Álvaro Cunqueiro, en palabras de X. Díaz Jácome, foi clave na recuperación dos Maios de Mondoñedo en 1934. Con letra del e música de Manuel Ledo Bermúdez ‘O Pallarego’, o coro infantil da rondalla O Eco esparexeu aquel ano polas rúas mindonienses este cantar que comeza “Maio está entrando por portas/ o Maio de namorar / Maio desfolla nas rosas / para ver con quen casar“.
Os Maios de 1934, recuperados a imitación dos de antano aínda que modernizados esteticamente por Bernardino Vidarte, sen perda da tradicional solemnidade, resultaron un éxito enorme. Mentres a carroza co Rei Maio andaba as rúas seguida de mozas vestidas do verde follaxe das pravias e coroas de loureiro e mozos con floridas monteiras, desde as ventás das casas caía o aguinaldo de castañas secas (maiolas) e noces, o que lles lembraba aos organizadores, en palabras de Cunqueiro, o rito de “resurrección da terra maternal e carnal”. Rito e celebración que se repetirían nos anos 1935 e 1936.
E se Cunqueiro foi decisivo naquela recuperación dos Maios, non o foi menos o seu amigo, o músico e barbeiro Manuel Ledo Bermúdez ‘O Pallarego. Nado no Barrio dos Muíños o 30 de xaneiro de 1899 rexentou desde 1916 unha famosa barbería cabo da Fonte Vella, ateneo de tonsuras e cátedra laica da cultura mindoniense ata o seu pasamento en xullo de 1964.
Foi neno de coro e violinista da catedral, actor teatral, mecenas de operas primas de X. Trapero Pardo, Aquilino Iglesia Alvariño e o mesmo Cunqueiro, correspondente de El Progreso, presidente da Sociedad de Obreros Católicos. Ensinou música, a súa paixón, creou comparsas de Antroido e coleccionou selos, recompilou coplas e cantos populares. Fundou e dirixiu o coro e a rondalla O Eco e a escola de música da Fundación Lodeiro Piñeiroa. Musicou infindas letras, desde panxoliñas aos propios maios, entre elas o coñecido Cantar das Coruxeiras, agasallo de afecto ao seu amigo Álvaro Cunqueiro con motivo do seu ingreso na Real Academia Galega.
En 1935 houbo dous Maios, o organizado por O Eco e O Pallarego, no que se cantaron letras de Cunqueiro e Díaz Jácome, e outro, organizado polos pícaros, que cantaban coplas populares como esta: Levántate, Maio, que tanto durmiches. Xa pasou o burro e ti non o viches!
Por todo o dito e por moito máis, e ben merecido o tiña, a Escola de Música Municipal de Mondoñedo leva o seu nome desde 1997 así como unha rondalla creada na súa memoria pola súa filla, Remedios Ledo Vizoso. Urxe reeditar a monografía da autoría de F. Mayán, “Manoel Ledo Bermúdez, O Pallarego”, publicada pola Deputación Provincial en 1991, para que as novas xeracións coñezan o seu legado.
Este maio de 2019 volverán os Maios a Mondoñedo. O día 1 teremos un aperitivo para dar comezo ao recital “Mondoñedo é poesía 2019”. A carroza do Rei Maio volverá a percorrer as rúas pois a organización do evento poético quere render xusta homenaxe a quen foi artífice da súa recuperación en 1934, ao cumprírense 120 anos do seu nacemento. O 16 de maio Mondoñedo engalanarase de novo para, coa participación de mozas e mozas, revivir aqueles Maios de tempos idos, tempos de esperanza e ilusión, tempos que oxalá non se volvan a malograr, que duren alegres mil primaveras pasa en cada unha recibir o Maio como se fixo entón: Ehí ven o Maio, señor Capitán. Bótelle as maiolas da hucha do pan!
©Antonio Reigosa