Hai cincuenta anos París convulsionaba e os estudantes do Barrio Latino buscaban unha praia baixo o pavés. Daquela tamén en Mondoñedo se anunciaban grandes proxectos de futuro. O alcalde, Cabanela, xestionaba a construción do Mirador nos Paredóns, sería realidade tempo despois como o sería a idea dunha nova ordenación da Praza da Catedral. Comezaba a súa andaina a rapa das bestas de Campo do Oso que aínda se mantén no calendario festivo. O Club Montañeros Celtas de Vigo con 29 espeleólogos, entre eles o mindoniense J. M. González-Redondo, inspeccionan en xuño a Cova do Rei Cintolo para completar datos cartográficos. En agosto morre Raimundo Aguiar, mindoniense, xuíz comarcal de Arzúa, escritor e etnógrafo, grande amigo de Cunqueiro. Nas San Lucas o concello convoca un certame poético en galego co nome de Aquilino Iglesia Alvariño no que premia a M. Álvarez Torneiro. Para a entrega da distinción acode a Mondoñedo o entón presidente da RAG, Sebastián Martínez Risco. Tamén se lle mudou o nome á Fonte Vella, desde entón Fonte Vella de Álvaro Cunqueiro. Argaya Goicoechea, o bispo, muda de residencia e deixa Mondoñedo por Donosti. Nomes de homes.
Porén, houbo noticias moi importantes daquel Mondoñedo de hai 50 anos que non apareceron nos xornais. Por exemplo, no Instituto de Ensino Medio remataban curso as primeiras alumnas da historia do centro. Eran 29.
Fan moi ben no IES San Rosendo en celebrar o 50º aniversario daquel primeiro curso no que ás mulleres se lles permitiu pisar aulas. A festa, será o 1 de xuño, ademais de conmemorativa, debera aproveitarse tamén para insistir na necesaria reivindicación da visibilidade do ser, do quefacer e do entender en feminino.
Eu incorporeime ao centro dous anos despois. Chegaba desde unha escola unitaria de aldea na que grandes e pequenos, nenos e nenas, compartíamos en parcería a única aula que había. Nos recreos xogábamos, cantábamos e rifábamos sen reparar en sexos. Como comprenderán, a miña sorpresa foi maiúscula cando cheguei ao instituto urbano e vin, e padecín, que alumnos e alumnas tivésemos aulas e recreos separados. Aínda hoxe, a pesar de seren outros os tempos e as formas, hai moita guerra que dar niso da igualdade de xéneros.
A cándida Carapuchiña de Perrault acaba directamente no calleiro do lobo. En cambio, na versión dos Grimm e na de Andersen aparece un novo personaxe, masculino por suposto, cazador ou leñador, presto a liberala do tráxico sino. O conto, sen embargo, aínda que o aparenta, non libera a Carapuchiña senón que a converte en dependente do heroe masculino.
Se cadra iríanos mellor se nos contasen estoutra versión de orixe popular na que a nena é quen de burlar a lascivia do bzou (home lobo). Na fuxida, unhas mulleres que lavan na beira do río da submisión improvisan unha ponte cunha saba e ofrécenlle unha vía de escape. Cando o bzou perseguidor quere cruzar a ponte, a saba oportunamente escorrégalles das mans ás solidarias lavandeiras e a corrente (auga purificadora) encárgase de facer xustiza.
Pasaron 50 anos tal 50 pontes de finas sabas, se cadra fráxiles demais pero en Mondoñedo, como naquel París de 1968, serviron para dar comezo a unha gran revolución.
© Antonio Reigosa