Homenaxe a Xosé Vizoso: o eterno pícaro de Mondoñedo

Amigo, Xosé:

Non vou falar hoxe no meu nome senón no dos colectivos e persoas que promoven e colaboran para que esta homenaxe sexa hoxe realidade; falo, sobre todo, en nome da Asociación ‘As San Lucas’, do Colectivo Mondoñedo É… e no das persoas que desde a proposta inicial ofreceron a súa colaboración entusiasta para que este acto se realizase e resultase unha manifestación de afecto  e de agradecemento a Xosé Vizoso.

Hoxe inscríbese o teu nome na ilustre nómina de fillos escollidos, Predilectos ou Adoptivos, de Mondoñedo. Xa es par de Álvaro Cunqueiro, ou, e cito só aos nomeados máis recentemente, do médico Miguel Cabanela, o economista Ricardo Pedreira, o arquiveiro Enrique Cal Pardo ou o teu mestre e amigo, aquí presente, Juan Puchades Quilis.

Como sabes, na publicación que escolma  a túa obra e que hoxe imos coñecer, editada pola Deputación de Lugo, colaboraron  de moitas maneiras, elaborando textos e imaxes, escaneando, conpoñendo ou preparando a edición, case cen persoas.

Unha cento de amigos e amigas que achegan artigos e, amais dunha sinopse biográfica, analizan as diferentes facianas da túa ampla e excelente obra como ilustrador, escultor, cartelista,  deseñador, escenógrafo, retratista ou muralista. Desde os primeiros pasos do pícaro que debuxaba os cabalos que vía pasar pola Fonte Vella camiño do campo da feira polas San Lucas, ata o Vizoso con obra arrombada e encarpetada, que merece e debe ser coñecida, que anda esparexida polo teu estudio de Brión.

Cada un destes capítulos vai ilustrado, ademais de cunha xenerosa mostra gráfica da túa obra, con fotografías que son memoria de familiares, compañeiros de traballo, amigas e amigos.

Completa o libro un capítulo de 75 “agarimos”, 75 apertas en verso, en prosa ou debuxadas por xente do ancho mundo que conquistaches co teu sorriso: anécdotas, poemas, lembranzas e afectos das vivencias compartidas.

Desde o pícaro da Fonte Vella, o que pintaba cabalos e facía retratos de veciños e veciñas, os anos no Castro, en Sada, logo en Sargadelos cabo das sombras mestras de Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane, o tempo do IGI (Instituto Galego de Información)… Mondoñedo, Cervo, Brión! Toda unha vida!

Xe Freyre, recrea a biografía de Vizoso no “Retrato do artista como gaiteiro” e dinos que é o artista total “o arco iris completo das artes plásticas” “alegre conversador, amigo xeneroso e desinteresado, modesto contumaz, sinxelo e humilde, alegre gastrónomo e noctívago esmorgante” “o eterno pícaro de Mondoñedo”. Para darnos unha idea cabal e sen censuras de como puido ser aquel pícaro no camiño de ser mozo dinos que “Seguramente constará nalgún dos libros de actividades do inferno, que xamais o demo foi tan demo coma cando andou en comandita con Xosé Vizoso” pero tamén fala da “súa forza creativa, da súa inmensa capacidade de traballo, o estudo constante e o exhaustivo labor de documentación e o entusiasmo polo traballo”.

Juan Puchades, o seu primeiro profesor no Instituto, quen tivo noticia por Patricio Vijande do cativo que sempre andaba debuxando, di que “o seu alumno era bulideiro e sabía conquistar os compañeiros, algo que poñía en alerta a parte do claustro de profesores”. Di tamén que era unha especie de espello retrospectivo da súa adolescencia alá en Valencia, que dominaba xa no bacharelato técnicas variadas e que, logo de superar o exame pertinente, Isaac Díaz Pardo “ía saber apreciar” como así foi “os valores creativos e humanos de Vizoso”.

Armando Requeixo destaca a súa habelencia como deseñador de cubertas de libros, como ilustrador de interiores e como creador de tipografías, e recalca que nas súas ilustracións “todo encaixa como nun mecano infinito no que cada peza ten o seu lugar e función”. Ducias de cubertas e ilustracións en libros de múltiple autoría, desde o case primeiro de Dino Pacio Lindín a varios títulos de Neira Vilas, e moitos máis, imposibles de enumerar aquí, dos que Requeixo conclúe que “en trazos grosos ou finos, con imaxes xeometrizadas ou ben dondas, en escalas de grises, monocromos ou explosión de cor” “con calquera técnica, material ou enfoque o ilustrador Vizoso demostrou unha e outra vez porque o seu nome está xa gravado en letras douradas do olimpo dos grandes artistas da historia de Galicia”.

Daniel Río “Caxigueiro” cando nos fala do deseñador de ilusións di “que o debuxo e o modelado de Vizoso foron fundamentais para darlle sentido a esa iconografía asociada aos deseños de Sargadelos”. Que a súa man “vai estar presente en todo tipo de produción: figuras, vaixelas, xogos de café…”, e, en resumo, recollendo palabras de Díaz Pardo ditas en 1988 “que o peso deseñístico da sección de cerámica en Sargadelos gravitaba sobre Xosé Vizoso”.

Pedro Cabarcos, ao falarnos da escultura do noso mestre di  que “converte toda esta bagaxe his­tórica en planos que, deixando a súa rixidez, acadan as modulacións cóncavas ou convexas, facendo dos sólidos elementais, figuras maleables ó servizo dese movemento que é o que enraíza na terra os personaxes representa­dos”. “San Froilán” “Os cegos de Castelao” e o “Busto de Vidal Bolaño” son testemuña visible do seu quefacer como escultor.

A obra mural de Vizoso, en opinión de Xoán Guerreiro, tal e como sucedía coa dos mexicanos Diego Rivera, Orozco e Alfaro, tamén é social, reivindicativa e mariñeira.

Na homenaxe aos represaliados no franquismo do Alto do Furriolo, en Celanova, en “Rente ao Mar” homenaxe a Celso Emilio e á xente traballadora do mar de Foz, e noutros moitos murais ideados e executados por Vizoso hai, máis alá da indiscutible calidade artística, a obra dun home “comprometido coa terra, abandeirado dos dereitos do labrego, do mariñeiro e dos asoballados … xunto co compromiso social e a cultura popular”.

Caxoto pregúntase se Vizoso é caricaturista ou retratista, ou se é unha e non, ou si, a outra; ou as dúas cousas a un tempo. E cal vai primeiro? E cal despois? Para dicirnos que  “… haberá que encontrar un termo para definir a un enfermo incapaz de non debuxar, enganchado como un drogadicto ausente.. que, sen querelo, non deixa escapar a oportunidade de loitar por un novo garabato, por outra caricatura, ou retrato, ou cartel, ou escultura, ou ilustración, ou carta de tarot … sen importarlle o máis mínimo a etiqueta que lle colguen, sempre e cando non o priven da liberdade” de facer —engado eu— o que lle dea gana.

Dos retratos fálanos J. Pedro Gómez e di que el se quedaco Vizoso ao natural, ese home que aínda hoxe desfruta realizando un retrato nun pano de papel mentres toma un viño, nunha sobremesa de amigos, ese retratista que ten que debuxar aquel rostro que lle di algo, que lle chama a atención dalgunha maneira e non pode reprimir ese impulso”

Facédeme o favor de reparar no retrato que lle fixo á nai, obra de 1964, cando acababa de cumprir os 14 anos.

Outro Vizoso é o creador de logotipos, de emblemas dunha idea comercial ou dun proxecto corporativo.

Ducias destes distintivos, do máis variado, di Fran Bouso que son “imaxes de marca  que para crealas faise necesario posuír un amplo dominio do debuxo, de materiais e soportes, de psicoloxía aplicada á mercadotecnia e dominio dos tipos e da cor. Todas estas características cúmpreas Xosé Vizoso, artista que amosou a súa habilidade creando un elevado número de logotipos que axudaron a promover ou lembrar produtos, servizos e eventos”

Pero aínda hai máis. Vizoso tamén andou enredado no teatro, sobre todo nas escenografías, eses elementos visuais tamén chamados “pinturas de escena”.

Foron moitas as obras para as que preparou esas “pinturas de escena” tanto en Galicia, sobre todo na Mariña, como fóra dela, que ata Hungría foi, ao Teatro Nacional de Budapest para facer a escenografía da peza Az ember tragédiája (A traxedia do home) do dramaturgo Imre Madách.

O traballo era para Díaz Pardo pero non puido ou escusou facelo. Entón, conta Francisco Piñeiro “Vizoso desprazouse varias veces a Budapest no ano 1994. A primeira vez, xa no avión, Ricard Salvat pídelle os bosquexos iniciais para presentarllos ao día seguinte ao responsable da obra pero como nada levaba pasou a noite debuxando sobre as ideas que lle contara na viaxe, pois Xosé descoñecía totalmente o argumento. Para representar desde a creación do mundo ata a bomba atómica realizou dez figuras de cinco metros, símbolos de grandes momentos ou etapas históricas, cada unha delas montadas no seu carro con estrutura de madeira. Así ían aparecendo e relacionando a esfinxe con Exipto, Roma cun gladiador, a guillotina coa Revolución francesa, etc… ademais doutros elementos singulares como un sarcófago duns dous metros… “.

Miguel Fernández Cid di que a casa-taller de Brión “ten moito de insua, de espazo máxico, de cova de misterios e afectos, de paraíso”, un lugar onde un se sente, segue contando, “observado por obras e estudos previos, mentres que montañas de papeis e cartafoles con lombos anotados nos invitan a entrar e habitar o seu mundo”.

Ese é o mundo aínda oculto de Vizoso, o que teremos que ir venteando de aquí en diante; o que xa fixo, o que está facendo e aínda permanece na cova dos misterios, e o que terá que ir pensando en facer.

Antes de rematar este bosquexo apurado do noso artista debo desvelar  un segredo que explica, en parte, o das mil mañas que se lle apoñen.

O Vizoso que todos coñecedes, o artista refinado e elegante, o que desde diferentes propostas e soportes trata de dotar a cada unha das obras nas que pon a mente e as mans dunha singularidade ética e estética, o que contribuíu así á xestación dun repertorio icónico anovado para a arte galega, ten, cando menos, un segredo.

Cóntovos. En cada obra do Vizoso habita un ser do seu imaxinario particular; un ser creado e pintado por el. Pode ser un demachiño, un encanto, un trasno, unha serea, un Velagullas… sempre unha criatura con aparencia inocente, camuflada nun ollo ou nunha flor,  tras dunha folla ou dun crecho,  pero que nos espía desde dentro das súas obras sen que nós nos decatemos.

Ese ser que nos observa, incluso pode que nos chisque o ollo, arquiva un montón de información de nós, contempladores incautos e incautas, e pásalla directamente, sen intermediarios, a Vizoso.

Grazas a esa estratexia, a eses dixomedíxomes que el pinta nas súas obras, é quen Vizoso de atender con tanto acerto os nosos gustos cando deseña, debuxa, ilustra ou retrata! Ese é o seu truco, a verdadeira razón pola que nos ten entusiasmados! Coñece de antemán o que nos gusta e como a súa intención foi sempre a de ternos contentos e felices, faino e punto.

Debo deixar aquí constancia do agradecemento á área de Cultura da Deputación, e ao seu Servizo de Publicacións, aquí representada por Pilar García Porto, delegada de Cultura, agradecemento que estendo ao responsable do Servizo, Xoán Cuba, e a Montse González, polo inmenso cariño posto na edición desta obra que constitúe a primeira gran síntese da creación de Xosé.

Tamén lle teño que dar as grazas a Xosé Vázquez Castro, que lle botou horas, moitas horas, nos traballos de maquetación deste libro tan fermoso.

Grazas a Alicia Puchades por deseñar o cartel, e a Gráficas Lar de Viveiro, por colaborar desinteresamente imprimindo tarxetas e carteis.

Grazas especiais á corporación municipal de Mondoñedo en pleno, desde a alcaldesa, Elena Candia,  a todos e cada un dos concelleiros do goberno e da oposición por nomeardes a Xosé “Fillo Predilecto” de Mondoñedo. Un título que el merece e que vós soubestes unanimemente recoñecer.

Grazas ao coro “Mestre Pacheco” e a todas e todos os que estades aquí presentes, e a outra moita xente que quixera estar mais non lle foi posible.

Como quedou demostrado, máis alá da calidade da obra artística de Xosé, xa sabíamos que no seu caso sempre estivo e está por riba a súa calidade humana.

Parabéns, Xosé, pola homenaxe tan merecida

Parabéns, por seres desde hoxe Fillo Predilecto de Mondoñedo!

E parabéns adiantados pois mañá fas anos!

Amigo Xosé; ti xa o sabes pois téñente ben informado eses enredantes que ti pintas para que nos espíen.

Toda esta xente, e moito outra, estamos aquí porque te aprezamos e te queremos!

Noraboa!

Mondoñedo, 25 de marzo de 2016

©Antonio Reigosa

Intervención no acto de  Homenaxe a Xosé Vizoso. Auditorio ‘Pascual Veiga’

Anexo: >Ver obra