Como lector, a Cunqueiro prefíroo polas mañás, tras o almorzo, coa mente esperta e as neuronas activas, dispostas a viaxar sen preguntar pola hora de regreso. A Galeano, en cambio, resérvoo para despois do xantar, no canto da sobremesa ou da sesta, para espelirme con eses golpes baixos, directos ao entripado da miña inconsciencia. E para os luscofuscos outonais ou invernais (nos de primavera e verán leo o que se me poña por diante) escollo a Juan Rulfo, mestre de esgrima cando o gume da espada é a palabra.
Coa obra de Juan B. Puchades Quilis, o escultor mindoniense nacido en Valencia en 1934, pásame algo parecido. Léoa (si, é posible ler o que se esculpe) coa ansia de quen se sente atraído polos misterios das sombras e polas engurras da luz. Canto mellor coñezo a obra de Puchades, máis a amo e dóeme, como exalumno e mindoniense, non terme decatado antes da valía do profesor que é, ademais e sobre todo, un artista xenial.
Expóñense agora no Museo Provincial medio cento de esculturas saídas das súas mans. Son pezas de medio e pequeno formato, de distintas épocas, elaboradas en materiais tan distintos como a pedra, madeira, bronce ou ferro. Predominan as figuras humanas, bustos e xente de oficios traballando, e tamén algúns animais en movemento.
A grande e abondosa obra pública de Puchades, dispersa por toda a provincia e máis alá, está representada na exposición nun panel con fotografías. Tamén se amosan algunhas maquetas de obra maior (Cunqueiro, Monumento aos mariñeiros, Puro Cora), trofeos, debuxos e bosquexos xunto cun banco que achega o aroma das labras do taller do artista desde A Brava, en Masma, ata a sala de exposicións.
A dimensión estética das propostas escultóricas de Puchades recae na técnica coa que as fabrica; para min singularmente meritoria nas numerosas pezas elaboradas con soldadura de ferro. Textura en movemento. No retrovisor, entre outras influencias, seguramente, Pablo Gargallo e Julio González.
Pero para ler con criterio a escultura de Puchades hai que volver á súa infancia, a cando xogaba a darlle forma á terra mollada acabada de regar que cultivaban os seus tíos en Font de San Lluís, entón periferia de Valencia. Ao seu pai, ferreiro forxador, ao seu primeiro mestre, o tallista Federico Siurana, ou á escola de Belas Artes de San Carlos co profesor, escritor e escultor, Carmelo Vicent Suria, como principal referente na súa formación.
Des que asenta en Mondoñedo como profesor do instituto a partir de 1960 Puchades xa forma parte por méritos adquiridos da avanzada de artistas que dan vida a Los Urogallos, que recibe encargos de todo tipo, que experimenta coa arxila cabo dos oleiros mindonienses, co bronce e co ferro, durante moito tempo no taller dos Leivas dos Muíños. Amais, como profesor comeza a crear escola da que forman parte nomes hoxe tan recoñecidos como Vizoso, Artiaga, Caxigueiro, Miguel Alonso, Mary Carro, Caxoto, González Torterolo, Mauro Leivas… e tantas outras e outros.
Para ler a extraordinaria obra de Puchades hai que achegarse ao Museo Provincial de Lugo a calquera hora de calquera día antes do 27 de xaneiro e deletrear nesta segunda exposición en solitario na súa longa traxectoria eses versos escritos na madeira, na pedra, no bronce e no ferro cos que o xenio moldeou infinitas rimas; infinitas vidas.
© Antonio Reigosa