Aínda que é coñecida como capela de San Ramón está dedicada á Nosa Señora de Pastoriza. Atópase na ladeira do monte coñecido como Lama das Rás, parroquia de Viloalle (Mondoñedo). Foi construída polo reloxeiro, un veciño de Viloalle con casa nas proximidades, Francisco Valoría e consagrada o 17 de xaneiro de 1726.
Consta dunha nave, capela maior con arco triunfal e sancristía. Custodia obxectos de uso litúrxico, varios retablos e, entre outras, as imaxes de San Ramón e a Virxe. Dentro dela está soterrado desde o 14 de agosto de 1728 o corpo do fundador. Arredor contou cun camposanto onde se realizaron enterramentos (disque a idea orixinal era que se destinase a parroquial) do que quedan algún vestixios; xa hai moito que non ten uso.
Segundo E. Lence-Santar, a festa en honor a San Ramón puido comezar a celebrarse nesta capela a partir de 1856; antes facíase no santuario dos Remedios.
O edificio foi rehabilitado varias veces, a última arredor de 1990. De 1923 para acó , non sabemos cando, desapareceu a cuberta do adro. A día de hoxe algúns veciños manteñen a tradición de celebrar misa e xantar de confraternidade polo día de San Ramón.
Xan de Masma, seudónimo de Patricio Delgado Luaces (Mondoñedo, 1850 – A Habana, 1900), narra no capítulo VI da súa novela A Besta a “Romería de San Ramón”. Describe o lugar onde se atopa “alí onde o río se estende formando o pozo do ingrés; astra donde o Masma fixérase un canal, a pouca costa, si tivéramos gobernos con vergonza; alí naquel souto de castaños, ó outro lado donde empezan as penas que postas unhas sobre doutras forman a Tronzeda, e semellan unha escada prós xigantes; pasando un rústeco ponte feito con dous troncos de árbol, para salvar con el o pequeno afluente que baixa do Cadramón; naquela pradeira cuberta de madreselva e de fiúncho, donde os paxariños parez que cantan mellor, donde dá gusto dormir a sesta á sombra dos castaños, alí naquel rincón feiticeiro da feiticeira Galicia tiña unha probe ermida San Ramón, donde tódolos domingos viña a dicir misa o crego D. Juan…”. Alí onde estaban “contratados o gaiteiro de Zoñán co bombo e o redobrante, e a cega dos Muíños para rascar no violín a danza, me gustan todas, me gustan todas en general”.
Este capítulo crítico, como todos os da novela de Xan de Masma, cos usos e costumes da época resulta unha estampa moi aproximada de como debeu ser aquela romaxe polas décadas finais do século XIX e principios do XX.
Por certo, seguimos a A. García Doural e a Moncho García González en “A música en Mondoñedo”, esta cega dos Muíños era, en realidade, do veciño barrio do Couto e chamábase A Pachacha. Tivo moita sona e chegou a tocar fóra de Galicia, en León, Asturias e Norte de Portugal. E engaden: “Unha das festas nas que toca é a do San Ramón, na parroquia de Viloalle, en 1.869 onde tamén esta contratado o Gaiteiro de Zoñán, dividíndose as xentes en dous grupos, namentres o gaiteiro acompañado polo bombo e redobrante toca as muiñeiras, os fandangos e os zapateados no lugar da festa, a cega toca ó pé do río onde se xuntan os partidarios dos bailes agarradiños”
***
Bibliog.:
Fernández Vilalba, Xosé Isidro, «A ermida de San Ramón de Viloalle, no século XVIII Terra e Tempo (dixital), 6.2.2013.
García Doural, Andrés: «La capilla de San Ramón de Viloalle», Blog: Miscelánea Mindoniense, 8-9-2010.
García Doural, Andrés e García González, Moncho: A música en Mondoñedo, Imp. Suc. de Mancebo, Mondoñedo, 2002.
Inventario Artistisco de Lugo y su provincia, tomo VI, Madrid, 1983, páx. 417.
Lence-Santar y Guitián, Eduardo (1915): Del Obispado de Mondoñedo. Fiestas Mindonienses, tomo II, páxs. 111-112.
Xan de Masma, A Besta, Galaxia, Vigo, 1993, páx. 93-101. (Comeza a publicarse por entregas na revista “Follas Novas”da Habana , nº 87, o 29 de xaneiro de 1899; continuaría en sucesivos números ata o 134 de 24 de decembro de 1899. Unha segunda xeira comezaría a publicarse no nº 136, 7 de xaneiro de 1900, ata o nº 187, 30 de decembro de 1900).