Un libro de historia imprescindible 

Este venres, 23 de febreiro (día fasto ou nefasto a criterio do observante na nosa historia máis recente) preséntase en Mondoñedo «Poder e política na Galiza vilega 1790-1833. Provincias de Lugo e Mondoñedo» da autoría do profesor Xosé Ramón Veiga Alonso. Será na Centro Comarcal (antigo cuartel), a partir das 20:30 h., nun acto ao que recomendamos a asistencia tanto a mindonienses como a mariñaos e lucenses en xeral pois este libro fala de nós, da nosa historia relativamente recente e dun período convulso, pouco e mal coñecido que se encabalga entre o final do chamado Antigo Réxime e uns tempos novos, constitucionais, máis transparentes e igualitarios pero non exentos de represión, violencia e inestabilidade.

Aqueles foron os días da Constitución de Cádiz, da guerra contra o francés e de cambios socio-políticos profundos e tan decisivos para a nosa comarca como a liquidación da antiga provincia de Mondoñedo, a desaparición dos señoríos xurisdicionais ou a controvertida abolición da Santa Inquisición no que se poderían considerar os albores dun sistema democrático de representación política coa creación dos primeiros concellos constitucionais. A igrexa, inimiga declarada de calquera posibilidade de cambio, perde unha parte do seu poder ata entón omnímodo, pero non moito, e os “señores de soga, ou forca, e coitelo” que dalgunha maneira sobreviviran cos seus privilexios desde a Idade Media van pasando a mellor vida.

Neste libro fálase con detalle, con xenerosidade de datos e nomes, dunha transición e dunha guerra de poder entre os chamados absolutistas e os liberais que a nivel local, nas pequenas vilas ou cidades como Ribadeo, Viveiro, Mondoñedo ou Lugo se escenifica en numerosos conflitos por ostentar determinadas representacións políticas e polo control dos cargos municipais.

Neste período que vai desde 1790 a 1833, case medio século, puxéronse en práctica liberdades ata entón descoñecidas como a de prelo por exemplo, o que posibilitou que a papel impreso fose utilizado por primeira vez na historia (a pesar do analfabetismo maioritario) como arma política.

O lector ou lectora descubrirá sucesos e curiosidades de grande interese para a pequena historia da xente do común como o motín popular de Viveiro de 1812 ou as razóns polas que os mozos desertaban, mesmo automutilándose,  para non acudir a un morte case certa na loita contra o exército francés.

Xosé Ramón Veiga, natural de Foz, é doutor en Historia e profesor do departamento de Historia Contemporánea e de América da USC. Ademais é un reputado investigador, cunha longa experiencia neste eido, autor en solitario ou en coautoría dunha ducia de volumes sobre historia política e historia agraria, ademais de publicar varias ducias de artigos que foron vendo a luz en diversas revistas especializadas.

Máis alá dos moitos datos e nomes que nos achega, e da rigorosa análise que caracteriza un libro destas características, resulta ser ademais un libro moi didáctico, e ata divertido, mesmo con certa dose de ironía nalgunhas pasaxes o que se traduce nunha lectura amena e moi, moi proveitosa.

©Antonio Reigosa

Artigo publicado en La Voz de Galicia (A Mariña) o 22 de febreiro de 2018.