Non teño aquí abondo espazo para contarlles a historia da arribada dos froitos chamados kiwis a Galicia e menos aínda a das fascinantes e curiosas aves tamén chamadas kiwis que, polo de agora, non se deixaron ver por aquí.
A ave kiwi é unha especie de galiña sen ás, endémica e símbolo nacional de Nova Celandia, que ten entre os seus hábitos o de entreter ao macho no labor de choquear os ovos. Máis curiosa aínda resulta a denominación que lle dámos nós ao froito e á planta chamada kiwi pois non a precede o nome da planta nin o do froito senón o apelativo que internacionalmente identifica aos neocelandeses como ‘kiwis’ por mor da ave, non dos froitos.
O kiwi chegou a Galicia grazas á intelixencia comercial do empresario e filántropo José Fernández López, un sarriao, fillo de Antón de Marcos, que tamén está detrás do nacemento dos matadoiros de Mérida e Porriño, de Frigsa, Zeltia e Pescanova, entre outros moitos éxitos industriais.
O kiwi é o froito da actinidia chinensis, planta de orixe chinesa cuxos froitos peludos de sabor entre agre e doce descobren comercialmente en N. Celandia a primeiros do s. XX. Despois, a mediados deste século, chegan a Europa e pouco despois a Galicia grazas ao asisado José Fernández que funda Productores de Actinidias Chinenses S. A.
Pero vexamos que relación tivo Cunqueiro co kiwi. En primeiro lugar, é o autor do prólogo do primeiro libro que se publica en Galicia coa pretensión de ilustrarnos sobre o froito; “Kiwi, el fruto del futuro” (1979), da autoría do enxeñeiro técnico agrícola, veciño e empregado de Fernández, Carlos del Río.
E, en segundo lugar, porque, probablemente no derradeiro texto que escribiu Cunqueiro, uns días antes do seu falecemento, o da súa última colaboración en Radio Nacional de España en Galicia, fala dos kiwis. Esta derradeira entrega da serie ‘Estampas de mi mundo’ foi radiada postumamente (faleceu o sábado, 28 de febreiro) o domingo, 1 de marzo de 1981 pola mañá, horas antes de darlle sepultura ao seu corpo no Cemiterio Vello de Mondoñedo.
Unha parte desa colaboración dedícaa a comentarios sobre a alquimia, recorrente tema arredor da sempiterna ilusión da humanidade por transformar a materia en ouro. Outra, aos pexegos chineses que favorecen a lonxevidade, e a terceira aos froitos, tamén afrodisíacos, chamados kiwis que desde a ribeira do río Amarelo, “pasando por los huertos de Nueva Zelanda”, se aclimatan estupendamente nas comarcas do sur galego. E se consumilos tiña efectos máxicos, producilos tamén pois naquel entón andaba o quilo a mil pesetas.
O elixir da larga vida que Cunqueiro atribúe ao kiwi só ten, ao seu entender, un defecto: é froito feo, da cor da pataca, pero aínda así declárase expectante por ver como se dará, vivificante e rexuvenecedor, no val de Mondoñedo.
Estes días fai 37 anos que morreu Cunqueiro. Mondoñedo celébrao o sábado, 3 de marzo. Ofrenda floral a carón da tumba, lectura pública de “Escola de menciñeiros” e entrega do recoñecemento de Cunqueiriano Emérito ao vilalbés, director da Real Academia Española, Darío Villanueva.
Aquel kiwi que Cunqueiro imaxinaba elixir da eterna xuventude ten efectos, cando menos simbólicos, na memoria da súa figura e da obra inmortal de eterno xenio.
©Antonio Reigosa