“Pasaba Mondoñedo polo mundo e Galicia polos soños
coma se a auga toda das rías inundase o interior das horas”
(Fran Alonso, 1988)
Pasaron 30 anos cumpridos desde 1986, cando comezaba as emisións Radio Popular da Costa desde Ribadeo. Como en todas partes, tamén por Mondoñedo pasaron 30 anos e moitas cousas; nin todas boas, nin todas malas. Penas e alegrías, algunha traxedia, celebracións …
En 1986 eramos algo máis de 6.400 veciños e agora non chegamos a 4.000. Seis alcaldes, tres bispos e tres cronistas. Trinta Feiras e Festas das San Lucas, outras tantas Quendas e ofrendas á Virxe dos Remedios. En 1986, Mondoñedo non tiña circunvalación e agora ten dúas, a da N-634 e a da autovía A8. E aprendemos nós, e coñece o mundo todo, vive Deus!, onde queda o Fiouco e as néboas que o disimulan.
Morreron Araújo, Trapero Pardo, Díaz Jácome, Miguel Anxo Araújo, F. Mayán. E. Cabanela, Jaime Cabot, E. Cal Pardo, Victoriano López García, Pepe e Carmiña Cunqueiro, Carlos Folgueira “O rei das tartas”, Ricardo Pedreira, Pancho de Martiño, Prin, Vizcaíno, Magín de Crespo, J. Ramón García, Quique Guerra… A varios, por idade, non lles tocaba.
Desapareceu o Orfeón da Sociedade de Obreiros Católicos, naceu e morreu a Banda de Música “Pascual Veiga”; o Seminario “Santa Catalina”, despois de case 450 anos, cerrou como centro de formación. Cerrou ECAR, e a súa sucesora, FINSA.
Naceu, e segue pletórico, o Coro “Mestre Pacheco”. Inaugurouse un novo matadoiro e un novo cemiterio municipal (conservamos o vello), o auditorio “Pascual Veiga”, a escola de música “O Pallarego”… A imprenta “Suc. de Mancebo” continúa, como prosegue a súa andaina o xornal “Mondoñedo” editado pola Asociación de Amigos da Cidade. E homenaxeamos aos mortos causados polo salvaxismo incívico de 1936. En 2011 celebramos o centenario do nacemento de Álvaro Cunqueiro, e en 2012 o do pasamento de M. Leiras Pulpeiro.
Un médico mindoniense, Miguel Cabanela, operou con éxito ao rei emérito Juan Carlos I. Visitáronnos os duques de Lugo e, aínda hai ben pouco, a raíña Letizia.
É longa, inmensa a listaxe de libros publicados sobre historia e personaxes locais. Descubrimos para a memoria a mindonienses esquecidos como a actriz Manuela Rey e ao músico Lodeiro Piñeiroa. Reservamos unha rúa para Marina Mayoral. A catedral e o Camiño Norte foron recoñecidos en 2015 como Patrimonio da Humanidade pola Unesco. Está en marcha a Casa Museo Álvaro Cunqueiro…
Nestas tres décadas seguimos facendo que convivan en harmonía os dous Mondoñedos. O que pisamos e o de enriba, o que levita, a cidade-mito na que paira o eco dun tempo vivido que aspiramos, como unha promesa, a recuperar. O resón dun pasado que se retrata no rico e ben conservado patrimonio urbano e paisaxístico, arquitectónico e bibliográfico, literario e musical, artesanal ou gastronómico.
Mondoñedo camiña mentres agarda que o veo transparente que envolve a cidade homónima levitante se desprenda, e pouse, e envolva de esperanza un soño ou unha ilusión.
Pasaron 30 anos; o tempo case exacto para que se manifeste unha revelación.
©Antonio Reigosa
Artigo publicado en “Cope y La Costa. 30 años caminando juntas”, Radio Popular S. A., decembro de 2016.