O primeiro artigo de Cunqueiro en La Voz de Galicia

La Voz de Galicia publicaba o sábado, 18 de outubro de 1930, dúas páxinas, a cuarta e a quinta, baixo o título xeral “Mondoñedo, la histórica ciudad, honra a súa santo patrono”. Advirtamos para servir a curiosidade de distraídos lectores ou lectoras que non é San Lucas nin foi nunca patrón de Mondoñedo, non por falta de méritos senón porque se lle adiantou San Rosendo, bispo e mago, todo a un tempo.

E é que era o día grande das Feiras e Festas das San Lucas, e alí estaban en convivio de tinta e papel, a seis columnas, ilustrado con once fotografías e dous poemas (un de Leiras e outro do mozo J. Díaz Jácome), textos asinados por ilustres mindonienses do momento como J. Lombardía, Alejo Barja Prieto, Manuel Ínsua, R. Salgado Toimil, E. Lence Santar e un novísimo Álvaro Cunqueiro. E é que Mondoñedo, ademais de feirear e festexar, rendía aquel ano homenaxe de gratitude a tres  das súas glorias: Veiga e Leiras, entón xa falecidos, e un Noriega que alí estivo e aínda había estar entre nós ata 1947.

O mozo Álvaro Cunqueiro Mora, aínda lle faltaban un par de meses para cumprir os 19 anos e xa andaba coa revista Galiza en marcha, titulaba a súa achega “Homes do dazanove”, co subtítulo “Leiras Pulpeiro”, ao que segue unha cita do poeta e filósofo transcendentalista norteamericano, Ralph Waldo Emerson: “Eisí, os homes de carauter son a concencia da sociedade á que pertenecen”.

Polas razóns que fose, este é un deses artigos de Cunqueiro que aínda non se republicou en ningunha antoloxía, como xa apuntou en BiosBardia Xesús González Gómez, e, seguramente, na que mellor acaería sería en O mundo que teño de meu. Artigos en lingua galega. Prensa e revistas 1930-1980 (Galaxia, 2013), edición a cargo de Xosé-Henrique Costas e Iago Castro Buerger.

La Voz de Galicia (18.10.1930)

La Voz de Galicia (18.10.1930)

O breve artigo de Cunqueiro, dividido en tres partes é unha apaixonada loa, entre filosófica e poética, ao médico, político, escritor e etnógrafo que foi Leiras. Un canto á integridade do home que foi conciencia da sociedade, que transparentaba no seu ollar, no dicir de Cunqueiro, a liberdade; uns ollos que se enchen “de cumes de penedos grises, azuados ao lonxe en forma de lontananza”.

A terceira parte do artigo dedícaa ao Leiras etnógrafo, ao vello que sabe ditos maliciosos, ao médico volteriano e panteísta que, mentres camiña, sorrí, e que en chegando á casa, tras o regreso desde Valoría, anota: “Croya: Muller vendida…”

Aínda que non consta en ningún papel, é factible que o médico M. Leiras Pulpeiro e o neonato Álvaro Cunqueiro se cruzasen. Cunqueiro naceu o 22 de decembro de 1911 (Eu nacín / entre as zocas e os lóstregos na mitade da noite / corenta e sete días despois do primeiro aeroplano) e Leiras faleceu o 9 de novembro de 1912. Non se pode descartar que algún médico tivese que atender a Josefa Mora naquel transo. Non o sabemos, non o saberemos nunca con certeza pero nos “camiños do ar, nos camiños dos eleutos” nos que situou Cunqueiro a Leiras, todo é posible.

Un saúdo, un cruce de miradas, unha cuestión de espírito e de conciencia, de respecto e admiración por Leiras na memoria do entón proxecto de escritor chamado Álvaro Cunqueiro.

©Antonio Reigosa

Publicado en La Voz de Galicia (A Mariña), o 13 de marzo de 2019.