Ás veces, por xogar, mesturo as biografías de Lence e Cunqueiro pois creo que con este exercicio podo comprender mellor a historia mindoniense de boa parte do século XX. Claro que non hai aquí lugar nin espazo para defender cabalmente tal tese polo que só lles deixo un modesto e urxente apuntamento.
Lence e Cunqueiro, digámolo xa, eran espíritos radicalmente contrapostos. Mentres que para o primeiro a única verdade era aquela que se agocha adormecida nos arquivos vernizados de balor, para Cunqueiro non había máis certezas que as fertilizadas por xenerosas doses de inventiva.
Eduardo Lence Santar e Guitián naceu un 16 de xullo de 1876. Viviu 84 anos, case todos entregados á súa gran paixón, destapar a historia da cidade e a da antiga provincia e diocese chamadas Mondoñedo. O concello nomeouno cronista oficial o 25 de abril de 1917 e tras o seu pasamento o 14 de xaneiro de 1960 designou a Cunqueiro para sucedelo o 28 de marzo de 1960.
Cunqueiro dedicoulle páxinas memorables a Lence como aquel artigo onde relata polo miúdo como guiou a visita que durante dous días realizou a Mondoñedo en 1955 a escritora británica Honor Tracy. Desta viaxe resultou un libro titulado “Silk hats and no breakfast”, publicado en 1957, libro estrafalario como o texto que resulta da tradución do seu título: “Chapeus de seda e sen almorzo”.
Nunha entrevista que lle fixo Pedro Rodríguez a Cunqueiro, publicada en ‘El Pueblo Gallego’ en xaneiro de 1959, aparecen os dous cronistas na foto que ilustra. Segundo Cunqueiro, Lence botou moito tempo sen falarlle, molesto por inxerencias nas súas investigacións. Tamén conta que o vello cronista, que vivía só, tiña que atar as longas barbas ao pescozo cando cociñaba para que non se lle entremetesen os pelos nos caldos que preparaba.
A principios de abril de 1960 Cunqueiro, novizo no oficio de cronista, publicaba a primeira noticia como tal na que dicía “que en el breve huerto que fue de Lence florecieron hermosas clavellinas”. Fermosa homenaxe!
Lembreinos xuntos porque se achegan datas para homenaxealos: agora a do cabodano de Álvaro Cunqueiro e no próximo abril, cando volvan florecer os caraveis, será o centenario do nomeamento de Lence como primeiro cronista oficial de Mondoñedo.
A Lence xa volveremos máis adiante. Agora lembramos que Cunqueiro morreu en Vigo o 28 de febreiro de 1981 e que foi soterrado en Mondoñedo o día 1 de marzo nun nicho do antigo camposanto que reza: «Eiqui xaz alguén que coa súa obra fixo que Galicia durase mil primaveras máis». Desde o ano 2001 o concello organiza arredor desta data actos na memoria do noso ilustre veciño, e ademais, desde o 2016, concede o título de “cunqueiriano emérito” a unha persoa que se distinguise por pregoar urbi et orbi as excelencias tanto de Cunqueiro como de Mondoñedo. O ano pasado o nomeado foi Pere Gimferrer (cunqueiriano apaixonado) e nesta ocasión o merecido honor correspóndelle ao viveirense don Francisco Cal Pardo. A cerimonia, o venres, 3 de marzo.
©Antonio Reigosa