A Candea Branca do Valadouro

As amigas e amigos do Seminario de Estudos do Valadouro fanme chegar o primeiro número da súa nova revista.  Máis de 50 páxinas inzadas de información, de textos e imaxes de todo tipo que desde o mesmo corazón do Valadouro irradian un compromiso de amor ao berce e a todo o que alí acontece, e ao que o engrandece, e fai, en fin, pasto esperanzado de futuro.

Candea Branca, nº 1

Chámase “Candea Branca”, nada menos, o que é o mesmo ca dicir que non se conforman con alumar o camiño do que vaia vindo, senón que a candea quere ser de cera de alta pureza, e a luz que desprende, faro guía para quen a lea.

Os contidos confirman o antedito. Desde a cabeceira deseñada por Xosé Blanco, a coidada maqueta, a ben tratada imaxe… todo convida a achegarse ao Val onde foi encomendeiro Pardo de Cela.

Poderedes ler as entrevistas ao artista Hipólito Xeada e ao mestre e teatreiro mindoniense, Paco Piñeiro. Numerosos artigos  de carácter histórico ou literario, asinados por ilustres personaxes da comarca e dos arredores, información variada sobre distintas actividades realizadas no Valadouro nos últimos tempos, incluídas as promovidas polo SEVA, sen esquecer as páxinas da memoria, a das lembranzas e a das lamentacións como é o caso do inesperado pasamento do grande músico Arcadio Mon.

Grazas por convidarme a ser parte deste primeiro número. Os meus parabéns pola iniciativa a todo o colectivo SEVA, e, sobre todo, pola grande calidade desta publicación que comeza unha andaina que desexo de longo percorrido e que ha traer para o mañá do Valadouro e das súas xentes grandes e gratas novidades. Unha Candea de pura e pulcra cera Branca acabada de estrear só pode convidar a soñar.

©Antonio Reigosa