Alicia Esperanza de la Paz Tella-Villamarín Ferreiro (Doncide, Pol, 1938- Mondoñedo, 2019), despediuse o 10 de setembro de 2019 ás caladas, como sempre viviu e obrou.
Estudou Maxisterio, aínda que nunca exerceu a profesión. Chegou a Mondoñedo con apenas seis anos, primeiro por amor á súa tía Alicia, esposa de Pepe Cunqueiro, irmán de Álvaro, muller que morreu nova e sen descendencia e á que a sobriña reemprazou nos coidados ao seu padriño, último alcalde republicano de Mondoñedo, José R. Villamarín Pallín.
E quedou en Mondoñedo xa para sempre por amor ao profesor e escultor valenciano Juan Puchades Quilis, a quen coñece a principios da década dos 60 e co que casa en 1967. Teñen dúas fillas, Mª Jesús e Alicia.
Foi a responsable da Biblioteca Municipal ‘Pena Trapero’ de Mondoñedo desde a súa creación en 1981 ata a súa xubilación, en 2003. Colaborou en múltiples actividades relacionadas coa literatura e coa historia cultural de Mondoñedo. Participou na creación de cabeceiras literarias e culturais como Monfadal, recuperou exemplares de prensa histórica editada en Mondoñedo para a biblioteca, promoveu todo tipo de iniciativas que tivesen que ver cos libros e coa lectura.
Ademais, foi unha excelente, extraordinaria persoa; humilde, discreta, sempre disposta á axuda, leal e entregada a todas as cousas e causas da humana xente. Con Juan Puchades, musa sempre xenerosa. Coa familia Cunqueiro, por razóns familiares e afectivas, especialmente con Carmiña, atenta ata un infinito que ela, sabéndose necesaria, descoñecía.
Foise Alicia, en silencio, como sempre andou pola vida; sixilosa, cariñosa, entregada, atenta, querida, sensible, amante do Mondoñedo egrexio, soñador e sempre esperanzado!
Somos moitas e moitos os que lle debemos memoria, os que aprendemos que querer non é máis que un desexo, unha vontade!
Foise Alicia! Mondoñedo repica o silencio inabarcable da súa ausencia!
Apertas, prezado Juan, prezadas Mª Jesús e Ali! Alicia sempre vai estar en nós, e nós con vós e con ela! Un bico!
© Antonio Reigosa