Celebro a iniciativa do meu concello de organizar este ano unha exposición para contribuír á visibilidade social das mulleres de antes e de agora. Desde as pioneiras Antonia Santos (1831), fotógrafa, Manuela Rey (1842- 1866), actriz, Mª de los Ángeles Vázquez (1877-1912), escritora, ata as aínda mozas Natalia Alonso, Tania Pérez e Ainara Rodríguez. Escolleron dez como poderían elixir varias ducias máis de nomes femininos dedicados á música, á literatura, ao ensino, á medicina, á hostalaría, á agricultura ou á gandería, á artesanía, ás artes escénicas … das que supoño que, de non ser ao longo do ano, cada 8 de marzo se irá facendo pública gabanza.
Hoxe vou reparar nunha destas mulleres da que pouco sei pero que a cada novo dato que se me ofrece intúo a biografía dunha rebelde. Falo de María de los Ángeles Vázquez que, segundo o polígrafo Benigno Teijeiro Martínez, naceu en Mondoñedo o ano 1877 e faleceu en Bos Aires o 29 de outubro de 1912, dato este que tomo dunha nota do crítico Armando Requeixo no seu facebook.
Do seu quefacer como xornalista e como escritora, sobre todo de poesía en castelán, dá conta Aurora Marco na entrada correspondente do seu “Dicionario de mulleres galegas”. Nos anos xuvenís escribiu nos xornais “La Voz Mindoniense”, “El Reparador”, “Diario de Mondoñedo” e “El Baluarte”, entre outros. Sendo moza viaxou por Galicia coa intención de contar as impresións nunha publicación, viviu algún tempo en Madrid para, a finais do XIX ou principios do XX, trasladarse a Bos Aires, onde residiu ata a morte.
En Arxentina estableceu relación cos Mancebo, de orixe mindoniense, e comezou a colaborar activamente en asociación galegas. Participou con Elvira Rawson de Dellepiane e outras mulleres nos movementos a prol do dereito de sufraxio feminino na Arxentina. Foi gran amiga da escritora Julia Hernando Ayala. En agosto de 1904 participa na fundación e formou parte da xunta directiva do Ateneo Rosalía de Castro de Bos Aires, colectivo que tiña, entre outros obxectivos “defender, alabar e promover o santo nome de Galicia” así como organizar actos para recadar fondos coa finalidade de erixirlle un mausoleo á escritora en Padrón. Formou parte da comisión de homenaxe a P. Veiga en Bos Aires en agosto de 1907 e participou noutras moitas actividades como organizadora ou oradora. Algúns dos seus discursos poden atoparse na prensa. Fundou e dirixiu a revista “Galicia” e é autora dunha publicación que se titula “Memorias de Mondoñedo” (1904) e do poemario en galego “Do noso lar” (1905).
A súa filla, a escritora e profesora Julieta Gómez Paz (Bos Aires1909-1995), nun artigo publicado na revista Galicia (nov.-dec., 1969), di que aínda que non se lles permitiu votar ás mulleres no Centro Gallego de Bos Aires ata o 25 de outubro de 1970 “o outorgamento de voto ás socias desta institución fai xustiza á muller na figura de María de los Ángeles Vázquez, primeira prosecretaria da comisión organizadora de 1907”.
Imos deixar aquí, por agora, as notas sobre esta mindoniense, pero non sen comentar o seguinte. A “Gaceta de Galicia”, diario santiagués do que foi correspondente, publica o 29 de abril de 1905 o seu poema “Lonxe” que comeza “Non m’esquezo adourada Galicia” e que remata “Aínda morta por ti vivirei”.
Esta declaración de amor intenso á terra nai en apenas 20 versos pode considerarse un himno. O poema foi musicado por Manuel Valverde e interpretado naqueles días e con notable éxito nunha velada celebrada no local social do Circulo Católicos de Obreros de Santiago polo cantante Cándido Pérez Deza, con acompañamento ao piano de Carmen Valverde e ao violín do compositor.
Queda moito por contar desta muller e moito máis aínda por descubrir. A min, e aquí xoga ao meu favor a licenza e o interese do escritor, gustaríame que a María de los Ángeles Vázquez, moza de 21 anos, natural de Mondoñedo, que fuxira da casa e que buscaban a nai e a policía da Coruña a principios de 1897 fose a nosa.
©Antonio Reigosa