O 1 de xuño tiven a honra de acompañar por Mondoñedo a un pequeno grupo de membros do Club de Lecturas da Biblioteca Municipal Durán Loriga da Coruña. Adultos, maioritariamente mulleres, paseamos Mondoñedo baixo unha calor abrasante, seguíndolle os pasos ao autor da obra que acababan de ler, Merlín e familia de Álvaro Cunqueiro.
Comezamos cabo da estatua que lle fixo J. Puchades, saudándoo respectuosamente e practicando o ritual dos tres croques, cabeza contra cabeza, para que o deus da fabulación nos auxilie nas nosas inventivas. Tres croques para tres desexos, un por cada golpe, que se cumprirán se a derradeira petición é a de volver a Mondoñedo canto antes. Este mesmo rito practicárono non hai moito un grupo de narradores orais e outro de guías de turismo con, como así nos consta, óptimos resultados.
O espazo que circunda a escultura de Cunqueiro é todo el terra sagrada. A carón está a memoria da fundación da cidade por Afonso VII e as vistas inmellorables da praza, do Bosque de Silva e da catedral. Alí estivo o patíbulo no que decapitaron a Pardo de Cela, coa torre esquerda da catedral aparentemente adiantada para ocultarlle a contemplación do covarde asasinato ao mercenario Mudarra. Un escenario que invita a entrar na catedral (non houbo tempo), na Casa Museo Cunqueiro e pasear ata a Fonte Vella e comezar polo principio, que foi o que fixemos, a biografía de Cunqueiro.
Na Fonte Vella de Álvaro Cunqueiro, cabo da antiga Porta da Vila, fronte á casa natal, comentamos a influencia daqueles espazos nos anos mozos do escritor, as primeiras aventuras culturais, o paso da viúva de Bath, peregrina a Compostela, o botica do pai, a barbería do Pallarego, a memoria do mercado da herba polas San Lucas, o silencio do discreto Sixto ou a ilusión estética dun ‘trampantojo’ inopinado.
O encontro fortuíto co último muiñeiro, Edelmiro, memoria viva desde San Roque aos Muíños, devólvenos á realidade, así que desandamos o camiño e entramos na Casa Museo Cunqueiro. A visita conclúe coa sensación xeral de termos compartido faladoiro con Cunqueiro. Un privilexio que se percibe a través dalgúns textos nos que fala desde o faio da casa. Sons e silencios, o pasar das estacións, vistas, emocións, pesares, lecturas, escritos… memoria daqueles quince anos mindonienses nos que nos foi regalando en centos de artigos o seu reencontro coa literatura galega.
Na obrigada visita ao Cemiterio Vello deu tempo de conversar, ademais de con Cunqueiro, con Leiras, Lence, Veiga e Eustorgia, a musa sen músico.
Tras un xantar competente na Casa da Penela, á caída da tarde trasladámonos ao Barrio dos Muíños. Visitamos e contamos a lenda da Ponte do Pasatempo, paseamos entre o frescor das canles e a Fonte dos Pelamios, e bebemos un grolo na Fonte do Sapo. Tamén visitamos o taller de Ton Arenas, monicrequeiro que nos descubriu os segredos do seu oficio, desde a fabricación ata a montaxe e representacións dos espectáculos. Unha paixón que nos contaxiou!
Para a despedida, un detalle inesquecible; o vello Póngalas abriu ex professo a taberna e convidounos a un refresco, e Díaz Jácome leunos un poema do seu Muiñeiro de Brétemas. Mentres as sombras se ían acomodando, o recendo exquisito dunhas cantas tortas acompañou o retorno dos viaxeiros.
©Antonio Reigosa
Artigo publicado en La Voz de Galicia-A Mariña, 6 de xuño de 2019