Fitur 1917
A Fernán, de ‘Rutas Vivas’

A Feira Internacional de Turismo (Fitur) que se celebra estes días en Madrid leva 37 anos convocando a mercadotecnia do negocio turístico. Un sector que para o estado español é como un maná, sustento providencial dunha economía absolutamente dependente do chamado ‘tour-ism’, termo que se podería transcribir como a acción de ‘ir, ver, gozar e retornar satisfeito ao punto de partida’. Fitur comezou en 1980 pero o turismo como fenómeno social, e o seu aproveitamento como recurso económico, xa conta con moita andadura.

Como exemplo lembramos hoxe que en Galicia se publicou o primeiro intento de contar pola breve as excelencias e atractivos de todo un país hai un século, en xullo de 1917.

“Galicia. Guía para el Turista 1917” foi unha publicación, hoxe unha xoia bibliográfica, editada pola ‘Asociación de Hoteleros y Fondistas de Galicia’. Repartiuse gratuitamente. A portada, a cor, é obra do pintor Román Navarro e o texto de Eladio Rodríguez González. Nas súas 163 páxinas contén fotografías en branco e negro, información sobre hoteis e fondas, ‘automóviles de línea’, ‘coches de plaza’, tranvías, correos, vapores, prezos dos billetes, distancias, mapa de estradas e outras vías de comunicación. Financiouse con máis de 70 anuncios de todo tipo. Para quen lle interese, hai edición facsímile do ano 2008.

No que toca á Mariña a información é escasa, por veces errónea e outras simpática. Menciona as explotacións mineiras de Vilaodrid e da Silvarosa, cita un suposto balneario de augas ferruxinosas en Barreiros (Santo Estevo?), fala das augas acídulo-ferruxinoso-sulfatadas de Covas e menciona a itacolumita, unha rocha existente en Foz na que poden atoparse diamantes. Ademais, compara as regueifas cos xogos olímpicos dos gregos.

Nas excursións que recomenda e que poden facerse desde Lugo nomea Viveiro, Ribadeo e Mondoñedo. De Viveiro e Ribadeo o máis relevante que di é que son lugares de embacordoiro dos minerais extraídos das minas de Silvarosa e Vilaodrid.

De Mondoñedo, cidade antiga situada no fondo dun val, nomea arredores interesantes para o mineraloxista e para o arqueólogo, e pon de exemplo que en Lindín hai curiosas lousas que se usaron na cuberta do Palacio Real de Madrid.

Tamén nos asegura que a catedral mindoniense (atribúea ao s. XVIII) é de severa elegancia, e di que no medio da fachada ten “una abertura por la cual pasa la luz que reverbera en un espacio circular de veintidós pulgadas de diámetro”. A palabra ‘rosetón’ ou non se coñecía ou non gozaba de prestixio! Do salto do Tronceda, de 220 metros de altura, dísenos que aporta forza motriz para os alumados de Ribadeo, Lourenzá e Vilalba.

Con mencións á Frouxeira e ao castelo de Alfoz rematan para esta guía pioneira os encantos mariñaos. Para hospedaxe só se citan en toda a provincia de Lugo o Hotel Méndez e a Fonda Universal en Lugo, e o Hotel Lamas de Ribadeo.

Os promotores desta primeira guía de Galicia dicían que as seguintes deberían ter versións en francés e inglés, e chamaban a atención, como un deber colectivo, de entidades oficiais e particulares para que entre todos atendesen a necesidade de pregoar os noso encantos. Como en Fitur cen anos despois.

©Antonio Reigosa

Artigo publicado en La Voz de Galicia (A Mariña) (17.01.2017)