Centenario do pasamento de Emilio Tapia Rivas

Sorprende o pouco que se ten escrito sobre a traxectoria profesional e política deste mindoniense que morreu en Lugo o 12 de xuño de 1918, hai agora un século, e que nacera en Mondoñedo o 7 de agosto de 1862. Emilio Tapia Rivas foi un notable avogado, xornalista de mérito e político que liderou nos primeiros anos do século XX o Partido Conservador, o de Cánovas, Maura e Dato, na provincia de Lugo.

Logo dos estudos primarios pasou polo Instituto de Lugo e despois pola Universidade Central de Madrid onde estudou Dereito entre 1883 e 1885. Nos anos mozos foi directivo do Círculo Mercantil de Tapia de Casariego, profesor en Viveiro, empregado de Correos en Madrid, e dirixiu (se chegou a existir) o xornal El Masma de Mondoñedo. Casou en marzo de 1887 coa mindoniense Remedios Nogueira Miranda, irmá do banqueiro José María Miranda. Foi pai de, polo menos, 7 fillos, algúns mortos prematuramente.

Foi xuíz municipal de Mondoñedo en 1894, secretario do concello de Ribadeo en 1897 e redactor e director en El Hermandino, El Diario de Mondoñedo (propietario ata 1895), El Día de Mondoñedo, El Lucense, El Eco de Galicia, fundou e dirixiu El Correo de Lugo e foi o primeiro director desde 1901 ata 1910 (dimite por discrepancias políticas) de El Norte de Galicia, órgano do Partido Conservador.

A pesar de que a maior parte da súa vida transcorre en Lugo, Mondoñedo débelle, cando menos, a súa decisiva colaboración coas memorables Feiras e Festas das San Lucas de 1895 (Ver artigo ‘As mellores San Lucas da historia‘) e os esforzos, nunca coroados con éxito, para que o ferrocarril de Lugo, por Vilalba e Mondoñedo, chegase a Ribadeo (Ver artigo ‘O tren que nunca chegou: Centenario dunha decepción’.

Foi fundador da Real Academia Galega e académico de número ata que renuncia en 1907. Membro da Real Academia da Historia e fundador e primeiro presidente da Asociación da Prensa de Lugo en 1912. En política foi deputado provincial desde 1905 ata o seu pasamento polo distrito Vilalba-Viveiro, vicepresidente en dúas ocasións e presidente da Deputación de Lugo desde novembro de 1915 ata maio de 1917, alternándose no cargo co gran cacique do Partido Liberal, Pepe Benito. Como escritor, alén dos artigos de corte político e discursos non se lle coñecen outras publicacións que o libriño Cosas íntimas, de 1903.

Como político preocupouse polos asuntos gandeiros, presidiu o comisión organizadora do Congreso Agrícola e Gandeiro a celebrar en Lugo en outubro de 1906 e presidiu a comisión organizadora do San Froilán de 1907. En 1912 remitiu unha carta pregando medidas de auxilio ao presidente do Consello de Ministros na que describe as consecuencias dunha devastadora climatoloxía que arruinou aquel ano as colleitas de toda a provincia.

A súa derradeira batalla política foi un fracaso. Preside a comisión que viaxa a Madrid para reclamar a construción do camiño de ferro entre Lugo e Ribadeo. A euforia inicial, incluído un gran banquete popular en Lugo e outro no Casino de Mondoñedo en xaneiro de 1917, non pasou de aí. Morre en Lugo na noitiña do 12 de xuño. As exequias foron costeadas pola Deputación. O féretro, coas cinsas del, dos pais e do fillo, Antonio, trasládanse desde a rúa Castelar, onde residía, ata Mondoñedo. Sotérranos no vello camposanto, naquel fatídico ano da gripe, o día 14.

©Antonio Reigosa

Publicado en La Voz de Galicia (Lugo) o 12 de xuño de 2018.