Polas calendas maias, no bico da primavera, Mondoñedo vístese de galanura. É o tempo das Feiras e Festas das Quendas e o do recital poético-musical ‘Mondoñedo é poesía’, que xa anda pola quinta edición.
Outro ano máis volverá a recender Mondoñedo a versos frescos, acabados de dicir como cando Cunqueiro, Jácome, Vidarte e outros iluminaban de flores e poemas envoltos en Papel de Color aquel Mondoñedo dos animados tempos da II República.
De Mondoñedo e da súa aura poética sabe o mundo. Nesta ocasión renderemos homenaxe aos 200 anos da chamada Escola Poética do Seminario. Un breve acto de afecto e tamén reivindicativo para que a RAG lle dedique o antes posible o Día das Letras Galegas. Unha longa nómina de poetas, todos alumnos nalgún momento do centro e de moi diversas procedencias, que comezou cos Cantores do Nadal a finais do s. XVIII e comezos do XIX (Antón Mª Castro e Neira, Luis Corral, Xacinto R. López), segue con nomes como Noriega, Crecente Vega, Iglesia Alvariño, Díaz Castro … e que pode culminar simbolicamente con poetas nacidos a mediados do s. XX. A cita na Praza do Seminario ás cinco da tarde, coas intervencións do experto coñecedor desta Escola, Félix Villares, e Miguel Lustres, poeta das últimas fornadas. A primicia poñerana membros da Rondalla O Pallarego coa lectura de poemas inéditos dalgúns destes autores.
A seguir achegarémonos á estatua de Cunqueiro onde xunto ao veterano Jaime Fernández, lerán os seus versos Moncho Bouzas, membro de Nova Poesía Guitírica, e os mozos e mozas mindonienses Iria Rivas, Carmen Pavón e Chema Merino, poetas en proceso de esperanzadora maduración, produto da escola poética do IES San Rosendo.
Xusto antes de chegarmos ao Auditorio escoitaremos os versos dos poetas premiados nas últimas edicións do Díaz Jácome e o Leiras Pulpeiro. María Belén Senín, Iris Carro e X. Ramón Sánchez, aos que se suman Carme Cociña e Javier F. Rouco.
No Auditorio o espectáculo está asegurado. Juan Carlos Mestre, que acaba mesmo de recibir o Premio das Letras de Castela-León, Chus Pato, académica e Premio Mondoñedo10 de Poesía, Olga Novo e Antón Lopo, anovadores da poesía galega das últimas décadas. E a música; Miguel Lustres e Rebeca Maseda, músicos de excelente formación, quen, xunto con Ugia Pedreira e Marina Oural poñerán a maxia no ambiente da tarde-noite poética mindoniense. Haberá vídeopoemas, de Nachok e E. Estévez, e unha conexión con Bangor, País de Gales, para que nos recite desde a distancia a gañadora do Leiras Pulpeiro 2017, Lorena Souto.
Ademais, por se o menú quedase escaso, terá presenza física e virtual en diversas pantallas un tendal misto con imaxes e textos poético. Chamámolo “A poesía das pequenas cousas”, foi elaborado por alumnado do IES San Rosendo coa coordinación da profesora Luz Galocha. E, para poñerlle o punto e seguido, presentaremos e agasallaremos (sortearanse 150 exemplares entre os asistentes) un libro con biografías e poemas dos 92 creadores que ao longo destas cinco edicións fixeron que Mondoñedo siga respirando poesía, alento que retrata con inigualable mestría no cartaz promocional o mestre, Xosé Vizoso.
©Antonio Reigosa