ao goberno do estado e reclame transformar o proxecto de ferrocarril de vía ancha de Lugo a Ribadeo en “ferrocarril de un metro” ou de vía estreita.

En setembro, o propio Tapia manifesta en “El Norte de Galicia” que é optimista e, logo de expoñer paso a paso os beneficios da obra, asegura que chegou o momento de facela realidade. Son moitas as plumas que se fan eco desta necesidade en distintos medios e que lembran antigas promesas. É sentir compartido tratar de superar a tradicional mansedume dos galegos e chamar ao compromiso pola unión en pro dos ferrocarrís galegos.

Agora ou nunca!

Ata final de ano organizáronse asembleas en varias localidades, enviáronse telegramas a distintas autoridades e houbo reunións con altos cargos do goberno central.

 O 11 de decembro unha numerosa comisión presidida por E. Tapia  Rivas e composta por representantes de todos os concellos afectados desprázase a Madrid. O día 22 “El Imparcial” de Madrid escribe que a comisión “ha terminado en el día de ayer sus gestiones, que han sido coronadas por un éxito que no olvidará nunca aquella simpática región”.

As promesas do ministro de Fomento e de altos representantes das cámaras lexislativas abonaron tan grandes esperanzas que aquela estancia na capital do Estado rematou cunha festa na Casa de Galicia á que asistiu Emilia Pardo Bazán.

Os comisionados regresaron a Lugo en tren e chegaron o día 23 ás 6 da tarde, aínda que con máis de seis horas de retraso.

O banquete popular de Lugo

En Lugo tamén consideran que as xestións para a realización da obra do camiño de ferro secundario Lugo-Vilalba-Mondoñedo-Ribadeo merecían unha gran homenaxe na honra dos comisionados que,  constituídos en Comisión Xestora, tamén se amosan eufóricos.

A Cámara de Comercio prepara un banquete popular para o sábado, 6 de xaneiro. O agasallo soñado escollera, como os desexos dos nenos e nenas en data tan sinalada, as monturas dos Reis Magos daquel 1917.

Ademais de aos convidados, ábrese a asistencia ao banquete a quen desexe asistir. As adhesións de concellos, colectivos e personalidades cóntanse por centos e proceden de toda a provincia, aínda que a maioría son dos pobos afectados polo trazado.

A prensa fala de solidariedade, e o banquete considérase unha oportunidade inmellorable para ofrecer esa imaxe de unidade provincial que un proxecto de tal envergadura precisa.

Menú banquete popular Lugo

O banquete celébrase no Salón de Quintas da Deputación, onde sirve un abundante e escollido menú o persoal do Hotel Universal. A música estivo a cargo da Banda Municipal.

“El Norte de Galicia” do día 7 de xaneiro dedícalle unha páxina enteira á crónica do evento. Segundo o medio que se consulte, asisten entre 160 e 200 persoas.

Acto brillantísimo, entusiasmo colectivo, son algúns dos cualificativos que preceden a listaxe case completa dos asistentes, entre os que destacan os nomes de autoridades e membros representativos das principais institucións provinciais.

Discursos e adhesións

Entre os textos de adhesión hai frases memorables como esta que entresacamos do telegrama que envía J. Soto Reguera, presidente da Casa de Galicia en Madrid e deputado por Viveiro: “… y brinde porque la sirena de aquel (refírese á buguina do tren) hienda cuanto antes el espacio pregonando urbe et orbi que hemos dejado de  ser la Cenicienta de España”. O presidente da Sociedade de Obreiros de Mondoñedo, Antonio María Otero, en linguaxe telegráfica resume moi ben os obxectivos “ … por brillante desempeño Madrid defendiendo intereses generales región que falta medios transporte no explota riquezas que atesora, viendo desaparecer vida comercial y horizonte clase obrera”.

O señor Tapia, que detallou as xestións e os contactos de todo tipo realizados en Madrid, foi agasallado cun diploma, obra caligráfica da autoría de Vázquez Senra.

A cada discurso responderon os asistentes con “nutridas salvas de aplausos” ou, nos casos máis fervorosos, cunha “ovación delirante”. Falouse da palabra dada, dos compromisos de honor, mesmo da necesidade dun rexionalismo, como o de Cataluña, non anarquista, nin disolvente nin separatista senón útil para defender os intereses propios e combater os abusos ou erros do “artefacto” Estado.

“La Voz de Mondoñedo”, na euforia do momento vivido, e baixo un Viva Galicia! expresa o desexo dun rexionalismo sublime, un gran espertar de amor á “patria chica”.

Un dos logros que se resaltou foi que o Congreso dedicara seis horas dunha sesión a tratar asuntos relacionados con Galicia, circunstancia que nunca antes acontecera.

Antes de acabar o mes de xaneiro celebrouse unha asemblea informativa en Lugo, e logo telegrafouse a Madrid a distintas autoridades, para que non esquecesen o asunto.

Homenaxe e banquete en Mondoñedo

Emilio Tapia Rivas chega a Mondoñedo o 19 de xaneiro e é recibido como un heroe. Pola noite a coral “Brisas del Masma” e a Banda Municipal ofrecéronlle unha serenata.

Banquete Mondoñedo

Ao día seguinte, sábado, celebrouse no salón de actos do Casino un xantar “íntimo”, reservado aos mindonienses que formaran parta da comisión que viaxara a Madrid. A listaxe de asistentes nomea as cabezas visibles dos poderes locais civís e relixiosos, desde ao alcalde ao deán, presidentes de sociedades, xefes locais de servizos públicos, xuíces, avogados, procuradores, directores dos xornais locais, médicos, veterinario, notario e diversos propietarios ata xuntar, segundo o xornal “Mondoñedo”, 32 comensais. Serviu un menú xeneroso, detallado en tarxetas coa fotografía do homenaxeado, dona Cándida (Fonda Cándida Canoura). Ademais de entremeses, arroz, pescada, perdices, capóns e pastelóns de solombo houbo tortas, pasteis, queixos, froitas, regado todo con viños de Rioja, Xérez, cognac “Real Tesoro”, Benedictine, champagne “Viuda de Cliquot”, café e habanos. O “Orfeón Veiga” puxo o remate musical ao acto.

Asemblea no Casino

O luns, 22 de xaneiro, ás seis da tarde, celebrouse no mesmo salón unha asemblea popular aberta, coa advertencia de que as cadeiras estaban reservadas en primeiro termo ás señoras e señoritas. O lema que presidiu o acto foi “Todo por y para Galicia” e o berro “Viva Mondoñedo!”

Viuve de Cliquot

Os párrocos de Santiago e Os Remedios falaron do atraso de Mondoñedo, provocado, dixeron, polo illamento do mundo polas montañas. O deán comparou a Mondoñedo cun defunto, pero cun defunto que tiña vida vendo a asistencia ao acto.

Emilio Tapia, nun discurso cargado de elementos poéticos (comparou as montañas con xardíns, as ladeiras con esmeraldas e  as casas das rilleiras con bolboretas) dixo que o poder, aínda que veña de Deus, vén por conduto do pobo.

A concorrencia foi numerosa, “muchísimos sacerdotes, distinguidas damas y bellas señoritas”, e  Emilo Tapia recibiu unha “ovación estruendosa”. O acordo final, ademais do de enviar telegramas de agradecemento a todas as autoridades que en Madrid os recibiran con tanto agarimo e mellores promesas,  foi o de elixir a Xunta da Comisión Xestora.

A asemblea rematou ás dez e media da noite cunha manifestación espontánea que seguiu a Emilio Tapia ata o seu domicilio, mais estando xa a cuberto tivo que saír ao balcón para volver a saudar, o que aproveitou para pedir solemnemente que se morría fóra da terra nai, fose soterrado en Mondoñedo.

Nun acto celebrado en Lugo, no Lugo-Salón, o día 27 deste mesmo mes polos “Amigos da Fala” (Irmandades da fala)  a proposta máis aplaudida foi a de dirixir un telegrama redactado en galego ao presidente do Consello de Ministros, solicitándolle a construción do camiño de ferro de Lugo a Ribadeo por Vilalba e Mondoñedo como continuación do Ferrocarril Central Galego.

Pasaron cen anos e …

Non é que non se fixese máis nada pero pouco máis se fixo. En maio percorreron puntos da futura vía uns enxeñeiros estranxeiros acompañados do deputado Soto Reguera e o duque de Tetuán. En outubro, “Galicia pintoresca” de Vilalba, o mesma medio que dera a voz de alarma sobre o tema no verán de 1916, anuncia que o Consello de Ministros aproba o proxecto de ferrocarrís secundarios sen que se cite o prometido traxecto Lugo-Ribadeo. Logo de expresar unha cortés confianza en que os señores deputados tivesen en conta as lexítimas aspiracións de noso, engade: “de lo contrario, tendríamos que decir que estamos completamente huérfanos y desamparados de elementos de valía”. Ademais, un novo proxecto dun camiño de ferro entre Villafranca e Ribadeo, que tampouco se realizou, ocupou nos seguintes meses as portadas e as mentes da política.

Emilio Tapia Rivas abandona a presidencia da Deputación na primavera de 1917 e o 12 de xuño de 1918, logo dun ano de enfermidade, morre con tan só 55 anos. Foi soterrado no actual Cemiterio Vello de Mondoñedo, cidade onde nacera, como era o seu desexo. Fora avogado, político conservador, profesor, xornalista, escritor, membro fundador da Real Academia Galega e presidente da Deputación de Lugo desde finais de 1914 a maio de 1917.

O seu afán, e o doutros moitos que o acompañaron naquel intento, non debera quedar no esquecemento. Cando menos, deberamos lembrar aqueles actos e aqueles días de esperanza como unha xesta que se non tivo o premio desexado, serviu para prender a chama dunha reivindicación xusta e aínda hoxe necesaria.

©Antonio Reigosa

Artigo publicado en El Progreso (02.01.2017)