De Ruada con Noriega Varela
Antonio Noriega Varela

Antonio Noriega Varela

Fai este ano, aconteceu o 17 ou o 18 de outubro de 1869, 150 anos do nacemento de Antonio Manuel Fernández-Noriega Varela, coñecido no parnaso das nosas letras como Antonio Noriega Varela. E polas mesmas datas tamén fará 124 anos da publicación impresa do seu primeiro poema, precisamente a obra premiada no certame convocado polas San Lucas de 1895 baixo o título De Ruada.

Noriega fillo de nai solteira, criado nun ambiente familiar moi relixioso e conservador, con vencellos carlistas no político, viviu a infancia e primeira xuventude en Mondoñedo, no Campo dos Remedios, a carón do santuario. Formouse no Seminario desde 1883 a 1895 e acabaría sendo crego seguramente se non se lle denegase a dispensa papal que precisaba por ser fillo de pai incógnito.

Debeu ser un rapaz inquedo e rebuldeiro, moceiro e pillabán. Segundo el mesmo comenta nunha entrevista, foi o reitor do Seminario, Sergio de la Vega, quen o animou a compoñer versos para que os recitasen os pícaros polo Nadal. Polo visto, a súa inspiración poética daqueles tempos tiña máis que ver coa sátira e coa burla, e, sobre todo, co fervellar dos anos mozos, con máis preocupación polo abalar das saias das rapazas ca polo ríxido despendurar das sotanas dos cregos.

En 1895 xa publicara algúns poemas en diferentes xornais e xa era recoñecido e popular como versificador. Nese período fíxose amigo de Leiras Pulpeiro e seica se dedicou, ata que obtén o título e comeza a exercer como mestre en Foz en 1901, a andar de ruada e a gozar da vida.

Nas San Lucas de 1895, un fito na historia destas feiras e festas, convocáronse varios certames, entre eles, un literario ao mellor poema en galego que recaeu no presentado por Noriega Varela baixo o título De Ruada. O xurado estaba formado por M. Murguía, E. Pondal, Pérez Ballesteros, Victorino Novo e Martínez Salazar. No acto de entrega dos galardóns, celebrado o día 21 de outubro no Salón Teatro do Círculo de Recreo, Noriega deu lectura pública do seu poema, o que supón que foi a primeira vez que recibe un premio e inicia a carreira como recitador que se prolongaría con moito éxito ao longo da súa vida.

Portada 4ª ed. (Lugo, 1930?)

Portada 4ª ed. (Lugo, 1930?)

De Ruada é un poema longo de carácter descritivo, dividido en tres partes e composto por 174 versos, que narra con grandes doses de humor as circunstancias e contratempos que padece o propio Noriega cando asiste a unha fía (fiadeiro, fiandón) no lugar de Cesuras. Ademais de grandes valores poéticos e léxicos, este poema resulta ser un documento valioso para o coñecemento dos costumes da xente do rural naqueles anos finiseculares. O lugar da fía énos coñecido, como o percorrido, ida e volta, que fai o poeta. Cando regresa, ás costas dun veciño pois ía moi magoado logo dos paus recibidos, “nos Picos tocaba o frade”.

De Ruada publicouse aquel mesmo ano no nº 35 (8 de decembro de 1895) da Revista Gallega e en folleto na Imp. de Rollán y Compañía, de Luarca, costeado por Ramón Bustelo, deputado provincial por Mondoñedo-Ribadeo. Noriega dedícalle aquela primeira edición, á que sucederon outras, ao seu amigo, Emilio Tapia Rivas, distinguido político e avogado mindoniense ao que se debe en boa medida o enorme éxito que tiveron as Feiras e Festas das San Lucas de 1895.

© Antonio Reigosa