Lobos en Cabana de Vella

En Cabana de Vella sempre houbo lobos. Antes de pelo e agora, polo que parece, tamén de pluma. Cando íamos por alí apañar toxos para cocer, segar a herba para verde ou para seco, alindar as vacas ou facer outros traballos buscabamos as pegadas das súas poutas nos lameiros de arredor das fontes e xogabamos cos ósos (cranios, fémures, espiñazos…) das súas vítimas. De haber preada, sabiámolo de contado; abondaba observar os puntos de concentración de voitres, pegas e corvos.

Coñecíamos cada palmo, desde O Retorno ao Chao e á Aldaíña, os prados da Fonte e os de Ledo, o Cerrado de Crespo e o de Bouso, que disque ten tantos ferrados como días ten un ano. Dentro deste cerrume están as ruínas da casa na que foran detidos os 19 carlistas da partida de Cornejo o 11 de outubro de 1872. Entre os presos andaba o escritor mindoniense, Patricio Delgado Luaces, quen, baixo o pseudónimo de Xan de Masma e estando deportado en Cuba, publicou “A Besta”, a primeira novela social en galego.

Por Cabana de Vella pasa un dos camiños de peregrinación a Compostela protexido pola declaración de Patrimonio da Humanidade da Unesco desde 2015. Camiño que desde Mondoñedo, por Rego de Cas e Cesuras, unha vez superada a Fonte de don Luis e o Marco da Infesta, coroa e emprende con parsimonia a aventura da Terra Chá.

En Cabana de Vella houbo un xacemento arqueolóxico chamado Castra Aestiva desde que se anunciou a súa existencia na prensa en outubro de 2015 ata que a Xunta o declarou inexistente nun DOG de hai poucos días.

En Cabana de Vella comezouse a falar da instalación dun parque eólico en 2002. Daquela ía ser de titularidade municipal pero axiña se esqueceu. En 2012 recuperouse a idea e comezouse a xestión, agora en serio, do que hoxe, febreiro de 2019, se consuma como unha decisión irrevogable, como inderrogable foi a alarma que nos primeiros días de 1966 anunciaba aos veciños de Zoñán, Estelo, Tronceda, Valiña de Freire e Espiñarcao que polos arredores da Casa do Carlista (Cerrado de Bouso) unha manda de lobos matara cincuenta ovellas, unha egua e varias crías.

En “Una montería en Toxoso”, artigo publicado por E. Lence Santar en Vida Gallega en outubro de 1923 di o noso primeiro cronista: “En Cabana de Vella acordamos batir los matorrales que existen cerca de la casa donde fue hecha prisionera la partida carlista de Cornejo, pues allí suelen verse lobos”. Máis adiante comenta que só atoparon a cama das feras e uns voitres comendo os restos dunha besta que mataran, e aínda, sempre en Cabana de Vella, explica con detalle como colocan a grea os garañóns cando ventan os lobos: “apresuradamente reune las yeguas que forman una circunferencia con las cabezas juntas, teniendo las crías en el centro”, para así defenderse a couces das dentadas do can salvaxe.

En Cabana de Vella sempre houbo e aínda hai, polo que se ve, lobos; antes de pelo e agora de pluma. E tamén segue habendo, para que a cadea trófica non se resinta, aves de rapina que en canto te descoidas arman unha montaría e só deixan á vista uns poucos ósos descarnados.

© Antonio Reigosa