Mondoñedo É… cine

Homenaxe a Victoriano López García

A 39 edición da Semana Internacional de Cine de Autor de Lugo, a celebrar nesta cidade entre o 18 e o 23 de setembro de 2017, homenaxea ao mindoniense Victoriano López García. (Ver PROGRAMA)

Victoriano López García

Victoriano López García

O día 22 de setembro, ás 18:00 h. presentarase na Deputación de Lugo unha publicación que contén unha extensa biografía deste ilustre mindoniense, a cargo de Emilio C. García Fernández, e un moi documenado traballo de Fran Bouso sobre a historia do cine en Mondoñedo. Este acto, que terá lugar no Salón de Actos da Deputación de Lugo, rematará coa proxección do filme arxentino “Una cubana en España”,  filme no que Victoriano López foi axudante de cámara. A entrada é libre.

Victoriano López García ( Mondoñedo, 1910 – Madrid; 1995) foi o primeiro director do Instituto de Investigacións e Experiencias Cinematográficas (IIEC). Estuda Enxeñería Industrial en Bilbao. A súa afección polo cine e os seus estudos técnicos sobre a materia, lévano a promover unha serie de iniciativas, desde a Escola de Enxeñeiros Industriais de Madrid, que fan deste centro punto de referencia para o ensino e o estudo cinematográfico. Aproveitando a súa xefatura na Subcomisión Reguladora de Cine e co apoio dos amigos que se reunían no bar ”La Elipa” de Madrid, crean, en 1947, o Instituto de Investigacións e Experiencias Cinematográficas, do que será o seu primeiro director. Ao mesmo tempo, funda e dirixe a revista “Cine Experimental”. Ocupa diferentes cargos, sempre relacionados co cine, e continúa co seu labor docente e de investigación. En 1990 a Academia das Ciencias e Artes Cinematográficas de España concedeulle un Goya honorífico pola súa achega ao desenvolvemento formativo dos profesionais do cine.

***

Mondoñedo É … cine

Convídote cinéfilo ou cinéfila á lectura deste libro que, aínda que breve, constitúe a mellor e máis ampla historia sobre o cine en Mondoñedo escrita ata o de agora. Debémoslle esta xenerosa ofrenda ao Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá, organizadores desde hai  nada menos que 39 anos da magnífica Semana Internacional de Cine de Autor de Lugo. Grazas a este entusiasta colectivo, presidido por Xulio Xiz e á Semana que goberna con mestría Manuel Curiel, chega o mellor cine a Lugo cada setembro, nesta ocasión coa historia do cine en Mondoñedo desfilando pola alfombra vermella do celuloide lucense.

A historia do cine en Mondoñedo comeza cun proxector ambulante polos días das Quendas de 1899: “Por llenos cuenta sus exhibiciones en Mondoñedo el cinematógrafo que había de presentarse al público en el Teatro-Circo de Lugo”, di a breve nota publicada o 2 de maio o diario lucense El Regional. Parece ser, segundo informacións facilitadas por Fran Bouso, que o espectáculo non puidera celebrarse en Lugo anteriormente por problemas co subministro eléctrico. Descoñecemos os detalles do acontecemento, naqueles días non había xornais locais en Mondoñedo, pero deberon ser sesións apoteóticas. Inesquecibles e do gusto dos e das mindonienses da época pois nas San Lucas dese mesmo ano volveu o espectáculo cinematográfico ao teatro do Casino.

Irían chegando os cines estables: o Galicia, o Principal Cinema, o Pacheco, que non foron só salas onde proxectar filmes senón que tamén tiveron uso como centros sociais e culturais onde se celebraron desde mitins políticos a bailes, conferencias, combates de boxeo e outras moitas actividades. No salón de actos do propio Seminario Conciliar ou no do IES San Rosendo proxectouse cine para o alumnado e para o público en xeral en diferentes épocas.

En Mondoñedo rodáronse filmes de certa relevancia, como Flor de Santidad (1973) baixo a dirección de Adolfo Marsillach, e naceu un home chamado Victoriano López García (Mondoñedo, 1910- Madrid, 1995) que foi galardoado cun Premio Goya en 1990. Se ponderamos e atendemos, por exemplo, ao número de habitantes podemos afirmar que Mondoñedo, e no que se refire ao cinema, anda á par de New York ou de Madrid.

Fran Bouso, mestre, promotor e divulgador de todo canto acontecemento cultural ten relación con Mondoñedo, ofrécenos unha crónica detallada sobre a relación histórica de Mondoñedo co cine, desde os seus comezos ata os nosos días: os lugares, as máquinas, os filmes (os proxectados e os gravados) e os nomes das persoas que dunha maneira ou doutra, desde os xestores de salas ata os de docentes, técnicos, críticos, guionistas e actores ou actrices, que de todo houbo e hai no patio de butacas mindoniense. Ademais dos datos precisos adornan o seu texto numerosas anécdotas, algunhas tan curiosas e pouco coñecidas como a presenza do nome de Mondoñedo nos inicios da produción de series de debuxos animados por TVE.

Emilio C. García Fernández, ourensán de Ribadavia, catedrático de Historia do Cine na Universidade Complutense de Madrid, ocúpase da importante  e moi descoñecida figura  de Victoriano López García, enxeñeiro fundador e profesor do Instituto Nacional de Cinematografía, mestre de mestres como Berlanga, Borau, Bardem, Saura e outros moitos. Victoriano López supera o ámbito da gloria local e forma parte por valía da historia do cine español do século XX.

Pero deixémonos de chauvinismos improdutivos. O que verdadeiramente ten mérito e non debe demorarse a súa lectura é a que nos ofrecen os autores dos traballos que se publican, Fran Bouso e Emilio C. García Fernández. Parabéns e agradecemento inmenso aos dous e aos responsables da edición desta obra que constitúe, como adiantei, a mellor e máis documentada síntese sobre Mondoñedo e o cine.

©Antonio Reigosa