Comezo a escribir antes de ler as últimas 50 páxinas dunha extraordinaria novela, “A raíña das velutinas” de Lionel Rexes, edita Xerais e mereceu o premio Manuel Lueiro Rey 2017. Fago a primeira parada na páxina 100, onde se conta que alguén chama con insistencia a Fuco para que non a deixe soa! Soa? A quen? Por que? Presinto quen pode ser mais, polo de agora, resúltame imposible aventuralo xa que non sei, despois do visto, por onde nos vai levar o autor.
Nas páxinas precedentes, o narrador decidiu situar o epicentro da novela nunha casa de turismo rural, a Casa da Penela de Vilamor (Mondoñedo), e vainos conducindo maxistralmente por diferentes lugares dos Tres Vales, practicamente todos vinculados a biografías dos fuxidos e represaliados tras o golpe de 1936. A trama descansa nun par de acontecementos que sucederon en datas próximas; o primeiro, a xornada arredor da figura do guerrilleiro antifranquista Francisco Martínez “Quico” que tivo lugar na Casa da Penela en setembro, e o segundo, a visita da raíña Letizia a Mondoñedo para inaugurar o curso escolar en outubro de 2016.
Sobre estes acontecementos principais, eixe ou desculpa para contar moitas máis historias entrecruzadas, vanse sucedendo episodios nos que un número considerable de personaxes van destecendo a maraña da novela. Personaxes que nun grande número imitan tal imaxes reflectidas a persoas reais e verdadeiras, recoñecibles na súa forma de ser e de dicir, caso de Fuco, Xico, Vera, Begoña Ríos, Mixel, Carlos e algúns máis. Xunto a estes personaxes aparecen outros produto da imaxinación do autor que son os que sementan as dúbidas que alimentan esa atmosfera tan lograda de permanente sospeita.
A lectora ou lector, como é o meu caso, sente desde as primeiras páxinas a necesidade de converterse en detective, de atar cabos pois a cada parágrafo crece a desconfianza sobre o ir e vir de moitos dos personaxes. Receos non suficientemente xustificados pois tamén resulta abondo curioso, e este é outro mérito inmenso do autor, que non haxa unha causa explícita, nin crime nin roubo que investigar.
Retomo a escrita tras apurar en apenas media hora a lectura das 50 páxinas que me restaban. Teño présa por saber e só podo dicir que os acontecementos se precipitan, que aparecen novos personaxes en escena que, se non son determinantes para o desenlace, axudan a destapar os verdadeiros intereses duns e doutros. A Casa da Penela, non así Fuco e Xico, vai quedando na retagarda, diluída entre a néboa que a visita case a diario.
Un relato vestido con toques de fino humor, de personaxes fugaces como lóstregos, imprescindibles para iluminar recunchos de emoción. Unha cata na historia recente, inmellorablemente escrita, doce como o mel que sempre teríamos se as acres velutinas non devorasen as abellas que a producen.
Agora que o menciona; e o do misterio das velutinas!
Pois a verdade é que só sei que son avespas moi perigosas e de gran tamaño, depredadoras dos insectos máis pequenos, incluídas as abellas, e que aniñan moi arriba nas grandes árbores. As raíñas, non lle digo máis, permanecen en estado de diapausa (inactividade) permanente.
©Antonio Reigosa