Dona Urraca I (1081-1126) merecería, en xustiza, ser recoñecida como fundadora de Vilamaior de Brea (actual Mondoñedo) pois foi ela a que autorizou o 1 de marzo de 1117, sendo bispo Nuño Alfonso, a migración da sede bispal desde San Martiño a “in loco vallibriensi”. Traslado que 900 anos despois, agás a breve estadía en Ribadeo (1182-1219), perdura ata os nosos días.
Foi raíña de Galicia e León entre 1109 e 1126. Era filla de Afonso VI e de Constanza de Borgoña, e nai de Afonso VII, o monarca que lle concedeu a Mondoñedo en 1156 o título de cidade e outros beneficios. A súa biografía é un barullo de conflitos e episodios tráxicos. Un relato de fondo histórico do que gardan memoria numerosas cidades, vilas, castelos e pazos. Un mito, en definitiva, forxado pola pegada imperecedoira dunha muller singular.
A súa condición de muller non favoreceu, ao contrario, o seu goberno. No seu tempo están as orixes da futura independencia do reino de Portugal e da extinción do reino de Galicia como tal. Casou con Raimundo de Borgoña e cando morre o seu irmán Sancho II ela, que xa é viúva, é coroada raíña de León e obrigada a casar, parece que contra a súa vontade, co seu parente o rei de Aragón, Afonso, o Batallador. Sucesivos conflitos sucesorios entre os diferentes bandos, entre eles os promovidos polos partidarios do seu fillo Afonso como rei de Galicia, converteron o seu reinado nun continúo guerrear. Dela é a frase “Zamora non se toma nunha hora”, en referencia ás présas do seu irmán Sancho por arrebatarlle esta cidade.
Atrapada neses conflitos, perseguida e presa varias veces, repudiada polo seu segundo marido, a que se pode considerar primeira raíña con mando en praza foi parte, unhas veces vencedora e outras vítima, das numerosos alianzas e desavezas que se sucederon entre nobres e eclesiásticos daqueles reinos de Galicia, León, Castela, Aragón e Portugal.
Do seu primeiro matrimonio con Raimundo de Borgoña tivo dos fillos, Afonso e Sancha; do segundo con Afonso, rei de Aragón, non tivo descendencia, e das relación co conde Pedro Fernández de Lara tivo outros dous, Elvira e Fernando.
Morreu o 8 de marzo de 1126 en Saldaña (Palencia) e foi enterrada nun sepulcro hoxe desaparecido no Panteón de Reis de San Isidoro de León. Nesta colexiata atópase o chamado Cáliz de dona Urraca, peza extraordinaria da ourivería románica que pasa por ser, un máis, o verdadeiro Santo Grial.
Porén, a memoria de dona Urraca sobrevive aínda hoxe en infinidade de lendas e referencias a lugares tocados pola súa aura. En Covarrubias (Burgos) e en León, en Vilasobroso, en Salvaterra do Miño, en Viveiro e en Lugo onde, no Burgo Vello, está aínda en pé o chamado Pazo de Dona Urraca.
O buscador de tesouros, Secundino Castro, arruinouse buscando inutilmente o tesouro de dona Urraca, haber supostamente agachado nun túnel entre o Castelo do Monte Lobeira e o convento de Vista Alegre, en Vilagarcía. E alí tamén se conta que a raíña, a pesar de estar asediada, botáballes peixe fresco aos asaltantes para que entendesen que non lle faltaba o sustento.
Nas orixes de Mondoñedo, unha heroína!
©Antonio Reigosa
*Artigo publicado en La Voz de Galicia (A Mariña), 14 de setembro de 2017.